A Coruña.- As cerámicas de Sargadelos foron durante décadas o símbolo pop da identidade cultural e nacional de Galicia. As súas vaixelas, figuras, xoias e amuletos, baseados nos deseños do Laboratorio de Formas que puxeron en marcha a mediados do século pasado un grupo de artistas e intelectuais nucleados ao redor de Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane, modernizaron a tradición ceramista patria, vinculándoa á actividade editorial e á promoción da en plena ditadura. Convertéronse nunha referencia singular e exclusiva da galeguidade. Nos últimos anos, o actual propietario da compañía deulle a volta a todo ese legado, dunha forma que os seus antecesores xamais terían imaxinado nin no peor dos seus terrores nocturnos.
A Fundación Sargadelos, ligada á empresa que preside hoxe Segismundo García, organiza anualmente un foro de debates cuxos relatores serán este ano a presidenta da Comunidad de Madrid, Isabel Díaz Ayuso; o exministro socialista José Blanco; o expresidente do Grupo Prisa Juan Luis Cebrián, e o exbanqueiro Mario Conde. O leit motiv do ciclo de conferencias, que se celebrará entre xaneiro e febreiro en Ribadeo (Lugo), titúlase «Iniciativa privada e poder público». O ano pasado, baixo o reclamo «O Estado: súbditos ou cidadáns», o certame reuniu ao exdiputado de Vox Iván Espinosa de los Monteros, ao exvicepresidente socialista do Goberno Alfonso Guerra, á súa homóloga polo PP Soraya Sáinz de Santamaría, e á exalcaldesa da capital do Estado por Más Madrid, Manuel Carmena.
20 anos por estafa e apropiación indebida
Mario Conde era presidente do Banco Español de Crédito (Banesto) cando foi intervido polo Banco de España, por mor dunha trama corrupta pola que foi condenado en 2002 polo Tribunal Supremo a 20 anos de cárcere por estafa e apropiación indebida. José Blanco lidera xunto ao exministro do PP Alfonso Alonso a empresa de consultoría Acento, contratada pola multinacional papeleira portuguesa Altri para achandar nas administracións galega, española e europea a aterraxe do seu proxecto para construír unha fábrica de celulosa en Palas de Rei (Lugo), a súa localidade natal. En canto a Juan Luis Cebrián, é membro do Grupo Bildeberg, que reúne ás 130 personalidades máis influentes do planeta entre millonarios e CEOs. Foi director de El País entre 1976 e 1988 e presidente do seu grupo editorial, Prisa, cuxa presidencia honoraria lle foi retirada tras a súa fichaxe por The Objective, un dos diarios dixitais ao que os cazadores de bulos atribúen a distribución de noticias falsas. Como as que fundamentaron a denuncia de Manos Limpias contra Begoña Gómez, muller do presidente do Goberno, e que á súa vez nutren o discurso ultra de líderes políticos de extrema dereita como Díaz Ayuso.
Luzes-Público tentou sen éxito contactar con Segismundo García e preguntou por escrito á empresa polos criterios que emprega a súa Fundación para elixir os relatores dos foros que organiza. Non obtivo resposta, pero na nota de prensa distribuída aos medios a institución asegura que o seu obxectivo é «fomentar o diálogo e a tolerancia, á vez que impulsar a vida cultural da Mariña lucense» mediante o debate «dun tema controvertido e, quizais, un tanto incómodo para intelectos habituados a remar a favor da corrente». «Pretendemos abordar a realidade sen excesivas trabas e desde as diferentes perspectivas: intelectual, académica e política», engade a Fundación Sargadelos.
Un liberal cuxa firma recibíu un millón en axudas da Xunta
Segismundo García definiuse nalgúns artigos publicados na prensa local e rexional como «un liberal» que cre firmemente na sociedade «do mérito e o esforzo», e que deosta a intervención da Administración pública nos asuntos empresariais e laborais. Claro que esa contundencia verbal sobre as súas conviccións ideolóxicas non lle impediu reclamar e cobrar máis de medio millón de euros en axudas da Xunta durante os mandatos de Alberto Núñez Feijóo, a cuxa parella, Eva Cárdenas, contratou como asesora en 2020. Poucos días antes, e sen facelo público, o Goberno que presidía Feijóo acordara renunciar á súa representación no padroado da Fundación Sargadelos. Cando Feijóo se trasladou a Madrid tras ser designado presidente do PP, Cárdenas tamén deixou a empresa.
García fíxose coa propiedade de Sargadelos a principios da primeira década deste século, desprazando progresivamente a Díaz Pardo e a súa familia dos poderes executivos da compañía, despois de que esta atravesase varias crises sucesivas. En 2018 mantivo un polémico enfrontamento coas súas traballadoras pola persecución á que someteu á entón presidenta do comité de empresa, á que despediu e tivo que readmitir posteriormente por unha sentenza xudicial que o condenou tamén a pagar 30.000 euros polos danos morais que lle causaba.
Para presionar ás traballadoras para que destituísen á presidenta do comité, García chegou a despedir a 22 delas en apenas unha semana. En setembro do citado ano, Luzes-Público desvelou o audio da reunión que mantivo co plantel, na que lles advertiu das súas intencións con ameazas deste tipo: «Xa poden vir os sindicatos, xa poden vir os xuíces, xa pode vir o Papa Francisco ou [Mariano] Rajoy. Aquí quen manda son eu, está claro?». Quen sabe, quizáis ese é o cartel do próximo Foro Sargadelos.