Feijóo, «descolocado» ante o xiro de Casado cara ao centro

Ata que o barón galego revalidou a súa cuarta maioría absoluta no verán, «moderación» era a palabra que non saía da boca de Feijóo. Pediulla a Pablo Casado para que a crispación política de Madrid derivada da pandemia non embazase as siglas, pero todo cambiou nesta segunda onda cando o presidente do PP rompeu con Vox votando «non» á moción de censura.

Todo ía ben ata que chegou setembro. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, enfrontouse en xullo a unhas eleccións autonómicas con todo ao seu favor. Cultivara a imaxe de bo xestor durante a covid-19, aproveitou a cobertura informativa da televisión galega e erixiuse como a moderación dentro do PP fronte á convulsa política madrileña e a confrontación, por parte do seu partido, contra o Goberno de PSOE e UP. Con todo, o último xiro de Pablo Casado -cando rexeitou a moción de censura de Vox e rompeu de maneira explícita coa oposición de Pedro Sánchez– arrebatou o espazo que ocupara ata entón Feijóo no PP, ou polo menos, o que insistía en conquistar.

Así chegou Alberto Núñez Feijóo á Xunta en 2009 e forma parte do que lle permitiu gañar as súas primeiras eleccións, baixo a presentación de moderación dentro dos populares e de bo xestor, idea que construíu e afianzou ao longo de todo o coronavirus na comunidade co apoio dos medios de comunicación públicos e privados de dereitas. O discurso de Pablo Casado no Congreso dos Deputados marcou un antes e un despois para o PP, pero tamén para o grupo en Galicia, que chegara ao clímax o 12 de xullo. Ata antes do verán e durante a primeira onda da pandemia no Estado, Feijóo alternou o ton moderado e crítico co Goberno de Pedro Sánchez, ao contrario que os seus compañeiros de partido en Madrid, e por iso pediulle acougo ao presidente e marcou distancias con polémicas como as de Cayetana Álvarez de Toledo, que non foi a facer campaña en Galicia para non trastornar a súa candidatura. Con todo, Feijóo si que secunda a Isabel Díaz Ayuso.

[Puedes seguir leyendo este artículo en castellano aquí]

Acabouse o verán e cando aínda existía certa reticencia para denominala «segunda onda» de covid-19, Feijóo seguía cómodo cargando nas súas intervencións contra o Goberno de coalición ao que acusaba de «tics antidemocráticos» e á vez, comparando a situación epidemiolóxica de Galicia co resto de comunidades, vendéndoa ademais como un destino seguro para o turismo. As características xeográficas galegas como a dispersión territorial axudaron a que o virus non penetrase tanto na autonomía e Feijóo soubo aproveitarse diso para a súa defensa na campaña electoral, pero foron os expertos sanitarios os que desmontaron o seu argumento, explicando que precisamente esa baixa incidencia provocaría unha sobreexposición ao virus da poboación galega nun futuro próximo. Así foi, e a segunda onda en Galicia xa alcanza as cifras máis altas de contaxios e falecidos.

Todo iso colleu de improviso ao Goberno autonómico, cun presidente que non cesa ao comezo das súas intervencións as comparacións co resto de autonomías fronte á situación galega. De feito, fai dúas semanas Sanidade anunciou cunha antelación de tres horas o peche das principais cidades galegas, algo que duraría a ponte de Todos os Santos -aínda que en Galicia o luns non era festivo- ata o martes, cando se revisaría e a Xunta notificaría a continuación das medidas ou outras normas novas. Con todo, ninguén da administración interveu ante os medios ese día. Era preto de medianoite e non había noticias sobre se estas restricións continuarían ou non durante a semana. Feijóo defendeu contra vento e marea que os peches por días tiñan sentido, sobre todo as fins de semana, pero finalmente ao día seguinte tivo que rectificar, manter o peche das cidades e estendelas a 53 municipios máis debido ao pico de contaxios -máis de 10.000- que xa alcanza a comunidade galega.

O profesor de Ciencias Políticas da Universidade de Santiago (USC), Antón Losada, explica que estes son os factores crave que orixinaron que a comunicación por parte do Goberno galego perdera a forza que gañara ata antes dos comicios. «Feijóo non comunica tan ben como comunicaba, os acontecementos (da pandemia) están a agravarse a maior velocidade da que todos esperabamos». En canto á política estatal, o profesor remarca que Feijóo quedou «descolocado» cando Casado cambiou a súa estratexia e tomou o ton institucional que caracterizaba a Feijóo á hora de marcar oposición. «Casado rouboulle o papel e Feijóo non acaba de atopar o seu espazo». O da oposición frontal pertence a Isabel Díaz Ayuso, e é por iso que ao seu parecer, «por primeira vez o presidente da Xunta empézase a ver un pouco superado, tanto desde o punto de vista político como o da pandemia».

Para a política galega moderación e Feijóo nunca foron da man. A portavoz do BNG no Parlamento, Olalla Rodil, sostén que quen teña a visión de que Feijóo pertence a á moderada do PP é que «descoñece a realidade do país». Engade que «hai moito descoñecemento» sobre o perfil político de Feijóo. Coincide o secretario xeral do PSdeG-PSOE, Pablo Arangüena, que o compara con Gallardón, «finxe case tan ben como el», e pon de relevo a estreita relación do presidente da Xunta coa prensa de dereitas, ademais de todo o «aparello propagandístico» que lle rodea.

Un dos motivos polos que Feijóo afeou estes últimos días ao Goberno central é ampliar o estado de alarma ata maio, e asegurou que se «cargaba» a campaña de Nadal. É por iso polo que na comunidade tomáronse medidas restritivas que durarán un mes, precisamente para abrir a man en decembro. A oposición, sustentada polo BNG e o PSOE, non entenden a «fixación» do líder do PPdeG co «Nadal», e as nacionalistas no Parlamento xa pediron o confinamento da comunidade. Ante as peticións, Feijóo comparecerá o mércores no pleno para dar contas sobre a xestión da súa pandemia, e a oposición seguirá insistindo para que o presidente saque á luz o número de rastrexadores cos que conta a administración, algo que permanece oculto pola Xunta. Galicia está á cola do Estado en localizar a orixe do contaxio da súa poboación.


Este artigo publicouse orixinariamente en castelán en Público como parte dun acordo de colaboración con este periódico. Aquí podes atopar máis artigos de Público en Luzes.
cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail