O Parlamento Europeo debaterá con carácter urxente a pedimento do BNG a situación creada polos pellets

A Coruña.- A Conferencia de Presidentes do Parlamento Europeo ven de aceptar a proposta da eurodeputada do BNG, Ana Miranda, de debater no próximo pleno da Eurocámara, que se celebrará a semana que vén en Estrasbugo, a situación creada en Galicia pola vertedura de pellets do Tocanao.

Segundo informou o BNG nun comunicado, será «un debate específico e urxente» sobre a marea plástica a proposta do grupo Verdes-Alianza Libre Europea, ao que está adscrita a eurodeputada.

«É unha gran noticia», asegura Miranda, quen subliña que a Unión Europea «ten moito que dicir» sobre como se está xestionando a crise.

«Por unha banda, a inclusión do Corredor de Fisterra como zona altamente sensible para a Organización Marítima Internacional (OMI) permitiría establecer normas máis estritas e esixir maior responsabilidade por parte dos operadores de embarcacións e do control do tráfico marítimo», sostén a eurodeputada nacionalista.

Bandeiras de conveniencia

Por outro, «hai que engadir ademais a relevancia do feito de que actualmente se está modificando a Directiva 2009/21/CE referida ás bandeiras de conveniencia, posta en marcha tras o accidente do Prestige».

Do Tocanao, abandeirado en Liberia, caeron o pasado 8 de decembro os contendores cargados de pellets que cinco días despois empezaron a aparecer nas costas de Galicia e que hoxe xa alcanzan as Cantabria e Euskadi.

«É fundamental que se aprobe e entre en vigor a revisión do paquete de seguridade marítima da Unión Europea e a revisión do Convenio MARPOL 73/78 da Organización Marítima Internacional (OMI), incluíndo a eliminación da contaminación procedente de microplásticos a partir de contedores», destaca a portavoz do Bloque.

«Temos a satisfacción de facer en Bruxelas e en Estrasburgo todas as accións na nosa man para defender o noso mar, a nosa costa e a nosa xente», conclúe.

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail