O negocio privado dos aparcadoiros públicos dos hospitais galegos: demanda cautiva e tarifas abusivas

A Coruña-. Persoal, usuarios e familiares de pacientes da sanidade pública de Galicia están a protestar polas elevadas tarifas dos aparcamentos públicos de moitos hospitais da comunidade, a maioría en mans de empresas privadas e algúns dos cales teñen os prezos máis caros da súa contorna. Denuncian que o problema se agrava pola falta de prazas gratuítas e as deficiencias do transporte público, que colaboran para conformar un negocio moi lucrativo para as concesionarias que engorda grazas á situación de necesidade de enfermos, acompañantes e traballadoras.

O último exemplo é o hospital do Salnés, en Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), onde a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP) asegura que aparcar en prazas gratuítas nas proximidades do centro «é unha odisea», en palabras dos seus portavoces, que obriga aos usuarios deixar o coche lonxe da entrada, en pistas de barro que se asolagan coas choivas nunha zona ventosa. Iso complica o acceso «de persoas maiores, pacientes oncolóxicos, enfermos en cadeiras de rodas, con dificultades para andar…».

«Parece que é o que quere o Servizo Galego de Saúde (Sergas): que teñas que deixar o coche no aparcamento privado e pagues unhas cantidades inasumibles mentres accedes ou acompañas a unha persoa a un servizo público», engaden. A primeira hora do aparcamento de pago do hospital custa tres euros, case o dobre que outros aparcadoiros privados do centro de Vilagarcía. «Enfermar xa é un privilexio, só para quen ten diñeiro», lamentan. Na contorna do hospital hai menos de 40 prazas gratuítas, e o estacionamento converteuse nun problema de seguridade, pois os vehículos mal aparcados interrompen con frecuencia o tráfico e as vías de acceso peonil e chegaron a impedir o paso de ambulancias.

Case a metade de prazas que traballadores

O portavoz da Asociacion de Pacientes e Usuarios do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), Fernando Abraldes, confirma que os hospitais da área sanitaria da capital de Galicia, especialmente o Clínico, padecen desde hai anos o mesmo problema. «Cando se inaugurou [en 1993] proxectáronse 1.200 prazas de aparcamento gratuítas para un persoal de entre 4.000 e 4.500 traballadores, dos que non menos de 3.500 ían estar na quenda de mañá. Xa se sabía entón que ía haber problemas, e co tempo mesmo se eliminaron prazas. Quizá é que o que se busca é o negocio do aparcadoiro privado».

Abraldes explica que as tarifas dese aparcamento, 2,55 euros a hora, están entre as máis caras da cidade, só equiparables ás da Praza Roxa, en pleno centro de Santiago. O aparcadoiro do Clínico é público e de titularidade municipal, pero «cunha concesión de 50 anos cun canon irrisorio, 30.000 euros ao ano. A empresa ten beneficios de entre medio millón e 600.000 euros por exercicio á conta de centenares de enfermos, familiares e traballadores».

«Parece que é o que quere o Servizo Galego de Saúde (Sergas): que teñas que deixar o coche no aparcamento privado e pagues unhas cantidades inasumibles mentres accedes ou acompañas a unha persoa a un servizo público»

Traballadores e pacientes levan anos lamentando os prezos dos aparcamentos do Complexo Hospitalario Univeristario (CHUAC), sen apenas alternativas de estacionamento gratuíto e tarifas que roldan os 3,75 euros por dúas horas. A menos dun quilómetro de alí, o aparcadoiro de pago que dá servizo ao Centro Oncolóxico de Galicia e ao hospital materno-infantil Teresa Herrera tamén é un dos máis caros da cidade. Construíuno o Concello, gobernado entón por Carlos Negreira (PP), cun investimento de 3,5 millóns de diñeiro público, pero deixou a súa xestión en mans dunha concesionaria privada.

En Vigo, onde a Xunta gobernada entón por Alberto Núñez Feijóo privatizou a xestión de todos os servizos anexos ao novo hospital Álvaro Cunqueiro, a xunta de persoal e as asociacións de pacientes e familiares tamén denunciou a falta de alternativas a un aparcadoiro xestionado por unha concesionaria que ofrece a primeira media hora gratis pero que logo cobra tarifas próximas aos dous euros a hora.

Estacionamento gratuíto

Luzes-Público dirixiuse ao Servizo Galego de Saúde para interesarse sobre a súa valoración das protestas de traballadores e pacientes sobre a situación dos aparcamentos. A Xunta aclara que «todos os hospitais dispoñen de prazas de estacionamento gratuíto para usuarios ou traballadores» e apunta que «a casuística […] é diversa. Así, no caso do Complexo Hospitalario da Coruña, por exemplo, existe un aparcamento privado cuxas tarifas as establece a propia empresa privada. No de Santiago hai un aparcamento municipal que xestiona o Concello, que é o responsable do establecemento das respectivas tarifas».

O Sergas engade que o Goberno de Alfonso Rueda, «no marco das grandes obras para a mellora das infraestruturas hospitalarias que está a impulsar na Coruña, Santiago de Compostela ou Pontevedra, ten o compromiso de dotación de prazas de aparcamento para usuarios e profesionais dos hospitais con tarifas accesibles».

«No caso do hospital Novo Montecelo de Pontevedra, por exemplo, o novo aparcamento dispoñerá de tarifas similares ás do Hospital Álvaro Cunqueiro, coa primeira media hora gratuíta e abonos para o persoal», continúa o Sergas. «Para poder garantir a viabilidade da concesión coas tarifas establecidas, será necesario que a Xunta realice un esforzo económico adicional, achegando durante a fase de construción máis de 3,5 millóns de euros e unha partida anual de 440.000 euros para garantir a súa viabilidade».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail