Democracia descontrolada

Logo de catro anos entrando nos fogares ucraínos como un humilde e honrado heroe –«case Superman», di a letra do tema da serie–, e dunha versión cinematográfica en 2017, a ficción audiovisual de «Sluga Naroda» encárnase e invade o mundo real.


En 2018, Ivan Bakanov, CEO da produtora Studio Kvartal-95, e amigo de xuventude de Zelenski, rexistra un partido político co nome da serie. En decembro de 2018, aínda en antena a terceira temporada, Zelenski anuncia que se presenta ás presidenciais no mundo real. Uns días despois é nomeado presidente do partido por unanimidade. Gaña as presidenciais co 73% do voto na segunda volta e o 43% nas lexislativas do mesmo ano, maioría absoluta de escanos na Rada.

A piques de empezar a campaña presidencial en Ucraína, en Kíiv, nunha terraza con vista á praza do Maidan, tres oligarcas comentan na penumbra a situación dos seus candidatos, que van moi igualados nas enquisas. «Ben (di un deles), e se deixamos que decida o pobo?». «Democracia descontrolada?», retruca outro. Rin os tres mentres brindan. Servidor do pobo mostra unha sociedade ucraína en devalo, con corrupcións sistémica e moral que abrangue a poboación toda… toda? Non! Un heroe resiste. Un humilde profesor de historia no que, milagrosamente, non penetrou ese virus, malia criarse nunha familia totalmente integrada na amoralidade xeral. Ao que, milagrosamente, a casualidade ou o destino coloca na posición de presidente do país. Que, milagrosamente, vai saíndo indemne de cada unha das probas ás que o someten os guionistas: un parlamento corrupto, uns oligarcas dispostos a todo –incluso ao magnicidio–, unha Mata Hari que o espía e utiliza, unha fraude electoral que o desaloxa da presidencia, un proceso penal falseado que o leva á cadea… enfrontando as «eivas» que lastran a sociedade ucraína, e mostrándolle ao pobo que hai alternativa.

Cando a familia pretende lucrarse do seu novo cargo, unha e outra vez consegue impedilo: o nepotismo non está permitido. Porén, para evitar caer nas garras da «casta» política, na escolla entre «un diletante honesto e un profesional corrupto», di o guión, escolle rodearse dun goberno de diletantes amigos, totalmente leais (a el) e honrados, incluída a súa ex-muller, que resolven os subornos ao estilo Ocean’s Eleven, ese ámbito leal de familia e amigos (estilo rat-pack), que se xunta ao redor dunha mesa e apoian o líder sen cuestión ningunha, símbolo do propio pobo ucraíno, vítimas do Estado falido que resisten con enxeño e humor e, contra todo prognóstico, gañan ao final.

Golobodorodko, o noso Vasia, é entrañable, confiable, listo, gracioso, empático, adorado polo alumnado que deixa no instituto e que o levou á presidencia. Cando os oligarcas tentan buscarlle unha debilidade ou algunha tacha do pasado non hai nada: impoluto. Ao tempo, inflexible. Sen violencia nin berros, faise obedecer e non cede ás presións. O salto Charlot co que nos agasalla en momentos serios quítalle ferro e lémbranos que é unha serie de «humor», que vai tornándose máis e máis épica, rematando a terceira temporada cun auténtico mitin sobre o futuro de Ucraína.<

A acción, que se desenvolve con bastante rapidez, queda ás veces interrompida por dous tipos de visións do protagonista. Unhas, referentes éticos que se lle presentan para darlle consellos ou resolver dúbidas, un equipo de «asesores» de luxo conformado por Plutarco, Lincoln, o Che Guevara, Xulio César… Outras veces vese a si mesmo actuando como lle pide o corazón e lle impide o cerebro, como fixera no vídeo viral que inicia a trama, mostrando núa a indignación que o conecta co desencanto social da época. Porén, a súa actuación non se torce e sempre está guiada por unha bonhomía que non dá nada por perdido, non busca vinganza nin sente rancor.

A serie ten chiscadelas ao audiovisual global: Star WarsThe New PopeGame Of Thrones, mais, sobre todo, múltiples claves de política e cultura nacional que aquí seguro que non pillamos completamente. Algunha das máis evidentes ten hoxe connotacións diferentes das que tiña cando a serie se escribiu. Unha campaña publicitaria contra a fraude fiscal cun lema do estilo de «se defraudas a Facenda parecerás moscovita» fálanos dese conflito cultural con Rusia, como as dificultades fonéticas que el mesmo, rusofalante, ten para facer un discurso en ucraíno. Para acalar unha liorta a golpes no parlamento berra «Putin foi destituído!» e todos calan. Cando está seleccionando CV na convocatoria aberta ao público para ser ministro, aparece o de Yanukovich; sorprendido, pregunta: «Está aquí?». «Mandou o CV por mail», dille o asesor que o acompaña.

Hai que lembrar que na época en que a serie sae en antena en Ucraína, 2015, estaban aínda moi recentes os sucesos do Maidan de finais de 2014, cando a decisión do presidente Yanukovich de romper a dinámica de achegamento á UE e retornar ao «amparo» de Putin, fai que milleiros de persoas ocupen a praza da Independencia, Maidan, no centro de Kíiv durante meses, resistindo os ataques policiais e militares e que remata coa renuncia do presidente e a apertura dun proceso de cambio político bastante turbulento que durou anos, se é que rematou. Maidan e as relacións complicadas coa UE están moi presentes nas diferentes tramas.

Neste contexto, de absoluta desafección e desconfianza da «clase» política, a proposta que fai a serie, «outra Ucraína, outra política é posible, e a resposta é o heroe», non pode ser máis oportuna. Convértese, fose ou non planeado así inicialmente, nunha campaña de márketing político que supera todos os precedentes. É verdade que xa Reagan aproveitou a súa popularidade como actor e, máis recentemente, Beppe Grillo en Italia ou Trump nos EUA engadiron a esa popularidad, un relato audiovisual das súas condicións para o liderado e a súa idea do que debe facerse no goberno, o primeiro coa promoción do Vaffanculo-day e o segundo protagonizando The Apprentice. Porén, mentres que o primeiro traducía a indignación en oposición buffa e confrontación e o segundo propoñía un mandato autoritario e certamente irracional –«You´re fired!»–, Goloborodko triunfa con cerebro, empatía e a idea de que a xente é maioritariamente boa.

A terceira temporada da serie, do mesmo ano en que Zelenski gaña as presidenciais e o seu partido a maioría absoluta no Parlamento, desenvólvese nunha aula de secundaria no futuro próspero e democrático de Ucraína. Un profesor de historia conta os sucesos políticos dende o final da temporada anterior. Como Goloborodko recupera a presidencia, reunifica o país, relanza a economía e a democracia. Remata cun monólogo épico de Vasia ante un grupo de universitarios sobre a Ucraína que queremos, sobre o futuro posible.

Desde a perspectiva política, podemos ver o conxunto (serie+película+partido político) Sluga Naroda como un chanzo máis na transformación dos sistemas representativos no que Manin chamou, xa en 1995, democracias de audiencia. De liderados carismáticos, que comunican directamente coa audiencia (votantes) polos medios de comunicación amigos ou as redes sociais. Sen o filtro dos partidos –nin do xornalismo crítico que reducen o seu papel a ser instrumento de soporte do líder. Sen render contas, rodeados de camarillas de fieis, para os que a crítica é sinónimo de traizón. Dende Feijóo a Macron, Ayuso ou Ada Colau, independentemente da orientación ideolóxica, vemos signos desta transformación.

Pero no caso de Zelenski con Sluga Naroda, o carisma construído na serie é utilizado polo partido, que podería ir decaendo pola lóxica confrontación cos problemas reais, que teñen solucións algo máis complicadas que as que poden inventar os guionistas dunha serie, enfronta unha guerra de verdade. Se o seu liderado sae fortalecido desta proba, se o país sae desta situación sen ser destruído, será de verdade o heroe: a realidade superará á ficción, Zelenski superará a Goloborodko.

Слуга народа (Servidor do pobo) Sluga naroda.
Ano 2015-2019
Sátira política.
Temporadas: 3. 51 (24+24+3) episodios de 25’ aproximadamente. Película en 2017 (Sluga Naroda 2)
País: Ucraína.
Idioma: ruso e ucraíno
Dirección: Aleksey Kiryushchenko
Guión: Aleksey Kiryushchenko, Andrey Yakovlev, Yuriy Kostyuk, Mikhail Savin, Yuriy Mikulenko, Andrey Ilkov, Dmytro Hryhorenko, Oleksandr Brahin, Oleksii Zhuk, Dmytro Kozlov, Andrii Nesterov.
Elenco: Volodimir Zelenski, Stanislav Boklan, Yevhen Koshovy, Olena Kravets, Vladyslav Dmytrenko, Boris Abramov, Anastasiya Chepelyuk, Viktor Sarajkin, Natalia Sumskaya, Ekaterina Kisten, Elena Kravets, Yuriy Krapov, Aleksandr Pikalov, Anna Koshmal, Galina Bezruk, Oleg Karpenko.
Música: Dmytro Shurov.
Produción: Studio Kvartal-95.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail