(Advertencia de contido: violencia sexual, pedofilia).
Cando tiña eu 15 anos, a miña personalidade estaba baseada en ler todo o que me caera nas mans, fixir que non me decataba de que os meus compañeiros do instituto rían de min por cada cousa que facía e, obviamente, Tumblr. Tumblr daquela era unha rede social de microblogging (para que nos entendamos: algo de texto, moito contido audiovisual e centos de comunidades que se conectaban entre si a través de etiquetas), caracterizada por unha certa estética ata certo punto recoñecible e uniforme, unha estética coidada e romántica que atraía as rapazas adolescentes intensitas como polillas á luz. E eu atopei alí a miña comunidade, lendo e escribindo fanfiction de Harry Potter como se non tivera cousas mellores que facer. Foi neste contexto no que de súpeto apareceu Lana del Rey na miña vida. E levo tendo unha relación complicada con ela desde entón.
A primeira vez que vin o videoclip para «Video Games» de Lana del Rey, cativoume produndamente. Había algo nesas imaxes que parecían dun tempo pasado, sumado á voz grave e sedutora de Lana, sentada no seu cuarto, a muller máis guapa que vira na miña vida. Non podía evitar sentir nostalxia dunha época que nunca vivira, dun estilo de vida tóxico e tráxico, pero tan intenso que inspiraba letras como «Es ti, es ti, todo é por ti, todo o que fago; o ceo é un lugar na terra contigo». Obsesioneime coa súa estética e ca súa música, pero sendo consciente de que ser como Lana del Rey requería un certo algo (un aire, unha vibra, certo misticismo) que eu non tiña. E despois pasou o tempo. E empecei a a decatarme de que as letras de Lana eran, bueno. Unha espectacular ida de olla.
Agora quero facer un pequeno inciso para falar de Lolita, considerado por moites o magnum opus do escritor ruso-estadounidense Vladimir Nabokov. Lolita narra a historia de un pedófilo abusando dunha nena durante anos, e se es o tipo de persoa que non está de acordo con esta interpretación do libro: por favor, non te me acerques nunca. E digo isto porque é aquí onde nace unha das maiores controversias relacionadas con este libro: de que vai Lolita? Vai sobre unha sensual e manipuladora rapaza nova que seduce a un home porque está famenta de atención e sexo? Ou vai sobre Humbert Humbert, un pedófilo que se obsesiona cunha nena de DOCE anos, mata a súa nai, secuéstraa e despois tena baixo o seu control ata que ela é capaz de escapar caendo nos brazos doutro home adulto que acaba por abusar dela tamén? Non sei eu. Preguntémoslle a Nabokov!
A Humbert gustábanlle as nenas pequenas, non simplemente rapazas novas. As ‘nínfulas’ son a nenas pequenas, non seductoras ou gatas sexuais. Lolita tiña 12 anos, non 18, cando Humbert a coñeceu. Pode que recordes que para cando ela tiña 14 anos, el refírese a ela como a súa ‘amante envellecida.[…] Humbert Humbert é un desgraciado vaidoso e cruel que logra aparentar ser ‘entrañable’. Ese epíteto, no seu sentido verdadeiro e tráxico, só é aplicable para a miña pobre nena pequena
Mmm. Pregúntome que queriría dicir Nabokov con isto. Un absoluto misterio.
Nabokov indica, no primeiro capítulo da súa novela, que o documento que estamos a punto de ler está escrito por un home nun asilo mental cun alegato que busca presentalo de xeito favorable diante dun grupo de persoas que van decidir o seu futuro. É a máis directa declaración dun narrador non fiable que tiven eu a oportunidade de ler. Pero esta clara advertencia foi repetidamente ignorada por aqueles que prefiren recordar que a novela comenza con «Lolita, Lolita, luz da miña vida, lume das miñas entrañas».
O caso é que se na lectura de Lolita sentes certa simpatía cara a Humbert Humbert, é a propósito. Pero o propio autor engadiu unha clara advertencia no inicio para recordarnos que non debemos fiarnos del, e a verdadeira Lolita, Dolores Haze, é unha nena asustada que se defende como pode. Dolores pódese ver a través dalunghas fendas que deixa o propio Humbert de cando en vez na mentira que está construíndo; as cousas que lle gustan, a súa resistencia, a súa resiliencia. Dolores acóchase entre a pomposa narrativa de Humbert. Se a buscas, ata a podes atopar.
E logo, que ten que ver Lana con Lolita?
Na súa canción «Off To The Races», no mesmo álbum no que se pode atopar o meu nostálxico himno de «Videogames», Lana canta:
O meu vello home é un mal home / Pero non podo negar a forma na que suxeita a miña man / E el agárrame, tenme polo corazón […] / Bikini branco fóra, co meu pintaunllas vermello / Mírame na piscina, ondas azuis brillantes / Ti sentas, bebendo o teu Black Crystal / Luz da miña vida, lume das miñas entrañas / Sé unha nena boa, fai o que quero / Luz da miña vida, lume das miñas entrañas / Dáme as moedas de ouro
A ver, ho.
Creo que a través deste texto pódese chegar a entender que eu, moi, myself, teño un problema (persoal) con que a xente insista en malinterpretar este libro. Entre outras cousas, porque Lolita é indudablemente un dos grandes libros da literatura universal, que ten dúas (horribles) películas (un tema para outro día, as películas) e un impacto cultural indubidable, desde toda unha estética («nymphet») ata tópicos que pasaron a formar parte da linguaxe que usamos no noso día a día. E paréceme sintomático dunha sociedade enferma o feito de que escollamos ver a Dolores Haze, unha nena preadolescente abusada, como unha seductora, frívola e calculadora nena consentida que manipula un home adulto para que a rapte. E creo que xa é o colmo que veña unha señora de (entón) 27 anos a coller imaxes, linguaxe e conceptos dun libro como este e as trate de converter en algo romántico. Algo ao que aspirar. Algo desexable.
E algún estará pensando: «Te ofende Lana del Rey??? Estás ofendidita por la música de Lana del Rey???? Generación de cristal, no se que»; e a ver… non. Ofender non é a palabra. Paréceme un pouco preocupante que unha xeración enteira de rapazas preadolescentes se criara sendo exposta a unha música que romantizaba a idea delas como obxectos lexítimos do desexo sexual de homes moito maiores. Paréceme preocupante ler agora as testemuñas de rapazas que con 14 anos escoitaron «Off To The Races», atoparon a película de Lolita de 1997 e quixeron imitar unha personaxe que está representada dunha forma que malinterpreta fundamentalmente o texto no que está baseada. Estas nenas acabaron por fundamentar o seu propio valor na atención de homes que non as querían ben. É culpa exclusiva de Lana del Rey? Desde logo que non, pero é culpa dun contexto cultural no que é posible culpabilizar as mulleres da súa propia victimización ata o punto no que un libro sobre abuso e violencia cara a unha nena se le como unha especie de romance tráxico e prohibido. Un contexto no que unha muller adulta pode facer unha canción na que canta sensualmente: «Vamos, sei que che gustan as nenas pequenas / Podes ser o meu papi» («Put Me In a Movie», do seu álbum debut) sen que ninguén cuestione o posible efecto que estar exposta a este tipo de romantificación pode estar tendo na clase de adolescentes que queren sentirse maiores.
Teño amigas que falan do moito que a música de Lana del Rey envelenou a súa propia autoimaxe e relación coa súa sexualidade. Sei que empeorou a miña (significativamente). Chegou a hora dunha mirada crítica á súa música e letras. Chegou a hora dunha lectura de Lolita que teña en conta quen é Dolores Haze. Chegou a hora dun pouco de xustiza para Dolores. Por todas as nenas ás que non lles permitiron ser nenas.