Cantarlles ás abellas

24 pensamentos decote sobre o entrelazamento ciencia-literatura-sociopolítica-arte, a xeito de calendario de Advento de 2025. Homenaxeando tanto as 24 sekki ou microestacións do Calendario nipón (con 72 kō en total, procedentes de antigos tratados de astronomía chinesa), como os Mintireiros Verdadeiros e outros calendarios agrícolas da Galiza, coa súa curiosidade polos cambios sutís nas estacións. Porén, máis que Xeórxicas virxilianas, Uránicas da Urania, os ceos e as súas correlacións terrestres, pois somos un pouco fillas rosalianas do asombro.

 

7 DECEMBRO OU NADAL

  • Domingo | Aló van 341 días de 2025 | Quedan 24 para o 2026
  • O Ceo na Galiza: Se onte Xúpiter era o rei, hoxe cómpre mirar cara ao suroeste no solpor, mentres as nubes deixan (ou non) un clareiro adventicio, o planeta Venus eríxese como «Véspero», o luceiro do serán, con magnitude antes de que a noite peche de todo. Pero Vesperus (o da tarde) ou Hesperus (en grego, de aí as Hespérides) tamén era Phosphorus (o que trae a luz, o lucifer, o luceiro da mañá). Énos domingo de ponte, de resaca atmosférica. Se a noite clarexar, busca no leste: un dos xigantes do inverno, Orión, enfeita o seu cinto unha nebulosa que pare estrelas, M42, rodeada de moribundas estrelas.
  • ☉ A estrela nosa, o Sol, sae ás 08:52 h e marcha, que ten que marchar ás 17:57 h. 9 horas, 5 minutos de día. Estamos a vivir os solpores máis prematuros de todo o ano (o día máis curto será no solsticio, pero as tardes comezan a alongar imperceptiblemente a partir do  13 por mor da «Ecuación do Tempo»).
  • ☾ A Lúa entra nunha fase de Xibosa Minguante máis pronunciada (arredor do 93% iluminada). Sae polo horizonte preto das 20:30 h, aínda brillante pero perdendo a redondez, transitando dende Xémini cara a Cáncer. A compañeira perfecta para as que hoxe han volver da viaxe por estradas escuras.
  • 🍂 No Calendario Xaponés hoxe é un día de cambio. Abandonamos as «Pequenas Nevadas» para entrarmos na estación solar maior: Taisetsu (大雪), «As Grandes Nevaradas». Dentro dela, inauguramos a micro-estación (Kō) número 61: Sora samuku fuyu to naru (閉塞成冬) «O Ceo está frío e o inverno instálase». 
  • Fagamos parada na nosa caravana, no noso al-manakh. Xa que falamos de paradas no deserto, cómpre ser rigorosos coa lúa do Profeta: segundo o cálculo tabular para 2025, hoxe é o 16 de Jumada al-Thani (ou Jumada II) de 1447. É o mes da «secura final», nomeado así porque na antigüidade preislámica coincidía coa terra agretada antes das chuvias. Un contraste curioso para o noso Nadal enchoupado.
  • Se viramos a vista cara á Revolución Francesa, hoxe é o 17 de Frimario (o mes das Xeadas) do ano 234. A planta dedicada do día é o Ciprés (Cyprès). Unha árbore que tamén na Galiza escolta cemiterios e apunta ao ceo como un dedo amoestador, entre tumbas republicanas ou monárquicas.
  • 🐝 A sabedoría popular galega lémbranos tamén no Almanaque de 1901 desde Bos Aires que hoxe é  Santo Ambrosio, patrón das abellas e dos apicultores (Ambrosio vén de ambrosía, o alimento dos deuses, doce coma o mel). «Nevada por San Ambrosio, días dura dezaoito». 
  • Pangalaicotone do día: Se onte falabamos do consumismo, hoxe a cor debe reflectir ese domingo de Decembro no que se mestura a néboa coas luces artificiais das vilas. O Pantone de hoxe é Amarelo Farola na Brétema (Streetlight Fog Yellow). Esa cor difusa, nostálxica e cun punto irreal que tingue as rúas de pedra mollada cando se acenden as luminarias públicas ás 18 h. e non dás chegado a casa. Cor de estufa, cor de caldo

Almanaque Gallego. Bos Aires, 1900

Cantarlles ás abellas

Para o Apiario

🐝

Un tal John Chapple, de profesión apicultor real, camiñaba por entre as alvarizas do Palacio de Buckingham e de Clarence House en setembro de 2022. «A vosa señora morreu, pero non marchedes. O novo amo será bo con vós». Penduraba un crespón negro nunha colmea e camiñaba até a seguinte.

Non sabemos como reaccionarían as preto de 100.000 abellas ante semellante nova, se zumbaron indiferentes ou non, pero algo de costume habían ter. Desde polo menos o séc. XVI documéntase en Europa a tradición funeraria de petar con suavidade nos cortizos para comunicarlles a morte do dono ou a dona. Tivo que morrer unha raíña vestida de macaron francés con aire de ir sacar un ladrillo do bolso, símbolo do acartonamento moral, para que volvésemos os ollos a esa superstición de cando os animais falar non falarían, pero disimulaban.

Segundo o antigo costume do telling the bees (contarlles ás abellas), a nova debe transmitirse con cortesía a cada colmea. Se non se lles informa ben, as abellas —criaturas que habitan o limiar entre o bravo e o cultivado— poderían sentirse desprezadas: abandonarían a colmea, deixarían de producir mel ou, peor aínda, morrerían. Se o zume da vida se detía para o humano tiña, por mecánica de fluídos non newtonianos e ética metafísica, que comunicarse ao panal.

🐝

As posibles raíces disto afunden na mitoloxía celta precristiá, que asociaba abellas coas almas dos defuntos. Límolo en Huckleberry Finn, de Mark Twain, sinal de que viaxou coa emigración europea a América, pero antes en poemas (como Telling the bees) e tradicións do folklore, non unicamente vencelladas ás mortes na familia, senón a calquera acontecemento importante, nacementos, vodas… As abellas eran parte da comunidade, custodias de toda transcendencia.

Na novela bohemia de 1855 Babička ( A avoíña) de Božena Němcová o personaxe principal susurra: «Cando morra, Vorsilka, cando morra non esquezas dicírllelo ás abellas, para que non se extingan. Os demais pode que o esquezan».

E en 1858, os lectores do New Atlantic Monthly en Nova Inglaterra leron no poema Telling the bees de J. Greenleaf  Whittier versos así:

[…]

the summer sun

Had the chill of snow;

For I knew she was telling the bees of one

Gone on the journey we all must go!

 

and the chore-girl still

Sung to the bees stealing out and in.

 

And the song she was singing ever since

In my ear sounds on:—

“Stay at home, pretty bees, fly not hence!

Mistress Mary is dead and gone!”

 

 

[…]

tiña o sol do verán 

o arrepío da neve; 

pois eu sabía que lle contaba ás abellas dela,

da que partira na viaxe que todos faremos! 

 

E a rapaza do labor aínda 

lle cantaba ás abellas nun ir e vir.

E a cantiga aquela que cantaba 

no meu oído segue a resoar:— 

“Ficade na casa, lindas abelliñas, non vaiades voar! 

A señorita Mary finou e xa non está!”

[…]

Dolores Redondo recolle a mesma tradición de fórmula máxica en Ofrenda a la tormenta (2016).

Por que todo isto? Eran esas criaturas de xeometría e danza química unha ponte sibilante entre o noso mundo e o alén?

Simboliza que cada perda é tamén un cambio de patrón, incluso nas nosas celas internas?

🐝

Unha abella picou o meu irmán tres anos antes de falecer. Cando hai uns anos me pediron desde a editorial Apiario un poema ou texto sobre abellas, pensei por un momento escribir sobre iso. Refugueino. Moito do que ten a ver co complexísimo e exquisito mecanismo do meu irmán atesóuroo aínda, como mala irmá. Non acabo de ver o de beneficiarme da súa dor. Lembrei entón das Abellas de Ouro do coruñés emigrado en Cuba, Xosé Lesta Meis, unha novela de 1930 con esbozos de varias mulleres galegas rurais, as abellas de ouro, donas obreiras. Daquela veume á cabeza aquel apicultor real e busquei nas tradicións do norte peninsular, sobre abellóns, abellas e rituais funerarios.

Comunicación, por la viuda, a las abejas del etxeko-jaun del caserío y presentación del heredero, comezos do s.XX, col. de Bernardo Estornes Lasa.

En Ziortza (Biskaia) o rito é lutoa jantzi, poñer as abellas de loito. Non só se lles anunciaba o pasamento ás abellas, tamén a outros animais da granxa. Na «Enquisa etnográfica do Val de Elorz» recóllese que até 1974 adoito se recitaba «Erliak, erliak, gaur hil da etxeko nagusia» (abellas, abellas, hoxe finou o amo/a da casa). Pedíaselles de paso que fabricaran cera para o velorio do defunto e para as argizailoak, táboas de madeira decoradas cunha grilanda que enlazaría cun fío de ouro o fogar, a colmea e o reino do alén.

Para aquel poema citei as Abellas de ouro e ese esconxuro funerario en eúscaro. E falei do loito, si, e da loita tras perderlle o paso á morte e ter que seguir na sobrevida. Dalgunha maneira, quixen invocar a guía das abellas no ritual de tránsito e as crenzas medievais no seu rol como mensaxeiras ou coidadoras de almas.

Algo terán, cando o poeta latino dedicara un capítulo enteiro das Xeórxicas a estes insectos, modelo de sociedade laboriosa, virtude e vida austera, cosmos en si, orde divina. Virxilio sinalaba alí o seu vencello transmigrador coa morte de Eurídice e coa bizarra crenza da bugonía (a obtención dunha nova abellariza por xeración espontánea a partir dun boi morto).

🐝

Abesouro Bombus pascoarum, foto de Irene Lema Suárez

Por azar caín na Danza do Abellón. Un libro de aCentral Folque, Abellón. O libro negro das zoadeiras levoume polo vento da páxina a Alfredo Brañas, quen en 1884 describía no poema O avellón un ritual fúnebre de baile e fungar colectivos pero… con patético, grotesco e quizais erótico resultado.

Velaquí o que esprica o Avellón

esa festa tal vez das máis xudías

que no lindo e vizoso país das Rías

é costume, feitizo e corrupción.

Canto habería nesa crenza de exorcismo, de sincronía co frenesí musical do enxame, de intento de fundir o corpo humano coa vibración precisa do insecto para garantir a continuidade do panal… non o sei, nin sei se será posible sabelo coas fontes actuais. No rito, os vivos formaban unha rolda arredor do cadáver fungando como abesouros, se cadra tentando de apropiarse, por mímese, da inmortalidade do mel. Quizais recoñecían na abella unha socia musical no pacto sagrado da supervivencia. Unha dialéctica do corpo: facerse insecto para acompañar á alma, negar a soidade e o silencio do sepulcro.

Máis que un insecto, no norte peninsular e na Galiza a abella ten algo de memoria xenética. A Abella Negra (Apis mellifera iberiensis) non é só unha especie, é a sentinela do bosque atlántico. Xuntos, abesouros, abázcaros, obreiras e raíña preservan un dos bosques máis ameazados que aínda se pode reverter con apoios públicos e iniciativas locais, como as de Bergondo, A Coruña, ou Mixturando, en Ourense e Pontevedra.

Na minúscula arquitectura do favo, ademais de coñecer talvez as deidades do mel ( Mellona, as ninfas Melisas, Aristeo, as bágoas de Ra, Austeja no Báltico, Bhramari Devi, a física nuclear Eva Crane…)  non se le só de zooloxía: sábese do concepto de cero, da optimización que minimiza o material -cera- e maximiza o volume de almacenamento -algo que fixo fungar a matemáticos como Pappus-. Velaí viven criaturas que, como primates e aves, teñen preferencia por ordenar os números de esquerda a dereita.

A cera, un éster de ácidos graxos de cadea longa e alcóois de alto peso molecular, facilita a construción de favos con propiedades termoestábeis, que manteñen a temperatura da colmea a 35ºC. Feromonas como a da raíña (ácido 9-oxo-2-decenoico e outras substancias) regulan o artellamento social. A colmea é un superorganismo maior á suma das súas partes.

E nese mundo en 360º elas aínda bailan cun código que integra vectores de ángulo e duración para localizar a distancia e dirección das fontes de alimento, empregando a luz polarizada como referencia celestial. Amais de utilizar navegación magnética, xeolocalizan e heliolocalizan. Copérnicas intuitivas, deixan que o mundo xire ao seu redor mentres danzan, como na canción de Battiato.

🐝

Galiza conta cunhas 221.306 colmeas rexistradas, o 8% do total nacional. O mel escuro -o que nos gustaba na casa, ese mesto de uz e braña- tivo un repunte na demanda dos últimos anos. Profesionalizáronse moitos apicultores, aumentou a exportación e houbo un boom por prezos estables. Con ese optimista escenario, a campaña apícola de 2025 foi catastrófica. Non é só contra o desprezo humano contra o que se enfrontan estes insectos, tamén contra invasións. A alta mortalidade por parásitos como a Varroa, o mal uso dos agroquímicos, o clima irregular…A vespa velutina (asiática) máis aló das ducias de nomes simpáticos que lle encasquetamos, é un predador que desmantela cortizos enteiros cunha eficacia xenocida, como se contase con apoio de gobernos paramilitares.

Se queremos contar os millóns en xogo para chorar mellor, o valor económico do labor de polinización para a agricultura é duns 265.000 millóns de euros anuais en todo o mundo, 22.000 millóns para Europa e máis de 2.400 millóns para España. Así apuntaba Greenpeace nun informe de 2014.

A abella, criatura de 100 millóns de anos de orde hexagonal, fica presa na desorde dun mundo que se autopoliniza colapso. E queda o despropósito das flores orfas e sen froito. E as alvarizas tan baleiras de ritual como cheas de urxencia. A abella é a trapeira da natureza, recollendo o último pole entre os eucaliptos e a monocultura, tentando tecer co seu voo fráxil, como a deusa lituana Austeja (a tecelá) o tapiz dun mundo que se nos dá ben esgazar.

E faino con dozura. Sen ferrón.

🐝

[…]

2.500 especies de vós na Europa da Terra, donas do dó

xeómetras de Sol a flor, bailar de donas,

que vou facer.

Qué fago agora, soa na saia da nai.

Cómo lles dar porvir aos meus sen un atrás.

Finóuseme o pasado, como ba ilo un infinito?

[…]

 

Fragmento de Cantarlles ás abellas, en O Libro das Abellas, Apiario, 2024.

 

Austeja. Q. Casetti

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail