«No pasa nada. ¿Hay nueve votos? Poned diez. Las leyes son como las mujeres, están para violarlas». Quen así falou foi José Manuel Castelao Bragaña, exdeputado do PP no Parlamento galego e exdirector da Fundación Galicia Emigración, entre outros cargos. Era o ano 2012.
«Parecíame que a señora Pontón estaba moi necesitada pero vostede aínda o está máis». Ano 2018. O presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feijóo diríxese nestes termos á portavoz nacional do BNG, Ana Pontón.
«Es un órgano político gobernado por el Ayuntamiento de Vigo, por el anciano Abel Caballero y su chacha para todo, que es Carmela Silva» o alcade de Vilanova de Arousa refírese así á presidenta da Deputación de Pontevedra.
«Chochito de oro» a Sáenz de Santamaría; «cada vez que le veo la cara y esos morritos pienso en lo mismo» a Leire Pajín; «estaría mejor haciendo punto de cruz», a Fátima Báñez; «puta barata podemita», a Cristina Maestre; «en una sociedad seria y sana, estaría limpiando suelos y no de alcaldesa de Barcelona», a Ada Colau; «debatir con una mujer es complicado porque mostrar superioridad intelectual o la que sea da una impresión machista ante una mujer indefensa» Arias Cañete a Elena Valenciano; «¿Por qué las tiorras separatistas, ora vascongadas, ora catalanas, ora de Bildu, ora de la CUP, han de ser tan feas?», en referencia a Anna Gabriel.
Imaxinan… «Que máis dá a independencia de Catalunya, quen gaña en mellor peiteado, Puigdemont ou Rajoy?»
Podería seguir así todo o día e non chegaría o espazo do que dispoño aquí para dar conta do sexismo e a misoxinia que soportan as mulleres en calquera ámbito, lugar ou situación, tamén no exercicio da representación pública.
«Que máis dá o Brexit, quen gaña o concurso de pernas?», titulaba en portada o Daily Mail co gallo dun encontro entre a primeira ministra de Escocia, Nicola Sturgeon, e a primeira ministra británica, Theresa May. Imaxinan… «Que máis dá a independencia de Catalunya, quen gaña en mellor peiteado, Puigdemont ou Rajoy?», resultaría estúpido, inadmisíbel e ofensivo abrir en primeira cun titular coma este, non é?
Lembran a entrevista a Inés Arrimadas? Alguén decidiu que a súa cabeza era prescindíbel na imaxe (na imaxe que acompaña unha entrevista!!) porque xa saía a do presidente da súa formación en segundo plano. Cren posíbel que isto acontecese se se tratar dun home? Permítanme un spoiler: NON.
Ás mulleres non se nos rebaten ideas, nin proxectos políticos, nin argumentos, cualifícasenos constantemente polo noso aspecto físico, pola roupa que vestimos ou a nosa vida privada. «No es malota sexualmente», chegamos a escoitar en referencia a Dolores de Cospedal.
O sexismo no debate político faise máis evidente de maneira proporcional ao aumento da presenza de mulleres en espazos que até hai ben pouco nos estaban vetados, deixando en evidencia que o machismo o impregna todo. Todas as estruturas. E iso non muda apenas porque, de súpeto, as mulleres esteamos aí. Todo o contrario.
E agora cavilen en algo. Se isto é así en público, pensen en todo o que soportamos as mulleres e que ninguén ve.