Soldados, subalternos e historia

Nunha pasaxe do libro segundo do «Sempre en Galiza», Castelao mostraba a súa indignación co tratamento que daba o xornal El Socialista aos soldados galegos na fronte de Asturias. Indignábase o de Rianxo porque se sinalase os galegos coma inimigos de Asturias, coma covardes, coma «mariscos». Lembraba Castelao que nesa fronte houbo milleiros de galegos republicanos que pasaran por «mineiros asturianos», que dous grandes líderes do bando democrático asturiano —Gayoso e Vázquez— eran galegos e que moitos dos soldados galegos destinados ás trincheiras asturianas estaban alí de xeito forzoso. Non lle prestaba a Castelao a caracterización dos soldados galegos e, torcendo por eles, mesmo suxería que a aldraxe á que foran sometidos contribuíra a que moitos decidisen non mudar de bando, esporeándoos a «tomar Asturias» con aínda máis ímpeto para resarcírense.

Lembrei esta anécdota despois de ler Soldados de Franco. Reclutamiento forzoso, experiencia de guerra y desmovilización militar (Siglo XXI, 2020). Un traballo asinado por Francisco J. Leira Castiñeira que foi merecedor do premio Miguel Artola en Historia Contemporánea.

Como xa fixera a súa colega do grupo Histagra da USC, Ana Cabana Iglesia, nas súas investigacións sobre a dominación e hexemonía do franquismo no mundo rural galego —tamén publicadas no seu día en formato ensaio— Fracisco Leira analiza os mecanismos de imposición/resistencia/consentimento que experimentaron os milleiros de soldados chamados a filas polo exército sublevado contra a II República nas zonas «nacionais». Mostra o autor idéntica preocupación pola elaboración dunha «historia desde abaixo», unha historia social e cultural atenta ás vicisitudes e acontecementos experimentados polos integrantes das grandes masas anónimas. Unha achega ao pasado que se apoia tanto nos datos procedentes de arquivos militares ou administrativos coma en documentos tais que cartas persoais ou testemuños orais dos protagonistas directos dos acontecementos (a este respecto, o Proxecto Interuniversitario «Nomes e voces» aparece coma unha fonte de información primordial).

Presentación do libro A represión franquista na comarca da Coruña. Comezando pola esquerda: Xurxo Pantaleón, Manuel Maonge, Francisco Pillado e Emilio Grandío Seoane | Autor: Proxecto Interuniversitario «Nomes e Voces».

Como se apunta na introdución: «unha nova xeración de investigadores comeza a cuestionar ese pasado bélico e a prestar atención á fronte de batalla co estudo de aspectos que foran traballados por historiadores europeos e americanos para outros conflitos armados do curto século XX» (p. 21). Un enfoque que, segundo Francisco Leira, aínda constituía un baleiro historiográfico no que respecta aos soldados do exército insurxente franquista.

Con gran atención ao caso galego, debido a que se «converteu no paradigma do centro de recrutamento dos insurxentes e pode explicar mellor o fenómeno desde a súa orixe» (p. 25), o traballo está dividido en tres grandes partes nas que se abordan o proceso de recrutamento, disciplinamento militar e desmobilización.

Francisco Leira debulla inicialmente a leva forzosa posterior ao golpe de Estado nun contexto no que «a Guerra Civil provocou que, por primeira vez en España, se impuxese o servizo militar obrigatorio para todos os homes considerados útiles» (p. 47). Un marco espazo-temporal no que «os límites éticos mudaron e produciuse unha cotidianeidade da violencia banalizada», traducida «nun asasinato diario» (p. 62). Un escenario no que o autor observa «concordancias entre as necesidades bélicas e a represión» (p. 70).

Soldados franquistas apuntan ao horizonte con fusís e unha metralladora.

Analiza despois o historiador o diferente ton da propaganda antirepublicana empregada na primeira liña da fronte e na retagarda —máis feroz e deshumanizadora fóra das trincheiras, máis sedutora co inimigo no lameiro da guerra—; aborda tamén as medidas disciplinarias empregadas contra a tropa, onde un organismo coma o SIPM (Servicio de información y policía militar) maniféstase coma fundamental na vixilancia e control dos soldados; sinala a camaradaría que forxan as penosidades compartidas entre os recrutas e a pluralidade ideolóxica, cultural e xeográfica dos combatentes nas tropas franquistas; pon de relevo as resistencias ao enrolamento en forma de fuxida ou automutilación e o feito de que moitos desafectos co franquismo decidisen presentarse voluntarios no exército sublevado para evitaren a represión nas súas localidades; escruta o proceso de desmobilización e a creación de organismos como a Delegación Nacional de Excombatientes para xestionar, máis mal que ben, a conversión dos soldados á vida civil, así coma o emprego espurio da vitoria no campo de batalla nos tempos de dura represión posteriores á conflagración.

Lema da Delegación Nacional de Excombatientes.

Como descubrimento importante da investigación, o autor fai un inciso para explicar a localización dun expediente do SIPM no que aparece o termo «Tercera España», nunha data anterior ao seu uso polo liberal Salvador de Madariaga. Francisco Leira considera de gran valor o achado debido a que «demostra que existiu un grupo, formado por membros de Falanxe, do carlismo ou do anarquismo, que preconizaba unha forma distinta de ver, sentir e vivir a contenda á presentada polos extremos políticos» (p. 168). Trátase dun documento datado en 1938 no que o SIPM dá conta dunha reunión nun emprazamento próximo á fronteira francesa na que participaron elementos provenientes dunha autodenominada Falange Española Auténtica, un grupo carlista chamado FAL e membros pertencentes á FAI, ao POUM e á CEDA.

Se no seu Las tres Españas, Paul Preston deixaba constancia da existencia de persoas que non pertencían dun xeito activo a ningún dos dous bandos, no caso que nos ocupa estariamos falando, segundo Francisco Leira, «dun grupo disidente e activo xurdido no seo do bando sublevado que, contrario ás políticas desenvolvidas por Franco, iniciou contactos para preparar unha resistencia aos poderes do incipiente Réxime» (p. 169). Así mesmo, di o autor, «entre as pretensións da Terceira España figuraba realizar un pacto entre a FAI, a FEA e os disidentes carlistas para a finalización da guerra, contrarios ao poder do Exército e dos falanxistas oportunistas no bando sublevado e do PCE no republicano» (p. 170). Sen coñecerse ben o alcance real deste movemento e tendo en conta que puido responder ás loitas polo poder tanto entre falanxistas coma entre a FAI e a CNT/PCE, e asumindo ademais a posibilidade dunha sobredimensión por parte do SIPM, o informe en cuestión rexistra que o grupo arelaba «formar un Goberno democrático de tendencia estatal tentando negociar cos sectores menos radicalizados de cada bando» (p. 170). Caramelo pequeno, pero sen dúbida gorentoso, para aqueles empeñados en encadrar a contenda española no marco da «loita entre totalitarismos» cuxa síntese «natural» tería por forza que desembocar nos consensos de 1978 e cuxa última expresión mediático-popular consistiu en converter, nada menos que a Miguel de Unamuno, no epígono de tal «extremo centro» no filme de Alejandro Amenabar Mientras dure la guerra (2019).

Karra Elejalde no papel de Miguel de Unamuno, na película Mientras dure la guerra de Alejandro Amenábar.

No apartado do libro dedicado ás conclusións, o autor escribe que «estas retóricas enfrontadas son tan pasadas como actuais. Por unha parte, estarían os salvadores dunha nación española historicista e conservadora, da que os soldados de Franco exemplificarían a súa quinta esencia. Polo contrario, estarían os que defenderon a democracia e a legalidade republicana». Esta redución binaria para o autor sería unha «simplificación do pasado» que non tería en conta que detrás dela «atópanse persoas, individuos, que tiveron un pensamento voluble, complexo e diferente ao que con posteridade e cunha intencionalidade política, se lles atribuíu» (p. 315).

Soldados franquistas feitos prisioneiros en Teruel.

É loable e necesaria esta vontade de complexización do pasado. A este respecto, o libro de Francisco Leira Castiñeira incorpórase a esa tendencia a ver a disciplina histórica como algo que vai alén do estudo dos discursos das institucións de poder. Cuestión á parte, cómpre tamén sinalalo, é se se pode equiparar o poder de todas as institucións de poder existentes dentro dun determinado período histórico e como se aborda politicamente esa mediación que di non mediar e que procura que os «subalternos falen» directamente, sen que isto conduza, de seu, ben á teleoloxía para nada apolítica da fin da historia, ben, coma lle sucede aos personaxes das novelas de Milan Kundera, ao escepticismo escapista da «alma bela» a respecto dos vaivéns da política na historia. Tanto máis debemos fiar fino nestas cuestións ao falarmos dun Estado que, coma o español, adoeceu e adoece de certos nesgos en todo o que ten que ver coa amnesia, a lembranza e as repercusións de ambas na política do presente.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail