Mestres galegos advirten contra as clínicas privadas de Muface e piden aos seus colegas que opten pola sanidade pública

A Coruña.- O Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galicia (STEG) iniciou unha campaña para pedir aos profesores da comunidade adscritos á Mutualidade de Funcionarios Civís do Estado (Muface) que escollan e defendan o sistema público de saúde fronte ás empresas privadas concertadas que traballan con esa entidade.

STEG alerta que Muface deriva cada ano miles de millóns ás compañías Adeslas, Asisa e DKV que se detraen do orzamento da sanidade pública, e advirte ademais de que esas empresas foron retirando nos últimos anos numerosas prestacións dos seus respectivos catálogos, e de que hai afiliados a Muface en Galicia aos que a entidade se negou a cubrilos cando acudiron a centros públicos pola falta de atención nos privados.

«O sistema está montado para garantir unha carteira de clientes a esas compañías, que fan negocio coa saúde e que este ano van recibir 2.477 millóns de euros do Estado mentres se deteriora a sanidade pública», asegura Miguel Paz, membro de STEG. «Cantas médicas e médicos, enfermeiras e enfermeiros, celadoras e celadores se poderían contratar con ese diñeiro?», se pregunta.

Muface, adscrita ao Ministerio de Facenda e Función Pública, é un réxime mutualista diferente ao da Seguridade Social, de afiliación obrigatoria e exclusiva para os funcionarios de carreira -os interinos non forman parte del-. Xestiona as prestacións de 1,5 millóns de empregados e empregadas públicas, ás que ofrece a posibilidade de recibir atención médica nos servizos públicos de saúde ou nos centros concertados coas compañías aseguradoras privadas.

A maioría escollen a segunda opción, pero segundo un estudo de investigadores da Universidade de Las Palmas de Gran Canaria recollido por El País en setembro pasado, ese número está a reducirse desde 2006 en ao redor de 10.000 mutualistas ao ano.

Imaxe dun hospital privado na Coruña.

«Cremos que os funcionarios deben escoller a sanidade pública, primeiro por coherencia, porque forman parte do sector público, e segundo porque as empresas aseguradoras están a reducir as súas carteiras de servizos e porque temos constancia de varios casos nos que Muface se negou a pagar á Seguridade Social os gastos de atención a algúns mutualistas, que acudiron a hospitais públicos porque nos centros privados das aseguradoras non lles prestaron atención», afirma Paz.

Luzes-Público dirixiuse ao Ministerio de Facenda e Función Pública para obter a versión dos responsables de Muface, pero ao peche deste artigo non obtivera resposta.

Centros sen urxencias 24 horas

Carme Rodríguez, asesora xurídica de STEG, explica que a situación é especialmente grave nas localidades con menos poboación, onde as aseguradoras que traballan con Muface teñen concertos con pequenas clínicas que non dispoñen de urxencias as 24 horas. «Nun caso urxente e se o centro concertado está pechado, o primeiro que fai o paciente ou a súa familia é levalo ao hospital máis próximo», detalla.

«Tivemos o caso dun compañeiro en Vilagarcía (Pontevedra) que tiña síntomas de infarto e atopou pechadas as urxencias do centro privado que tiña asignado. No número de teléfono de urxencias que lle facilitou o seguro privado de Muface tampouco o atenderon. Así que a súa familia o levou ao hospital público do Salnés, que está a doce minutos, porque o concertado máis próximo estaba a case corenta minutos. Alí déronlle prioridade un porque constataron os síntomas de infarto, pero cando o diagnosticaron, tratábase dunha indixestión. Muface negouse a pagar os gastos de asistencia”, explica a avogada.

Rodríguez considera que a actuación do organismo público supón deixar en mans dos mutualistas o seu propio diagnóstico médico, que de non resultar acertado se acoden a un centro público, pode derivar en que sexan eles os que teñan que afrontar os custos da atención médica e das probas diagnósticas.

STEG, un sindicato galego, feminista e laico

STEG defínese como un sindicato galego, asembleario, progresista, de clase, feminista, laico e defensor do ensino público. Por iso, aseguran os seus afiliados, non ten seccións sindicais en centros de ensino privado nin concertado, nin admite tampouco entre os seus membros a profesores de relixión, que cobran un soldo público, pero son designados pola Igrexa católica.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail