A Xustiza obriga a Xunta a declarar de utilidade pública a asociación LGTBIQ+ que foi acusación popular no caso Samuel Luiz

A Coruña.- O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) anulou a resolución da Xunta de Galicia que denegaba a declaración de utilidade pública á Asociación pola Liberdade Afectiva e Sexual (ALAS) da Coruña, que, entre outras accións, exerceu a acusación popular durante o procedemento polo asasinato de Samuel Luiz, que se desenvolveu durante o outono e o inverno pasados.

O Goberno de Alfonso Rueda non informou de se prevé recorrer o fallo, que, de adquirir firmeza –cabe recurso de casación diante o Tribunal Supremo–, convertería a ALAS na primeira organización galega de defensa específica do movemento LGTBIQ+ en recibir a cualificación de utilidade pública. Iso permitiríalle acollerse ás vantaxes fiscais reservadas ás organizacións que gozan dela, ao considerarse que os seus fins e actividades serven, sen ánimo de lucro, ao interese xeral.

Para a asociación, a sentenza do TSXG supón un golpe legal «ao valor do traballo» que levan desenvolvendo desde 2010 «en defensa dos dereitos humanos» e en favor do colectivo LGTBI+. «É un motivo de celebración para toda a comunidade LGTBIQ+», asegura a presidenta da organización, Ana G. Fernández. «Confirma que o noso traballo ten impacto real e que o noso compromiso co interese xeral está acreditado desde hai anos. ALAS achega un beneficio incuestionable á sociedade galega», engade.

De boa fe e esgotando a vía administrativa

A organización iniciou hai dous anos o procedemento para obter a cualificación de utilidade pública, actuando «sempre de boa fe», segundo os seus portavoces, «esgotando todas as vías administrativas antes de recorrer aos tribunais», e «unicamente coa motivación de dotar o seu labor dunha maior transparencia».

A Xunta, con todo, denegou a declaración baseándose nun informe da delegación galega da Axencia Española de Adminsitración Tributaria (AEAT) que sostiña que a asociación non acreditara suficientemente o «beneficio social» e o «impacto real» das súas actividades. ALAS recorreu a decisión da Xunta ao considerar que non estaba xustificada nin motivada e era arbitraria e podía sustentarse en razóns discriminatorias.

Agora, a sección terceira da sala do contencioso-administrativo do TSXG deulle a razón ao considerar que a petición estaba suficientemente documentada e que é o informe no que se baseou a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, que dirixe o segundo de Rueda na Xunta, Diego Calvo, o que «carece de motivación suficiente», segundo explicou o Tribunal nun comunicado.

Beneficio social

«[O informe da AEAT] recoñece que a asociación desempeñou servizos e actividades como os que describe na memoria para, a continuación, sen unha explicación mínima das súas razóns, negarlle que acreditara o beneficio social derivado desas actividades», di a sentenza.

«Non hai dúbida de que esas actividades responden a un interese xeral representado, neste caso, pola promoción da formación en educación en diversidade afectiva, da saúde e mesmo da seguridade na vía pública para as persoas do colectivo LGTBIQ+ (asociadas ou non)», subliñan os maxistrados, que lembran a intervención da asociación como acusación popular no procedemento xudicial polo asasinato de Samuel Luiz, cometido en 2021 no paseo marítimo da Coruña.

A sala, segue o comunicado do TSXG, «confirma, cun alto nivel de probabilidade, que [o informe da AEAT] foi emitido sen comprobar a realidade da actividade da asociación, de costas a esa realidade e cun automatismo que ocasionaría, sen dúbida, unha decisión arbitraria».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail