«If your life is on the line then you’re dead today».
Public Enemy. 911 is a joke.
Tanto preocuparnos e tanto dar a brasa co coronavirus e resulta que, en Galicia, o realmente perigoso non é que che esbirren na faciana, senón precisar unha ambulancia con certo apuro. Ou mesmo un médico nun centro de saúde, que casos se teñen dado. Sobre todo, curiosamente, nesa zona do interior de Pontevedra cara a onde tanto interese houbo en desprazar as centrais dos servizos de emerxencias. Pois nin así…
Lembremos o último caso. Home de 74 anos que vive a 5 quilómetros do centro de saúde de Lalín (na parroquia de Catasós) pero que pasa 36 minutos agardando por unha ambulancia. O seu concello ten asignadas dúas: unha, a coñecida como «a furgoneta do pan», remata o servizo ás oito da tarde –a chamada ao 061 foi ás 21:09– e a outra estaba desprazando pacientes a Santiago. O mesmo que a do concello veciño de Silleda.
A historia repítese. Hai menos dun mes, un traballador de 38 anos finou dun infarto no Porto Exterior da Coruña; a ambulancia tardou media hora en chegar. En outubro, en Dozón, un home morreu mentres agardaba asistencia sanitaria
Cando, despois de 17 minutos de infrutuosa agarda, a situación do home comeza a empeorar, elévase o nivel de alerta e decídese mobilizar a ambulancia de Chantada; un vehículo de soporte vital, sen médico a bordo. Tarda 19 minutos máis en cubrir os 35 quilómetros de distancia ata Catasós. Finalmente, o paciente falece no PAC sen que a atención médica e enfermeira poidan impedilo.
A historia repítese, e non como farsa. Hai menos dun mes, un traballador de 38 anos finou dun infarto no Porto Exterior da Coruña; a ambulancia tardou media hora en chegar. En outubro, nas festas do Sisto (Dozón), a pouco máis de tres quilómetros de Catasós, un home morreu mentres agardaba a chegada da asistencia sanitaria. 46 minutos despois da primeira chamada, só puideron certificar o falecemento. E, antes de todo isto, en agosto do 2018, outro home perdera a vida moi preto de alí, no PAC da Estrada, onde non había médico porque a única doutora saíra atender unha urxencia.
Foi precisamente despois da morte en Dozón cando Feijóo prometeu no Parlamento a entrada en funcionamento «dunha nova ambulancia». Como no meme «cando o ves en Aliexpress/cando chega á casa», a realidade foi moi distinta: a devandita «furgoneta do pan». Así bautizaron os veciños este vehículo «de apoio, só cun condutor e escasa dotación», máis pensado para traslados que para urxencias. E, por riba, non traballa noites nin fins de semana.
En Galicia estamos acostumados a chegar tarde a todo: ás infraestruturas, á crise, á fibra óptica… ata no ditoso coronavirus quedamos penúltimos (só Murcia tardou máis en rexistrar un caso; vese que o de ter unha lingua vernácula fainos máis resistentes). Pero se hai un dito que asegura que «a Xustiza, se é lenta, non é Xustiza», o mesmo, aplicado á sanidade elevaríase a imperativo categórico. En todas as súas vertentes: o mesmo vale para as ambulancias que para as listas de espera…

Iso si, a un gustaríalle que este atraso –endémico?- provocase tanto debate como algún outro, mesmo nas Cortes do Estado. Por iso da casualidade e a causalidade, a noticia da morte de Lalín compartiu tempo e espazo nos medios cunha comparecencia do ministro de Transportes (que pouco lles gusta aos socialistas o de «Fomento») no Senado a conta, once again, do AVE. Pero non foi unha comparecencia máis…
Aquel día, Ábalos insinuou algo que negou con rotundidade a Xunta e indignou –aínda máis– as vítimas do Alvia: que Feijóo lle insinuase a posibilidade de rebaixar a seguridade na alta velocidade para rematar máis axiña as obras. «Suxeriunos o seu presidente –respondeu na Cámara Alta a Pilar Rojo– que con ASFA quizais poderiamos chegar antes». O ASFA, lembremos, foi o sistema que non conseguiu evitar a catástrofe de Angrois –81 mortos, máis de 140 feridos–, algo que nunca tería acontecido co ERTMS, o que debe funcionar nas liñas que se porán en funcionamento nalgún momento de 2021.

Seguramente, cando se depuren todas as responsabilidades –penais e políticas– do acontecido na curva da Grandeira, ese atraso histórico do AVE e a necesidade política de reducilo a calquera custo acaben saíndo á luz como unha das causas que concorreron na traxedia.
Mentres, queda claro que as prioridades son distintas no ferrocarril e no asfalto. Quen nos dese contar con máis ambulancias no noso rural. Aínda que viñesen co ASFA. Total, nesas estradas poucas veces se pode ir a alta velocidade…
*A foto da apertura é de Tesgalicia, a Asociación Profesional de Técnicos en Emerxencias Sanitarias e Xestores de Emerxencias de Galicia.