Hai que limpar cando venta

Galicia, o país dos mil ríos, do vento, e das ondas, debe aproveitar a súa cor verde para ser líder na transición enerxética.

Unha vez superado o modelo da gran industria pesada, hoxe contaminante e ineficiente, cómpre aproveitar a ameaza do cambio climático e convertelo en reto para a reforma do modelo enerxético e a descarbonización da economía. Galicia ten sectores produtivos líderes no mundo (téxtil), altamente eficientes (automoción), e tamén outros sectores tradicionais chamados a ser importantes no futuro (agroalimentario, madeira), se conseguimos a transición cara á sustentabilidade e a modernización dos mesmos. O noso país adoece dunha política industrial propia, con liñas estratéxicas definidas, que apoie, acompañe e fomente os investimentos industriais, claves para lograr unha economía diversificada e un emprego de calidade.

O cambio de modelo industrial e, sobre todo, enerxético, abre unha oportunidade histórica para Galicia, que pode converterse en líder de produción de enerxías renovables, singularmente a través da enerxía eólica e a produción de combustibles non fósiles (biocombustibles e hidróxeno verde). A existencia de condicións climatolóxicas e xeográficas moi favorables para este tipo de produción de enerxía (vento, auga, mareas…) representa unha vantaxe comparativa respecto doutros lugares, e debemos aproveitala para que a Galicia do futuro sexa lugar de atracción para investimentos e talento.

¿Como o facemos? Todas as análises coinciden en sinalar a importancia do impulso institucional e político no crecemento económico. Iso é particularmente necesario en economías periféricas, e con tendencia a caer na chamada trampa do desenvolvemento. Evitar dita trampa esixe un esforzo de todos os axentes, traballando de maneira coordinada e transversal. Por suposto, se queremos que Galicia sexa líder na transición cara a un modelo enerxético renovable, esa transición ha de ser xusta e consensuada. É imprescindible contar coa opinión da sociedade civil e cunha administración que achegue seguridade xurídica, social e financeira. De nada vale aprobar parques eólicos terrestres ou mariños sen un plan que defina a estratexia dese tipo de instalacións: impactos económicos, paisaxísticos, de ordenación territorial, de infraestruturas, de afectación a outras actividades (pesca, gandería…). A decisión final non pode ter só en conta argumentos de carácter económico ou de oportunidade. Unha aposta como esta ha de ter unha visión estratéxica e unha relación transversal co resto de axentes implicados.

Ademais, é imprescindible que ese impulso institucional se acompañe dunha participación pública nos investimentos. Se queremos que Galicia sexa realmente protagonista, e non só depositaria ou actor pasivo, ten que haber integración vertical en todo o proceso, sendo non só o territorio físico onde se produce a enerxía, senón o espazo onde teña lugar a distribución e comercialización da mesma. Galicia debe ser protagonista en toda a cadea de valor para garantir o retorno do investimento na nosa economía.

O momento é agora, cando os fondos Next Generation e os proxectos tractores deses investimentos (PERTES) están a ser distribuídos nos sectores e territorios. Pero para que eses investimentos xeren futuro, é necesaria unha estreita colaboración público-privada, unha administración atenta ás necesidades dos investidores (grandes e pequenos), e sensible ás demandas do territorio e os seus habitantes. As administracións, e especialmente a administración autonómica, han de ser axente proactivo na conformación do futuro enerxético de Galicia.

Todo o devandito ata o de agora pertence á orde do posible, e ademais non representa ningunha novidade, tan só hai que insistir máis na necesidade dese impulso institucional (empresas, gobernos, sociedade civil) para que Galicia conserve o seu patrimonio ambiental, e que ademais este sirva para xerar riqueza, desenvolvemento e benestar para os galegos e galegas.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail