A polémica da iluminación de Touro

A tormenta política no municipio comezou por unha memoria técnica sobre un proxecto de iluminación exterior realizada para solicitar unha subvención estatal. Nela recóllense modelos da compañía Artesolar, empresa onde traballa o irmán de Díaz Ayuso, como características para a instalación das luminarias.

A corporación municipal de Touro, un concello coruñés de 3.620 habitantes, votou a favor de elaborar un proxecto de instalacións de iluminación e sinalización para acollerse a unha axuda do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE). A proposta partiu do PP, que sustenta maioría absoluta e goberna desde fai case tres décadas. A alcaldía remitiu ao IDAE unha memoria técnica onde se inclúen as características das luminarias da empresa Artesolar onde traballa Tomás Díaz Ayuso, irmán da presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso.

[Puedes seguir leyendo este artículo en castellano aquí]

O alcalde de Touro desde 1994 é Ignacio Codesido, que encargou a elaboración da memoria á empresa Consultores de Eficiencia Enerxética. No documento, ao que tivo acceso Público, móstrase unha táboa cos modelos de Artesolar, unha empresa moi recoñecida no sector, manifestado como «as luminarias novas que se van a instalar terán as seguintes características». Os partidos descoñecían o nome da entidade que elaborou este documento, así como que o mesmo xa foi remitido ao IDAE para a súa avaliación. No caso de ser favorable, abrirase un concurso público onde as compañías poderán presentarse.

O pleno municipal aprobou a subvención cos votos en contra de Marea Veciñal, o principal grupo da oposición. A agrupación criticou que neste documento radica o nome de Artesolar cando o contrato ten que decidirse nunha votación despois dunha concorrencia pública. Facendo referencia a outras polémicas de «contratos a dedo» da empresa Artesolar, afean o feito de que se recolla no informe técnico os modelos da propia marca. O grupo pediu a retirada do proxecto, pero finalmente saíu adiante, «consolidando uns pregos que anulan a concorrencia esixida por lei nos contratos públicos e que supoñen na práctica darlle a dedo un contrato millonario á empresa do irmán da polémica presidenta da Comunidade de Madrid do mesmo partido», explican nun comunicado.

O edil de Touro, Ignacio Codesido, explicou a Público que «non existe contrato algún» coa empresa e que foi a consultora a que escolleu a marca. «Fíxose así para solicitalo, non asinamos nada, cada un di o que quere. Logo no proxecto ábrese o concurso, pola contra, sería ilegal», explica. «Sei quen é Díaz Ayuso, pero non a coñezo persoalmente, paréceme absurdo».

Fontes da corporación municipal comentaron que a consultora «vai da man do provedor de luminarias» e que por iso se sinala na memoria a marca Artesolar restrinxindo polo tanto a competencia, «unha práctica bastante estendida», comentan. «A consultora que ten encargado o traballo facilitoulla un comercial de luminarias que traballa para varias marcas, unha persoa próxima ao alcalde, e que pretende meter a marca no proxecto», sosteñen.

Segundo explicou a consultora, para a elaboración da memoria colleu como «referencia» Artesolar para xustificar os 150.000 euros de orzamento. «Pídenolo o IDAE. É un documento privado que realizamos para que o concello poida acceder á subvención. Despois, se o IDAE acepta, o concello ten que encargarse do prego administrativo e a mesa de contratación votará. Da mesma maneira, a axuda pode vir denegada e pode ser que todo isto non sirva de nada».

Pola súa banda, o PSOE denunciou «erros» na memoria que lle custaron ao Concello 2.500€ a maiores. O BNG cre que é unha «chafallada» e apoia pedir a subvención, pero non con esas «neglixencias». Todos os partidos de Touro, tamén o PP, aseguran que na concorrencia final e pública non constará a marca Artesolar, senón os distintos arquetipos que se solicitan para levar a cabo un novo modelo de iluminación do municipio.


Este artigo publicouse orixinariamente en castelán en Público como parte dun acordo de colaboración con este periódico. Aquí podes atopar máis artigos de Público en Luzes.

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail