Atrás van quedando os grandes eventos do verán con programas totalmente androcéntricos, onde elas quedaban silenciadas. O feminismo traballa desde os equipos de produción dos certames e aposta polo talento das mulleres, porque tampouco podería ser doutro xeito: elas dominan a escena. O camiño tampouco foi de rosas, máis ben de ortigas, pero o activismo levantou un «A» que xa ninguén pode tombar.
Ao longo da historia as mulleres foron discriminadas do ámbito cultural e no século XXI aínda hai resistencia ao cambio. É necesario limpar as físgoas machistas e equilibrar a balanza, reconstruír un sector compartido e equitativo para deixar de expulsar e de marxinar as mulleres creadoras. A perspectiva de xénero nas organizacións dos festivais de música é crucial para deixar de reproducir estereotipos patriarcais, e de anexar éxito e poder con varón. O positivo é que todo isto empeza a formar parte dun pasado, aínda que moi próximo. 2018 foi o ano do feminismo no Estado e floreceu con empuxe nun sector cultural machista ata os ósos, unha orde violenta que se vai tornando violeta. O movemento da igualdade berra máis que nunca na música. Impulsárono e despegárono as mulleres e, en Galicia, leva por nome «Festivala».
Festivala: mulleres creando non é un festival ao uso, é toda unha reivindicación que visibiliza as mulleres creadoras, unha crítica a eses festivais onde elas ocupan un segundo plano, se teñen a «sorte» de facelo, sendo os homes os protagonistas e os pratos fortes dos certames que tanta xuventude move. Festivala é un evento onde ten máis peso a parte política que o propio lecer. A mensaxe sempre radical, pero cunha conexión directa ás almas, ás veces con alegría, con retranca galega, con humor, a protesta que xa é defender a ledicia das mulleres como unha trincheira. «Se non podo bailar, a túa revolución non me interesa» (Emma Goldman).
En 2016 a asociación feminista de Vilagarcía, O soño de Lilith, decidiu emprender o proxecto sen moitas pretensións, mais xa van pola cuarta edición cunha grande acollida por parte da asistencia que chega de varios puntos de Galicia. A idea é a mesma que fai catro anos: organizar unhas xornadas onde participen exclusivamente mulleres creadoras, artistas, autoras e emprendedoras e sexan elas as protagonistas en diversos ámbitos artísticos: música, cinema, teatro, literatura, pintura… En palabras do colectivo arousán, a intención radica en «poñer o foco de atención nas diversas mulleres creadoras a través dos múltiples proxectos de emprendemento que están a desenvolver».
O abano é amplo. Buscan autoras do ámbito local e de Galicia, e tamén grupos de fóra para poder atraer o máximo público posible. As compas de Lilith insisten na necesidade de crear referentes a partir dunha mensaxe feminista en todo tipo de formatos e tamén estilos musicais: pop, rock, flamenco, folk, experimental… Achegaron ao municipio pontevedrés ao longo destes anos grupos da talla de Agoraphobia, Amparito, La Otra & Las locas del Co, Mercedes Peón, As Antonias, As Punkiereteiras, Som do Lilá… Este ano ademais colaboraron co recoñecido festival Revenidas, en Vilaxoán, que consideraron como unha forma de tecer redes e de colocar a perspectiva feminista noutros eventos da zona.
Nas edicións anteriores, e sen esquecer a pantalla grande, proxectaron a curtametraxe Feminazi (2018) da xornalista galega Diana López Varela, e tamén trouxeron a cineasta uruguaia residente en Galicia Manane Rodríguez cunha película que quedou ás portas dos Óscar, Migas de pan (2016). Forman parte do programa habitual de Festivala actividades de formación e sensibilización que duran varios días, incluso dúas semanas: presentacións de libros como Mujeres negras en la ciencia de Zinthia Palomino e Nina Sefcik e tamén talleres de lingua de signos, de regueifas, recitais de poesía, charlas, obradoiros de empoderamento, contacontos para os infantes… mesmo feira, onde mulleres artesás, debuxantes ou modistas expoñen e venden os seus traballos.
A presidenta da asociación, Daisy Alcalde, conta que é difícil abordar esta clase de proxectos, aínda que teñan o apoio institucional do Concello de Vilagarcía e da Deputación de Pontevedra. «Todo o que ten que ver coa igualdade de xénero e co feminismo conta con escasos recursos económicos». De feito, todas as actividades que organiza Festivala son gratuítas. «Se a economía supón unha barreira para que unha persoa poida participar, perde todo o sentido para nós». Ademais, abordar unha iniciativa destas características, que se vai facendo máis grande co paso dos anos, é complexo para as súas socias debido a que ningunha se dedica nin traballa no sector nin en organizacións de eventos. Sen relación coa música aprenderon desde cero a construír un certame musical que atrae a centenares de persoas grazas ao activismo e á sororidade das compañeiras. En total, a asociación confórmana entre 20 e 30 mulleres, pero as que traballan activamente ao longo do ano son sobre dez. O feminismo non está tan esperto na comarca do Salnés como elas desexan. Con todo, cada edición é menos difícil porque hai camiño andando, aínda que este ano tropezasen coa covid-19 e tivesen que aprazar a Festivala polo confinamento ata setembro, cancelar concertos e adecuarse ás circunstancias.
Ecofeminismo en tempos de pandemia
Cada edición da Festivala vai dedicada a unha muller destacada polo seu legado na loita feminista ou a unha reivindicación en concreto. Sempre elixen temas transversais para construír o programa: transfeminismo e emprendemento; Marielle Franco, pola súa loita antirracista e polos dereitos LGTBIQ+; activismo feminista e este ano a figura que iluminou Vilagarcía foi Berta Cáceres, unha ecoloxista, feminista e defensora dos dereitos indíxenas asasinada por defender o medio ambiente.
Cáceres loitou contra o complexo hidroeléctrico Auga Zarca, en Honduras. A presa restrinxía o acceso de auga ás comunidades locais lencas [grupo mesoamericano, que fala linguas lencas e que ocupan parte do territorio de Honduras e do Salvador desde tiempos precolombinos] e poñía en risco o seu modo de vida tradicional e o medio ambiente. Grazas ao seu traballo, a maior empresa de presas do mundo e varios bancos internacionais abandonaron o proxecto, pero isto custoulle a vida. Un grupo de sicarios dirixidos por militares e responsables de DESA, a empresa construtora do embalse, asasinárona en marzo de 2016. Aínda se descoñecen os autores intelectuais do crime e os baleiros legais abundan na investigación.
As activistas de O soño de Lilith traballaron esta cuarta edición o ecofeminismo a fondo e quixeron explicalo en toda a súa amplitude. «O movemento feminista e ecoloxista están destinados a entenderse», relatan. «Cando analizamos as raíces culturais, políticas e económicas que hai detrás da subordinación estrutural das mulleres no patriarcado, vemos que son bastante comúns coas que existen na destrución da natureza nas sociedades de corte capitalista, articuladas ao redor dos intereses da dominación e a violencia», relata un panel da exposición que montaron no centro de Vilagarcía. A xente, curiosa, achegábase a ler o legado de Berta Cáceres, a historia de Festivala e a asociación, a definición do movemento ecofeminista e a descubrir proxectos de mulleres emprendedoras que crean a partir da sustentabilidade.
Para Yayo Herrero, antropóloga, enxeñeira, profesora e activista, o ecofeminismo é un movemento que nos permite coñecernos mellor como especie, como ecodependentes e interdependentes e que, por tanto, permite articular a política e a economía ao redor da prioridade de soster vidas reais e concretas, cotiás e calquera tipo de vida. Conta que a teñen chamado «catastrofista» polo seu relato, ao que ela respondeu: «ti o que queres é que eu che diga que temos unha solución para seguir vivindo como estamos. E iso é imposible».
Herrero conseguiu un pleno de asistencia no Salón García, algo que non adoita ocorrer. Había ganas de escoitala. Explicou que hai que promover un crecemento verde máis ca nunca, pero pensando e reivindicando a importancia no municipalismo, nos concellos, nas persoas de a pé, lonxe dun «fascismo territorial» onde só a xente con cartos poida permitirse cambiar este modelo de vida a un máis sostible. A importancia da perspectiva de clase para a transición e a procura do ben común. Reflexionou acerca da crise económica derivada do coronavirus, unha precarización con memoria que xa estaba vixente desde a hecatombe de 2008. «Estamos nun país onde as desigualdades medraron, temos persoas desempregadas, excluídas e temos persoas traballadoras, cun emprego, e que son pobres. A fraxilización do dereito de traballo está a facer que o traballo deixe de ser algo que che garante poder estar a salvo da precariedade e da pobreza. É un problema enorme nun Estado que se considera do benestar», agregou Herrero.
A socióloga e profesora na Universidade de Vigo, Iria Vázquez Silva, impartiu o obradoiro «Ecofeminismo para a sustentabilidade da vida» e achegou o debate dos coidados e das mulleres como sustentadoras de alimentos de diversas comunidades, como recolledoras de auga, traballadoras da terra e do rural. En consecuencia, elas están máis expostas á destrución da natureza. O ecofeminismo é a loita contra a subordinación das mulleres e a natureza por baixo dos homes e a cultura, que analiza criticamente por que as mulleres son as principais prexudicadas pola contaminación ambiental.
Forma parte de todo este debate o animalismo, o antiespecismo, a fragmentación da muller de maneira similar á dos animais, a deshumanización da mesma ata reducila a un cu, a unhas tetas, á propia nada.
Proxectos ecofeministas en Galicia
O coronavirus obrigou as organizadoras a suspender este ano a feira, onde decenas de mulleres adoitan expoñer os seus traballos para vendelos. No seu lugar, promocionaron nunha exposición e a través das súas redes sociais varios proxectos de mulleres galegas que crean a partir da sustentabilidade e da reutilización de materiais, sen danar o medio ambiente. Destacan as compresas ecolóxicas con marcas como Cíclica e Proxecto Xerminando, que nacen da necesidade de empoderar a muller menstrual a partir da autosuficiencia. As «comprestelas» son uns dos produtos máis demandados de Proxecto Xerminando e queren diferencialas pola súa característica máis destacada: non fai falta consumir ningún material para facelas. Só empregando, por exemplo, camisetas vellas. Tamén relacionada coa temática, A bolsa Vermella de Sabela Losada Cortizas está chea de agasallos artesáns e sostibles para «dar a benvida» á menstruación. O proxecto naceu a partir do seu libro Vermella, premiado co Premio Fina Casalderrey.
Pola outra banda, TocaMadera Galega é un proxecto de reutilización de materiais que a súa creadora Mónica atopa na rúa e nos montes para a creación de cadernos artesanais, álbums e outros obxectos. E, por último, aínda que non menos importante, Cervexa AleAlé é unha pequena empresa de cervexa artesanal e á fronte dela está Marta Galán. É a delegada territorial de Pink Boots Society, unha asociación internacional de mulleres cervexeiras que visibilizan o papel histórico e actual das mulleres neste ámbito que se relaciona só con homes. A cantas de nós lle puxeron o zume de piña e a el a cervexa cando era ao revés?
A cultura é segura
A cultura é segura. E as activistas de O Soño de Lilith non pararon de repetilo durante a cuarta edición da Festivala. Aínda que as medidas que esixían o coronavirus limitaron o evento reducindo as actividades, modificando os espazos e evitando os contactos, o resultado foi positivo porque a xente tamén creu que, se se garante a hixiene e a seguridade, non hai perigo en acudir á proxección dunha película ou escoitar un concerto. Os grupos que tocarían este ano no Festivala, se todo seguise na vella normalidade, quedan gardados para a próxima edición, que apunta aínda máis forte.
Pasa o tempo e os festivais máis famosos do Estado van acadando conciencia feminista e isto conseguiuse en parte grazas a iniciativas como Festivala, que reivindican o papel das mulleres porque a cultura é do pobo e constrúe un imaxinario social. É unha arma, un billete de ida. Mentres tanto, O soño de Lilith continúa batallando. As activistas non adormecen. Elas, as que izaron o «A»: Daisy, Bea, Bego, Vera, Mery, Isa, Alejandra, Mariña, Uxía, Ángela, Sandra.