Fuck the plastic is fantastic

Todo o mundo sabe que en Ámsterdam hai un barrio vermello, en pleno centro, aos pés dalgunhas das canles máis bonitas da cidade, e soamente a dez minutos andando dende a praza Dam, un dos seus epicentros, onde atopamos o Palacio Real ou a Nova Igrexa, do século XV.

Ámsterdam foi quen de facer do seu barrio vermello un espazo de atractivo turístico mundial, recoñecido como gran fonte de ingresos e lugar de peregrinaxe –xunto aos coffeshop ou os museos Van Gogh e Rijks. E todo, malia a ser unha noxenta feira da carne con prostitución «legal», porque moitas desas mulleres seguen indirectamente vinculadas a mafias aínda que paguen impostos, teñan regularizada a súa situación laboral e conten con asistencia sanitaria ou un lugar no que se gardar.

Distrito vermello de Ámsterdam.

O que conseguiu Ámsterdam non foi quen de acadalo Bruxelas ou Amberes. Porque nestas dúas cidades belgas tamén temos barrios vermellos, con mulleres a exhibírense detrás de cristaleiras abertas nas pequenas fachadas dos estreitos edificios típicos desta rexión de Europa. Si, aquí tamén temos eses mercados da carne só que non atraen turistas, ou fano dun xeito moitísimo menos numeroso e, dende logo, non tan popular na psique colectiva.

Se collemos o tren dende Amberes ata Bruxelas chegaremos á Gare du Nord e xusto á entrada desa estación do norte bastará con botar a ollada cara un lado para ver o barrio vermello, grazas á altitude das vías do tren. Pero non haberá canles de auga, nin rúas iluminadas con candís colorados espallando o atractivo co que asociamos á Venecia neerlandesa.

Locais de prostitución na rue Aarschotstraat, ao norte da Gare du Nord, en Bruxelas.

Non. No barrio vermello bruxelés ole a podre e a mexadas, ao cheiro das cabichas agochadas durante días detrás das rodas dos coches, acumuladas nas esquinas, mesturadas con auga, barro e aceite ao desfacérense nos charcos que se forman entre a beirarrúa e o pavimento. Ole a suor, e ese noxo bate nos nosos fuciños. Aquí non hai glamour, aquí non hai turistas de todas as partes do planeta, aquí non hai familias que rompen colectivamente a súa vergoña sobre o que non falan na casa, mentres os rapaces sorrín e o pai procura inocente a aprobación da nai ante o saúdo da prostituta ao outro lado do cristal.

No barrio vermello de Bruxelas so hai sexo e diñeiro, o segundo polo primeiro, sen hipocrisía. Con naturalidade, naturalidade belga. Como a da profesora que fala dos impostos e a declaración anual ante facenda e pon de exemplo a esas prostitutas do barrio vermello, que tamén a fan.

—Entón, a prostitución é legal aquí en Bélxica?, pregunto.

—… pois si, responde. E faino cun aceno de ignorancia e incredulidade, non se sabe moi ben se por non coñecer en profundidade o terreo no que de súpeto se atopa, ou porque para ela debería ser o normal en todos os países e a cuestión resúltalle estraña.

Vaia pregunta, pensarán, porque se hai un barrio vermello aberto a todo o mundo é obvio que a prostitución debe ser legal. Pero isto é Bélxica e aquí as cousas funcionan ou existen ás veces porque si, sen razóns aparentes ou normas que as amparen. Como a cervexería a carón dun cemiterio que só abre os domingos e os días de enterro. Referencia mundial para os entendidos.

Un local no distrito vermello de Bruxelas.

Ou como o puticlube de bonecas inchables que acaba de pechar. «Rematouse o entusiasmo», recoñeceu hai uns días o seu dono. Era o primeiro e único puticlub deste tipo en todo o país, ao norte de Bruxelas. Case que unha mala parodia sexual daquela famosa canción de Aqua, «life in plastic, is fantastic…». A imaxinación, a vida é a túa creación, cantaban os daneses e o belga responde que as fantasías se converten en realidade. Realidades de plástico non explotadas.

Logo de dous anos de funcionamento semella que aos clientes xa non lles gustan as oito bonecas importadas dende China, por seren máis baratas que as estadounidenses. Eran de diferentes estaturas, tamaño de peitos, cores de pel e pelo; bonecas «avanzadas» que dicía o seu propietario. Porque o plástico co que estaban feitas adaptábase á temperatura da habitación, non fose cousa do suor.

Sex Doll House en Bruxelas.

Este pioneiro convertera o salón da súa casa nese curioso puticlub de plástico. O home sentaba no sofá diante da tele, ou facía as tarefas do seu fogar, ata que o cliente remataba e marchaba. 50 euros media hora, 80 euros unha hora, 120 euros hora e media. Para os nostálxicos ou os curiosos as bonecas inchables están agora á venda en Internet, 850 euros a máis barata e 1.000 euros a máis cara.

Agardan pola seguinte persoa con vergoña ou principios como para non empregar os servicios dun barrio vermello.

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail