Un xulgado de Noia abre dilixencias penais pola vertedura de pellets

A Coruña.- A xuíza de Primeira Instancia e Instrución Número 2 de Noia (A Coruña) abriu dilixencias penais pola vertedura de pellets nas costas galegas tras a denuncia presentada por Podemos, segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Esta denuncia súmase ás que tamén presentaron no seu día a Fundación Montescola, Ecoloxistas en Acción e a Plataforma pola Defensa do Mar (Plademar) Muros-Noia por un presunto delito contra o medio ambiente.

A ría de Muros e Noia foi a primeira na que se advertiron os efectos da vertedura do buque Toconao, que o pasado 8 de decembro perdeu polo menos un contedor cargado de sacos de pellets cando navegaba ao norte de Portugal.

Os primeiros restos dos plásticos, que desde entón seguiron chegando ás costas galegas e que tamén alcanzaron ao litoral cantábrico, foron descubertos nas praias de Muros o 13 de decembro.

No seu auto, de data 9 de xaneiro de 2024, a xuíza Andrea Cernadas Lado considera que «non estando determinadas a natureza e circunstancias dos feitos nin as persoas que neles interviñeron, é procedente (…) incoar dilixencias previas e practicar aquelas esenciais encamiñadas a efectuar tal determinación».

«Unha catástrofe ambiental»

A candidata de Podemos á presidencia da Xunta nas eleccións autonómicas do 18 de febreiro, Isabel Faraldo, lembrou que a vertedura constitúe «unha catástrofe ambiental de primeira magnitude» pola previsible degradación dos ecosistemas costeiros.

Faraldo tamén advertiu que «o dano continúa moito despois de que a vertedura inicial haxa ocorrida, exercendo efectos a longo prazo».

A xuíza deu conta ao Ministerio Fiscal da incoación do caso.

A propia Fiscalía de Medio Ambiente abriu dilixencias de investigación tras achar indicios dun delito ambiental na vertedura, que ademais, e en contra da versión que ata o de agora segue mantendo a Xunta, considera probablemente tóxico.

A Fiscalía pediu á Xunta que lle proporcione toda a información da que dispoña sobre o caso, e ao Seprona, que avalíe o perigo dos pellets tanto para o medio ambiente como para o ser humano.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail