Quen poida facer, que faga

Non son eu de escribir polas efemérides. Non é unha teima particular, senón que vivo nos meus mundos e en xeral non sei que día é nin que se celebra. As outras veces, esas poucas nas que lembro en que día vivo, adoito non pronunciarme porque xa se sabe que falar dunha cousa e non das outras 72526584 que preocupan á sociedade é de persoa interesada, demagóxica e oportunista.

Porén, hoxe abrín Instagram e a publicación dunha amiga lembroume que é 10 de outubro, Día Mundial da Saúde Mental. Ben, en realidade foron varias persoas, porque estamos todas para o arrastre. Este día, ademais, moita xente adoita etiquetarme en publicacións sobre o tema, xa que non sei en que momento me convertín en alguén con auctoritas sobre o asunto.

Cando fixen a reportaxe A saúde mental en Galicia, en bragas para a Luzes, que despois gañou o XIX Premio Johan Carballeira de Xornalismo, foi porque Xosé Manuel Pereiro me propuxo que escribise sobre iso a raíz dun chío que se me viralizara no daquela Twitter. Sígoo tendo fixado no perfil, non por ser un dos máis compartidos (que tamén, aínda que compite duramente cos da zorza lucense vs. zorza coruñesa), senón porque me dá mágoa que se perda no medio das parvadas que publico a diario, centos xa desde aquel 25 de xuño de 2020.

Cando publiquei Non penses nun elefante rosa, aló polo 2022 pero escrito ás toupiñadas desde 2019, só pensaba en poder explicar(me) algo que non fora quen de contar tras un diagnóstico aos 21 anos. O malogrado Errejón aínda non pronunciara as palabras «saúde mental» no Congreso cando o primeiro borrador da novela estaba xa rematado, no tempo das máscaras e a pandemia. Non é que sexa eu unha visionaria en elixir os temas dos que falo, senón que son filla da miña xeración e, en xeral, preocúpame o mesmo que preocupa a tantos miles de persoas.

Cando, o curso pasado, levamos a cabo o proxecto As discordantes: saúde mental e xénero grazas á Deputación da Coruña, pensaba máis en aprender que en ensinar nada. Tiven a inmensa sorte de compartir mesa con Iria Veiga, Rosa Cerqueiro, José Berdullas (expertas no ámbito da saúde) e Cláudia Morán, Ana G. Liste e Marga Tojo (expertas no ámbito da comunicación). Aprendéronme que no pasado se falaba do autismo como unha hipermasculinización do cerebro, cando o que pasaba era que as mulleres con TEA sen diagnóstico ou cun errado non encaixaban no estereotipo do ‘autista’ masculino; que 8 de cada 10 xornalistas galegas sufriu comentarios ou actitudes machistas no traballo; que os problemas de saúde mental na adolescencia están a aumentar de forma alarmante; que os homes morren máis por suicidio, aínda que elas (nós) temos peor saúde mental segundo todas as enquisas; que España é líder en consumo de fármacos como ansiolíticos ou somníferos (e Galicia, a primeira no Estado, polo menos en 2023) porque as listas de espera fan que medicar sexa a única vía accesible para algúns pacientes. Que a maior parte das causas que provocan problemas de saúde mental teñen que ver con factores sociais.

Cando me quedei embarazada, un dos medos que me quitaban o sono era que a miña filla herdase os meus xenes defectuosos. Non se sabe a ciencia certa cal é a causa do Trastorno Obsesivo Compulsivo, pero seguramente sexa unha mestura de factores xenéticos, biolóxicos, psicolóxicos e ambientais, como case todo o que nos pasa. Este andar á pita cega, apalpando coa punta dos dedos que algo vai mal no mundo, pero sen poder collelo para intentar curalo, salvalo, melloralo ou, polo menos, acompañalo, é das sensacións máis frustrantes que existen.

Porque cando sigo a falar de saúde mental (a pesada non me gaña ninguén), non o fago só por min (que tamén, porque parafraseando a Maggie Smith, a miña intención foi sempre sacar de todo isto algo bonito), senón que o que me preocupa é o que facemos agora para o día de mañá. Segundo o informe La adolescencia española analizada desde el Estudio HBSC-2022: estilos de vida, contextos de desarrollo y bienestar emocional, realizado polo Ministerio de Sanidade en colaboración coa Organización Mundial da Saúde, de 2018 a 2022 a satisfacción vital da rapazada baixou do 44 % ao 29 %; o seu benestar emocional do 37 ao 27 %; a súa percepción de saúde do 36 ao 27 %; e os seus malestares psicosomáticos aumentaron do 28 ao 39 %.

Neste Día da Saúde Mental non deberiamos limitarnos a poñer algo bonito en redes ou no Doodle de Google, aínda que moitas veces son as ferramentas que nos quedan. Ou que nos deixan. Porque neste Día da Saúde Mental, quen poida facer, que faga. E esas non somos as cidadás a título individual.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail