Castelao é de todos, por suposto

Tivo razón Alberto Núñez Feijóo cando dixo, no debate sobre como vai o noso, que Castelao era de todos. E cando ten razón, o presidente ou quen sexa, hailla que dar. E para que sexa máis de todos, ofrezo agora algunhas frases das súas obras, para que nos mergullemos todos e todas nese pensamento que é o que guía a toda a nosa clase política.

Política

Chegan a decir que o problema galego igual que o vasco e catalán, depende da solución que acorde a maioría dos hespañoes… ¡Estábamos aviados!

Propóñome demostrar que Galiza é unha unidade nacional perfecta, e que, polo tanto, ten dereito a dispor dos seus destinos.

Os elementos de dereita soio conciben unha patria artificial, posta ao servicio do seus interese.

Non: o internacionalismo eficaz non deserta das patrias, senón que as transforma en órgaos dunha nova humanidade.

A nosa vaca ten o pesebre en Galiza e os tetos en Madrid. E o que non lle dá de comer a unha vaca non ten dereito a muxila.

O pobo é somentes soberán o día das eleccións.

Os ingleses aldraxan aos escoceses; os franceses aos bretóns; os casteláns aos galegos. E todos eses aldraxes non son máis que un recoñecemento tácito do carácter nacional

Galiza foi un Reino independente até o século XV e despois gozou das ventaxas do réxime autónomo até ben entrado o século XIX.

Galiza soio merecerá respeto cando abandoemos a nosa mansedume, despois de saber o que fomos, o que deixamos de ser e o que seríamos con vida independente.

Somos tan galegos hoxe como éramos no século XV, antes de sermos asoballados polos “Reis Católicos”.

Galiza deixará de loitar pola liberdade cando a conquira.

Cada pobo diferente ten o seu ideal revolucionario, e que, polo tanto, necesita facer a súa revolución.

A liberdade é a única reserva con que contan os pobos para crear o seu futuro.

Hespaña, cuio nome tivemos que humedecer cunha letra de máis para facelo respeitable aos nosos ollos, pois do seu goberno sóio se nos ocurre decir que é máis odioso por hipócrita que por tiránico. Sacámolle á verba España todo canto ten de prosapia castelán (abonda engadirlle unha H para derivala de Hispania) e con ela abranguemos a Península enteira, facéndoa sinónima de Iberia.

Para nós, os galegos, afeitos a percorrermos o mundo e a convivir con tódalas razas, o nacionalismo racista é un delito e tamén un pecado.

O home que dubida e teme no intre de realizar o ideal que predicou e non ten coraxe para manterse no seu posto de perigo, ou é un farsante ou é un coitadiño.

O verdadeiro heroísmo consiste en trocar os anceios en realidades, as ideias en feitos.

A loita nobre e leal das ideias é o que asegura o progreso.

A cegueira dos hespañoles é un mal que non ten cura, porque é unha cegueira voluntaria. Pechan os ollos para non ver. Son os que representou Goya nunha das súas auguafortes: ‘Non hai desgraza que non lles sorprenda’.

Castela non ten máis de tres séculos de antigüedade sobor das nacións de América.

Monarquía quere dicir ‘imperialismo’, ‘uniformismo’, ‘centralismo’ e a República quere dicir ‘descentralización’, ‘autonomías’, ‘liberdade’.

Idioma

¿Con que dereito se nos obriga a deprendermos a lingua de Castela e non se obriga aos casteláns a deprenderen a nosa?

E somentes preservando as nosas enerxías autóctonas, a nosa capacidade creadora, é como poderemos contribuír á civilización universal incorporando a ela as nosas creacións inéditas.

O galego é a forma máis antiga das linguas neolatinas de Hespaña e a primeira que alcanzou un pleno desenrolo literario.

A dominación de Galiza endexamais será efectiva entrementras fale un idioma diferente do castelán.

Se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma.

O idioma imposto non logrou matar o seu idioma natural; pero logrou degradalo.

Galeguismo

Non hai máis solución que o federalismo para chegar á paz do mundo.

Se a cultura é o mellor froito da nación, será preciso recoñecer que non hai vida nacional única onde existan diversas culturas.

Os bos galegos somos expatriados anque vivamos en Galiza.

Quéirase ou non, tódolos galegos sentiremos este anceio grande e ledicioso de asistir ao rexurdimento dunha Patria que parecía morto.

Sendo galego non debo de ser máis que galeguista.

Sendo galeguistas podemos esquecer xenerosamente o que pasou; pero a condición que non volva a pasar.

A nosa galeguidade provén da forteza do espírito, e aínda que carecemos de vontade ofensiva somos inexpugnables na resistencia.

Hai moitas máis, e cadaquén pode achegar a súa. Mentres as buscan, vou ver se escollo algunha de Alfredo Brañas, aquel pensador a quen o PP de Galicia lle dedicou unha fundación.

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail