«Se por algo estou orgullosa é porque traballo na televisión pública de Galicia. Somos un servizo público. Seguro que na TVG hai cousas que mellorar, sempre se pode facer mellor, pero aí hai unha chea de compañeiros moi bos (…), grandes profesionais, rigorosos e serios aos que lles encanta traballar todos os días. Así que esixídenos, obrigádenos a dar o mellor porque vós non sodes audiencia, non sodes clientes, non sodes usuarios; sodes os propietarios. Así que: polo público! En todos os sentidos!».
Marga Pazos, no discurso de recollida do seu Premio Mestre Mateo á Mellor Comunicadora.
Distopía: a presentadora estrela dos informativos de TV3 sofre represalias da dirección pola súa postura crítica e de denuncia da manipulación e falla de liberdade para realizar o seu traballo. A mil quilómetros de alí, La Voz de Galicia abre con este tema a súa sección España; Roberto Blanco Valdés escribe un dos seus artigos que hai que ler berrando, como fai el nos faladoiros, e ata Caneiro deixa durante un anaco de lustrar os zapatos de Feijóo para solidarizarse cos que –coma el– son vítimas da censura do nacionalismo separatista e excluínte. Con menos ardor guerreiro, informadores e columnistas do resto de cabeceiras da prensa concertada transitarán durante os seguintes días ese mesmo camiño…
Realidade: dende hai anos, Marga Pazos é a presentadora estrela dos informativos da TVG. Un deses contados rostros televisivos que son recoñecibles por calquera galego; unha liga na que xogan Gayoso, Roberto Vilar, Touriñán e, quizais, dous ou tres máis. Non me cega a amizade se afirmo que é, sen dúbida, a mellor comunicadora audiovisual do país, algo que non depende do Mestre Mateo (lembremos que ata Iolanda Castaño ten un!).
Pero Marga é máis que iso. A súa traxectoria vén avalada non só por esa presenza ante a cámara, senón tamén na redacción. E iso que cada vez que un relevo en San Caetano traía un cambio na dirección, ela pasaba a ser automaticamente sospeitosa de ter colaborado coa anterior. Duraba pouco; a corentena aguantaba o que tardaba o seu traballo en volver falar por si mesmo.
Agora, despois de que fose apartada das tarefas estritamente xornalísticas, Defende a Galega apoiouna co cancelo #TodasSomosMarga. Porén, ese lema non di a verdade. Non todas somos Marga Pazos (oxalá, pola parte que me toca!). Marga é un símbolo dentro e fóra da TVG. O dunha persoa firme de carácter e conviccións, orgullosa de traballar no medio público do seu país, un medio no que –sen dúbida algunha– cre moito máis que aqueles (e aquelas) que agora a atacan, profesionais mediocres para os que a CRTVG serviu como refuxio dourado; un lugar onde levarlle a carteira a un conselleiro, ou ser apoderado do PP, é garantía dabondo para acceder a un cargo directivo xenerosamente pagado cos cartos de todos. Esa concepción de cortijo –da que o partido no poder non é, por certo, o único culpable–, é a que levou a corporación ao seu actual estado de desprestixio, e a que converteu a Marga nunha persoa tan incómoda.
A mediocridade é un dos trazos característicos do perfil do acosador laboral e iso, acoso, é o que está a sufrir Marga
Non emprego o termo «mediocre» porque si: é un dos trazos característicos do perfil do acosador laboral e iso, acoso, é o que está a sufrir Marga. Despois de que unha sentenza xudicial recoñecese que levaba 20 anos realizando labores de redacción, a resposta dun organismo –lembremos– pertencente á administración pública foi apartala por decreto dese traballo. Fíxoo agarrándose como a un cravo ardendo a unha categoría laboral en desuso («locutora», categoría a extinguir na TVG e xa extinta en TVE) e á falla dunha titulación específica en Xornalismo. Alguén que se licenciou na USC, onde tiñas o título asegurado dende o momento no que entrabas pola porta, e que compartiu e comparte trincheiras con algúns dos mellores xornalistas non titulados do país (Aida Pena, Xosé Hermida, Xaime López…), non pode menos que considerar ridículo este argumento. Sobre todo porque non importou en dúas décadas; porque non importou ata o xuízo pola folga xeral do 8M; porque non importou ata que Marga foi elixida polos seus compañeiros da autonómica para ler na Praza de Praterías o Manifesto pola Dignidade dos Medios Públicos…
«Nós non somos nin debemos ser o gabinete de comunicación de ningún goberno, sexa da cor que sexa. Non somos nin debemos ser o altofalante das súas mensaxes. Non é a nosa misión nin a nosa responsabilidade cambiar ou prorrogar executivos, mudar ou perpetuar intencións de voto… Non vos deixedes convencer. Intentade debater, discrepar, pódese facer nas redaccións. Cando vos veñan con esa frase que todos oímos: «E que non sabes onde traballas?, contestade: Eu si, na casa de todos e todas as galegas. De todas!».
Dicíao dende a súa experiencia: Marga discutía, discrepaba, pelexaba os enfoques e as noticias ás que ía ter que poñerlles cara. Como manda o canon épico, convertera nun Vietnam a súa mesa, esa mesa onde hoxe pasa horas cos brazos cruzados porque non a deixan traballar.
«Ódianme porque non poden ser eu», dicía aquel descontrolado personaxe de Sementes de rancor. O que alí era farsa, aquí é traxedia. O espello de Marga devolve ás actuais responsables de informativos da TVG a imaxe do que non son: profesionais rigorosas, grandes comunicadoras e –isto tampouco é menor– galegofalantes non só cando se acende o piloto vermello de directo. Por iso, aínda que non foi a primeira en sufrir estas arbitrariedades (que padeceron outros presentadores pero tamén moitos profesionais case anónimos, como somos a maioría da tropa xornalística), derrubar a Marga é derrubar un símbolo. Se ela cae, cae alguén capaz de converter o habitual en extraordinario. Sirva como exemplo o seu momento Manuel María noutra gala dos Mestre Mateo: o tradicional e emotivo recordo aos profesionais que desapareceron durante o ano transformado nunha mostra de amor á lingua e á profesión.
«Quería esnaquizar algo fermoso». Edward Norton xustifícase así tras desfigurar sen necesidade o rostro dun dos seus compañeiros, xa derrotado, do Club da Loita. Ás veces, penso que esa mesma sensación percorre algúns despachos de San Marcos.
PD: Nesta realidade, os medios cataláns non informan das represalias a unha presentadora da TVG. E os galegos? Algún hai. A cousa é atopalos…