Povisa, o outro modelo de negocio de Ribera Salud para lucrarse coa sanidade pública en Galicia

A Coruña.- Ribera Salud, a multinacional que xestiona o hospital de Torrexón (Madrid) e cuxo CEO, Pablo Gallart, instou aos directivos para priorizar os tratamentos que deixan máis beneficios á empresa e a aumentar as listas de espera, non ten como único modelo de negocio a administración privada de centros de titularidade pública. Tamén se lucra do orzamento sanitario de todos a través dos seus propios hospitais, mediante acordos que contemplan diversas fórmulas de remuneración.

O maior deses centros, a clínica Povisa de Vigo, con arredor de 500 camas e preto de 1.500 traballadores –máis de 300 médicos e alrederor de 800 enfermeiros e auxiliares–, leva anos dando servizo a centos de miles de persoas adscritas ao Servizo Galego de Saúde da Xunta de Galicia. O último convenio de Ribera co Sergas entrou en vigor o pasado abril, durará dous anos e permitirá á empresa facturar 195 millóns de euros nese período, prorrogable outros tres anos.

Povisa –acrónimo de Policlínico de Vigo Sociedade Anónima– abriu as súas portas en 1973 como o proxecto de sanatorio privado dun grupo de médicos que llo venderon en 1997 a un adiñeirado navieiro vigués. Daquela, os gobernos de Manuel Fraga –con Alberto Núñez Feijóo de número dous na súa Consellería de Sanidade– xa o consolidaran como unha referencia da privatización da prestación de servizos sanitarios en Galicia, de modo que o converteran no hospital de cabeceira de miles de pacientes do Sergas en Vigo e a súa comarca aos que a Xunta daba a opción de adscribirse a el ou aos centros de xestión pública.

Zaplana en Valencia

Ribera Salud, xurdida tamén ao amparo das privatizacións da Generalitat Valencia do PP de Eduardo Zaplana, comprou o hospital por 22 millóns de euros en 2019. Hoxe, o centro dá servizo a 112.600 persoas con tarxetas da sanidade pública, e máis do 80% do seu volume de negocio provén do convenio co Sergas.

Ata este ano, a Xunta abonaba a Ribera unha cantidade fixa por cada cartilla adscrita a Povisa –540 euros ao ano no anterior acordo–, mais unha cantidade variable por outros conceptos como o gasto en tratamentos farmacolóxicos especiais ou a formación do persoal. Segundo a prensa local, en 2023 o Sergas pagou 80 millóns de euros á empresa de Gallart, e en 2024, outros 84 millóns.

Segundo os últimos datos que o Sergas fixo públicos, de xuño de 2006, Povisa ten as listas de espera máis baixas de toda a sanidade de Galicia

Con todo, a progresiva perda de cartillas –chegaron a ser máis de 135.000, pero caeron a 115.000 o ano pasado e hoxe non chegan a 113.000– fixo que Ribera considerase que o acordo non era rendible, e baixo a sombra da ameaza tácita de deixar sen hospital de referencia a decenas de miles de persoas –unha táctica similar á que a empresa empregou en Madrid–, forzou á Xunta a idear unha nova fórmula: a do pago por prestación de cada servizo e tratamento, que prevé incrementar a factura fixa nun 16% ata os 97,5 millóns anuais, mantendo os conceptos variables.

Segundo os últimos datos que o Sergas fixo públicos, referidos a xuño de 2006, Povisa ten as listas de espera máis baixas de toda a sanidade pública e concertada de Galicia: 53,3 días de media para unha intervención, fronte aos 70,9 da media da comunidade e aos 72 da da área sanitaria de Vigo, a máis grande das sete nas que se divide o sistema hospitalario galego –565.000 usuarios–. Luzes-Público pediu á Xunta os datos das listas de espera de Povisa para consultas de especialista e probas diagnósticas, pero a Consellería de Sanidade de Alfonso Rueda, que dirixe Antonio Gómez Caamaño, non respondeu a este diario nin se deu por consultada.

Rendibilidade

Ao fío dos audios nos que Pablo Gallart, CEO de Ribera, reclamaba aos seus directivos que promovesen en Torrexón os tratamentos máis rendibles para a súa conta de resultados económicos e que ideasen estratexias para «desandar o camiño» mediante o que lograran reducir as listas de espera, Luzes-Público tamén preguntou á dirección de Ribera se existe ou existiu algunha indicación nese sentido ao persoal de Povisa, para incidir na práctica médica sobre os pacientes da sanidade pública en función do custo dos seus tratamentos; no rexeitamento ou admisión de enfermos en función da rendibilidade daqueles, ou para que se fomentase a deterioración das listas de espera no hospital vigués.

A compañía rexeitou esa posibilidade, reiterou que os audios de Gallart están «fóra de contexto» e asegurou que a súa prioridade «son e seguirán sendo os seus pacientes en todos e cada un dos centros que xestiona, tanto públicos como privados». «En ningún centro do grupo Ribera se produciron prácticas contrarias ao interese xeral dos cidadáns», din as fontes oficiais da empresa, que, referíndose expresamente a Povisa, sosteñen que o centro «mantén uns indicadores asistenciais excelentes e un compromiso total coa Administración para ofrecer a mellor atención sanitaria aos cidadáns». «O hospital está 100% comprometido con manter estes estándares de calidade», asegura a dirección, que subliña que o traballo do hospital está ademais «baixo a supervisión da Administración con unidades de control encargadas de garantir que a atención prestada é excelente».

Imaxe de arquivo dunha manifestación en defensa da sanidade pública en Compostela / Foto: SOS Sanidade

Luzes-Público tamén se dirixiu ao presidente do comité de empresa, Rafael Agrás, quen asegurou que Povisa é «un modelo de negocio diferente» ao de Torrexón e que a representación social da compañía non ten constancia de que se transmitiran consignas como as que desvelan os audios de Gallart en referencia ao hospital madrileño. Agrás tamén indica que a xerencia de Povisa, que nos últimos meses sostivera un xordo enfrontamento co persoal médico que derivou na fuga de médicas e enfermeiros cara á sanidade pública, procedeu recentemente a facer fixos a medio centenar de sanitarios e contratou a máis persoal médico.

O pasado xoves, miles de vigueses manifestáronse polas rúas da cidade convocados pola plataforma SOS Sanidade para protestar contra a deterioración do sistema público de saúde pola falta de recursos na cidade, da que responsabilizan á Xunta, e na que reclamaban a «reconstrución» de todo o que se deteriorou durante lustros de recortes e privarizacións. Á manifestación asistiron a líder da oposición no Parlamento de Galicia, Ana Pontón, portavoz do BNG, e o alcalde de Vigo, o socialista Abel Caballero, quen manifestou o seu «apoio total» á protesta e responsabilizou a Rueda das carencias da área sanitaria da cidade e a súa comarca.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail