Jácome presentará o seu partido ás autonómicas galegas

A Coruña.- O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, anunciou este martes que presentará ao seu partido, Democracia Ourensana, ás próximas eleccións autonómicas galegas.

Nunha mensaxe na súa conta de X, a rede social antes coñecida como Twitter, Jácome asegura que «o obxecto é ser decisivos no futuro Goberno do Parlamento galego, para conseguir que a Xunta de Galicia aplique discriminación positiva na provincia de Ourense».

O alcalde non desvelou quen será o seu candidato ou candidata nin se se presentará só na provincia de Ourense ou nalgunha das outras tres. A lexislación electoral autonómica prohíbe a a posibilidade de que os alcaldes poidan adquirir a condición de deputado.

As eleccións galegas están previstas para o próximo xullo, pero o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, baralla adiantalas, posiblemente a febreiro ou marzo do ano que vén.

Nas pasadas municipais, celebradas en maio, Democracia Ourensana obtivo 19.411 votos, o 10,9% do total na provincia. Se eses mesmos resultados se repetiran nas autonómicas e Jácome presenta candidatura en Ourense, onde se reparten 14 deputados ao Parlamento de Galicia, obtería un escano á conta do PP -na actualidade éste partido ten oito- e estaría a uns 1.200 sufraxios de obter o segundo.

Chave do Goberno da Xunta

O PP goberna na Xunta grazas á maioría absoluta -42 escanos dun total de 75- que obtivo Alberto Núñez Feijóo en 2020 e que herdou o seu sucesor. Se o PP non obtén polo menos 38 deputados e Democracia Ourensana entra na Cámara galega, o partido do rexedor podería ter a chave do Goberno galego.

Protagonista de numerosas polémicas desde antes de acceder á Alcaldía de Ourense en 2019, sendo a terceira lista máis votada, grazas aos votos do PP, Jácome revalidou o cargo tras as municipais grazas, de novo, a un acordo cos populares, que puideron así manter a Presidencia da Deputación Provincial.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail