O pé cambiado

Na Inglaterra dos anos 1970 coincidiron –isto dos anos calamitosos, verán, non é cousa nova– unha crise comercial, unha crise dos combustibles e unha crise de débeda. Un tornado, vaia, que puxo en xaque aos primeiros ministros dun Estado outrora dono dos mares, heroe da Segunda Guerra Mundial. Aquel país tiña xa pouco de idílico, nin sequera na imaxe que tiña de si mesmo. A good old England, de campos verdes, señoras con pano multicolor na cabeza, trenca Burberry e os bigudíes da raíña eterna, Isabel II, difuminábase entre o punk e a contracultura que pasara do Swinging London ao Sad London, dos felices 60 aos 70 que deixaron de lado a estética interestelar dos mod: nin diñeiro quedaba para que os Estados Unidos seguiran sacando proveito dunha carreira espacial esgotada.

Neste ecosistema fermentou algo novo, algo recuberto co don da oportunidade. O feito de dar coa oportunidade é máis de lectura que de sorte. É máis de intelixencia que de seguir o manual orgánico. Antes dos 1970, en Inglaterra e en Europa instalárase un consenso de tinte socialdemócrata, unha posguerra que os documentais recordan hoxe como de barrios dormitorio, plenitude –agás dos Pirineos para abaixo, no único experimento fascista da Europa post-1945–, longos coches de cor pastel e unha industrialización aparellada a unha mellora das condicións laborais, a un estado do benestar forte, a un crecemento da diversidade debaixo da bota dunha nova cultura hexemónica que viña do oeste do Atlántico. Este é o substrato que xa coñecemos. Nese ecosistema algo novo ía atopando o seu pé.

Unha muller, daquela nova, percorría think tanks (unha sorte de fundacións con obxectivos de debate público e político) de Londres, Washington e Chicago, onde coñeceu un economista creador da maior monstruosidade económica e social que coñeceu Chile, Milton Friedman e o seu lapis. Unha muller de «suave, ondulado cabelo» (sic) que soubo ler un momento político determinado. Thatcher, no 1979, gañara as eleccións na rúa antes de gañalas nas urnas. Atopou o que os e as graduadas en Ciencias Políticas chaman «momento de clivaxe». Trátase dun fenómeno tan misterioso como o cruzamento dun cometa, como un estrelampo, como unha luzada onde, no xogo de claros e escuros, quedamos desconcertados. A señora entrara co pé ben posto. Nun país «triste» construíu o discurso dunha elite extractiva e abusona dunha clase popular que reclamaba «liberdade». Sóalles, verdade?

Thatcher, no 1979, gañara as eleccións na rúa antes de gañalas nas urnas. A señora entrara co pé ben posto. Nun país «triste» construíu o discurso dunha elite extractiva e abusona dunha clase popular que reclamaba «liberdade». Sóalles, verdade?

O que veu despois, 40 anos de austeridade e un soft power ben engraxado no cultural, no político e no bico que se dan no discurso. Dunha banda, a merma dos servizos públicos esenciais conquistados após 1945, de outra, a mensaxe individualista do «podes con todo» e do aillamento, do medo, da atomización, do individualismo e a competición sen fin. Do frío apartamento na cidade baleirada. Da ausencia, da perda de saúde mental, da desigualdade cunha fenda devoradora nas nosas vilas, cidades e aldeas.

Algo distinto lle ocorreu a Liz Truss. A señora Truss entrou co pé cambiado. Dende 1979 os conservadores non entraban a destempo case en ningures, e non falo só do Reino Unido. A que estaba chamada polos conservadores máis reaccionarios a suceder no legado da tesoira thatcherista foi expulsada polo seu propio partido nun proceso onde unha leituga fixo de medidor da decadenica dunhas costuras que xa non dan máis de si. Nin os merados, nin o país, nin o partido, nin os medios de comunicación que dez anos antes choraban a morte de Thatcher choraban pola súa herdeira caída. O legado non é para fachendar.

A que estaba chamada polos conservadores máis reaccionarios a suceder no legado da tesoira thatcherista foi expulsada polo seu propio partido nun proceso onde unha leituga fixo de medidor da decadenica dunhas costuras que xa non dan máis de si.

Pouco sabiamos hai dez anos, por exemplo, de que o neoliberalismo non só derivaría nas perversións actuais do postfascismo, a mestura da austeridade de Bismarck coa agresividade de De Maistre; ou no ridículo imparable das festas de Boris Johnson e a leituga do Daily Star proxectada na fachada da Cámara británica. Sería ben curioso coñecer as reaccións dos patriarcas do neoconservadurismo, Reagan e Thatcher, fronte a este espectáculo onde o seu deseño queda esfarelado, como un castelo de area ante as ondas do mar.

O neoliberalismo, instalado grazas á doutrina do shock, grazas ao susto, á perda de pé, non recoñece agora o chan que pisa. Escoitando os líderes da dereita europea e americana semella que xa non marcan axenda, senón que van detrás. Iso xa ole a derrota. Están instalados no mesmo desconcerto que o da dereita española cando Von Der Leyen inclinou, interesada, a cabeza para saber máis daquilo de regular os prezos da enerxía. Semellan desconcertados. Feijóo repite o que en Truss fracasou, e comeza a pagar a conta no ecosistema español. A historia decidiu poñer outro pé, a Thatcher que nunca vai ser, a Thatcher que, ao revés que en 1979, non durou un mes. As receitas que valeron no 79 xa non teñen nin a acollida nin a novidade das que gozaban.

Escoitando os líderes da dereita europea e americana semella que xa non marcan axenda, senón que van detrás. Iso xa ole a derrota. Están instalados no mesmo desconcerto que o da dereita española cando Von Der Leyen inclinou, interesada, a cabeza para saber máis daquilo de regular os prezos da enerxía. Semellan desconcertados. Feijóo repite o que en Truss fracasou, e comeza a pagar a conta no ecosistema español.

A incógnita hoxe xa non é se o neoliberalismo seguirá a ter a hexemonía, é saber que xa non a ten. É tamén, na súa agardada ausencia, distinguir os dous camiños que se abren despois do espectáculo decadente de Truss e o ascenso da postfascista Meloni: un maior Estado para garantir o benestar, da banda progresista, ou un maior Estado para a represión e a coacción, case a única oferta que pode ofrecer unha dereita que non se resigna a aceptar abandonar o poder, da banda conservadora. Sexa en Brasil ou nos EE.UU., a dereita reaccionaria non admite de boa gana a súa derrota nas urnas. Que ironía, aquelas ideas xermoladas nos 1980 como «valedoras da democracia» andan a dicirlle á democracia que, de non saír elas, antes perder a democracia que perder o poder.

Agora, o reto para o ilusionante, o reto para o novo, o reto para o futuro, o reto para o progresismo de hoxe e mañá, é entrar co pé correcto.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail