O BNG analiza no Europarlamento a situación da seguridade marítima vinte anos despois do «Prestige» e Nunca Máis

Ana Miranda, eurodeputada do Bloque Nacionalista Galego: «É fundamental estudar que pasos se deron para que non volva acontecer outro accidente similar, porque a xestión do PP foi un desastre»


A Coruña.- O BNG no Parlamento Europeo organiza unhas xornadas de traballo en Bruxelas nas que técnicos, políticos e representantes dos movementos sociais analizarán que pasos se deron en materia de seguridade marítima nos vinte anos que transcorreron desde o accidente do petroleiro Prestige fronte ás costas galegas.

Á conferencia, organizada pola eurodeputada nacionalista Ana Miranda, asistirán expertos en seguridade marítima, xornalistas, políticos e persoas vinculadas ao movemento Nunca Máis, que encabezou a contestación social á xestión da catástrofe dos gobernos do PP en España e en Galicia.

«Queremos analizar que pasos se deron na mellora da seguridade marítima nestes vinte anos e que medidas faltan aínda por tomar para evitar outra catástrofe como a do Prestige», explica a eurodeputada. Miranda considera que a xestión levada a cabo polo PP foi un «auténtico desastre».

A conferencia «20 anos do accidente do Prestige: análise da seguridade marítima en Europa» será inaugurada pola eurodeputada Karima Delli, presidenta da Comisión de Transporte do Parlamento Europeo.

Os efectos da catástrofe do Prestige en Galicia serán tratados na primeira parte da conferencia, que contará coa participación do xornalista Xosé Manuel Pereiro, representantes do movemento Nunca Máis, como Adela Figueroa, Xurxo Souto e o escritor Suso de Toro, así como representantes do sector pesqueiro e marisqueiro afectados.

O Prestige, partido en dous e afundíndose o 19 de novembro de 2002 / Xurxo Lobato.

Tamén viaxarán a Bruxelas Camilo Nogueira, que era eurodeputado do BNG no momento do accidente, e Xurxo Lobato, autor dalgunhas das imaxes máis coñecidas do accidente, que lle valeron o premio Ortega y Gasset de xornalismo.

Ana Miranda lembra que foi Camilo Nogueira quen impulsou a creación do comité especial sobre seguridade marítima en Europa, tras a resolución do Parlamento Europeo de 19 de decembro de 2002 relativa á acción para facer fronte aos efectos do desastre ecolóxico e económico do Prestige, así como as investigacións sobre as súas causas e as súas consecuencias.

Para analizar a evolución da seguridade marítima europea nestes vinte anos intervirá tamén un representante da Axencia de Seguridade Marítima Europea (EMSA), así como Jacob Terling, representante da Unidade de Seguridade Marítima da Dirección Xeral de Transporte da Comisión Europea.

Na xornada de traballo non só se analizará a repercusión que tivo en Galicia o afundimento do Prestige, senón tamén outros casos de contaminación mariña en Europa, como o do Erika nas costas de Bretaña.

Na conferencia intervirán a eurodeputada de Europe Écologie Marie Toussaint; o exvicepresidente da Asociación Merci Erika de Bretaña Alain Bonnec; o representante do FNP dos Países Baixos, Frank de Boer; e o presidente da asociación ZEA de Francia, Jean-Ronan Le Pen.

«É imprescindible analizar que pasos se deron para que non volva acontecer outra catástrofe similar á do Prestige», subliña Ana Miranda, quen lembra que aínda que o epicentro da vertedura das 77.000 toneladas de fuel foi a costa galega, a súa extensión comprendeu desde o litoral portugués ás praias francesas.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail