Cando se arrinca unha herba…

É adoito repetido o proverbio chinés que informa de que o bater de asas dunha bolboreta pode ter consecuencias nos antípodas de onde se produciu. En latitudes máis próximas a nós, Francisco de Asís xa proclamara que, cando se arrinca unha herba, treme o universo todo. Lembrei isto ao ler unha moi sabia recomendación de Felipe Senén, no limiar a un libro sobre a Ribeira Sacra (Orientarse pola Ribeira Sacra. Viaxe ao interior, de Gonzalo Xosé de Francisco de Rocha, Baía Edicións, 2005), na que recomenda non nos apontarmos ao turismo «monográfico» (rotas de hórreos, rotas de pazos, rotas de catedrais, rotas de pontes, etcétera), senón tratar de coñecermos o país na súa integridade, na súa variedade xeográfica, arquitectónica, artística, histórica…

O seguinte elo da memoria levoume ao recordo dunha das miñas (abondosas) iniciativas parlamentares, na inmensa maioría tan ben intencionadas como condenadas ao rocho do fracaso na votación correspondente. A que rememorei solicitaba estabelecer un «turismo» particular que partise do nacemento do río Miño no Pedregal de Irimia e culminase en terras portuguesas onde as súas augas se funden no océano. Daría para realizar varias e significativas paraxes por comarcas diferenciadas da nosa nación e coñecelas ou aprehendelas en toda a súa riqueza e diversidade, por non falarmos da oportunidade de descobrir canto nos falta aínda por sabermos como as clases dirixentes do Reino da Galiza ían e viñan dun lado a outro do río por as súas propriedades existiren sen fronteira fluvial ou lingüística nengunha.

O seguinte elo da memoria levoume ao recordo dunha das miñas (abondosas) iniciativas parlamentares, na inmensa maioría tan ben intencionadas como condenadas ao rocho do fracaso na votación correspondente. A que rememorei solicitaba estabelecer un «turismo» particular que partise do nacemento do río Miño no Pedregal de Irimia e culminase en terras portuguesas onde as súas augas se funden no océano.

E de aquí «viaxei» a un libro dos nosos días que recomendo vivamente. O seu autor, Victorino Pérez Prieto, é sobradamente coñecido para quen amosa interese pola leitura de ensaio, pensamento e historia da nosa literatura galega. Quizabes a súa excelente investigación sobre Prisciliano (con edicións, para alén do galego orixinal, en Portugal e en España) sexa a máis coñecida do escritor, mais os seus máis de trinta libros publicados conságrano como un dos estudiosos de maior fuste da nosa literatura contemporánea.

O volume a que me refiro titúlase A unidade e a harmonía da realidade. Complexidade e ecoloxía (Galaxia, 2022). Moi lonxe de min achegarme sequer a unha leve aproximación á incursión filosófica e teolóxica que o autor realiza nas súas páxinas: fáltanme moitas leituras para tal facer. Si que poño en destaque –nunha achega puramente impresionista– o valor dunha «excursión» histórico-bibliográfica que nos transporta da Biblia ao hinduísmo ou ao budhismo; de Edgar Morin ou Raimon Panikkar á complexidade da filosofía contemporánea; de Francisco de Asís ou Juan de la Cruz a Pierre Teilhard de Chardin; da razón de ser do ecoloxismo actual… e, en fin, da necesidade dunha visión holística da realidade que derrube fronteiras artificiais e compartimentos estancos no saber humano (natureza / humanidade; física / mística; ciencia / arte; falsa superioridade do saber occidental…).

«A relación (enfatiza o autor) é a verdade fundamental deste mundo de aparencias», lembra na voz de Tagore. Xustamente o que precisamos pescudar, polo que necesitamos interrogármonos neste mundo de «infocracia» (Byung-Chul Han dixit) que tenciona simplificar ao máximo non só a mensaxe senón a nosa mente.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail