A Coruña.- A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Pontón, anunciou este martes no Parlamento de Galicia que o seu grupo impulsará en solitario a creación dunha comisión de investigación para esclarecer as adxudicacións da Xunta a empresas vinculadas á familia de Alberto Núñez Feijóo e a persoas afíns ao Partido Popular.
Entre eses contratos figuran os que Luzes-Público foi desvelando desde 2022 e que adxudicaron máis de 54 millóns de euros desde 2009 ás sociedades do grupo Eulen, cuxa responsable para Galicia e o noroeste do Estado é Micaela Núñez Feijóo, irmá do presidente do PP.
Tamén os que converteron a Universal Support, unha empresa de telemárketing cuxo director comercial é o cuñado do líder popular, Ignacio Cárdenas, na máis beneficiada en 2021 en Galicia polos fondos de emerxencia habilitados polo Estado para combater a epidemia de covid.
O PP usou esta mañá a súa maioría absoluta na Cámara para vetar a proposta do BNG de crear unha comisión de investigación que fiscalice a contratación de emerxencia da Xunta durante a emerxencia sanitaria, así como os contratos con Eulen e Universal Support e as adxudicacións a Mape Asesores —a empresa coa que mediou Alberto González, parella da presidenta da Comunidad de Madrid, Isabel Díaz Ayuso—.
470 millóns de sobrecusto
O Bloque tamén pretende que esa comisión esclareza as compras de máscaras falsificadas a Sibucu 360, firma propiedade do empresario José Ramón González; e o sobrecusto de 470 millóns de euros na construción do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, que Feijóo decidiu privatizar nada máis chegar á Xunta en 2009.
«Diga o que diga hoxe o PP, haberá comisión de investigación grazas aos deputados e deputadas do BNG», dixo Pontón. Fontes do seu partido indicaron que a portavoz se refería a un mecanismo contemplado no regulamento do Parlamento autonómico que permite aos grupos crear unha comisión non permanente por lexislatura aínda sen contar coa maioría do pleno, se teñen polo menos un terzo dos escanos. O Bloque dispón xustamente 25 dos 75 asentos da Cámara.
Ana Pontón (BNG): «Diga o que diga hoxe o PP, haberá comisión de investigación grazas ás deputadas do BNG»
Pontón xustificou a decisión de usar esa ferramenta excepcional denunciando que o PP «está a meter a man na carteira dos galegos e as galegas para beneficiar a familiares e empresas amigas», e acusou os gobernos de Feijóo e Alfonso Rueda de alentar «o nepotismo e o amiguismo» na contratación pública para «enriquecer» a persoas e empresas afíns a ese partido.
A líder nacionalista, que citou expresamente as informacións de Luzes-Público e do Salto Galiza, lembrou que a Xunta de Feijóo e Rueda multiplicaron as adxudicacións a Eulen, que existen evidencias de irregularidades en moitos dos procedementos e que só entre 2018 e 2022 se subscribiron 1.312 contratos a dedo en favor da cabeceira e das sociedades filiais do grupo que dirixe en Galicia Micaela Núñez Feijóo.
Tamén alegou que a empresa do cuñado do líder do PP, sen vinculación algunha co sector sanitario, levou máis de 19 millóns de fondos da sanidade pública entre maio de 2020 e outubro de 2022; que Mape Asesores obtivera máis de dez millóns en adxudicacións a dedo da Administración autonómica durante a emerxencia sanitaria, e que Sibucu 360 recibira encargos para a compra de máscaras durante a pandemia cando a propia Xunta xa alertara de que os selos que as homologaban foran falsificados.
Pontón afeou a Alfonso Rueda que abandonase o pleno xusto no momento no que ela iniciaba a súa intervención, o que advertiu como mostra da falta de respecto cara á Cámara por parte do actual presidente autonómico e exemplo da nula disposición do PP para esclarecer ou explicar as irregularidades que denuncia a oposición.
José Alberto Pazos (PP): «Todo é un fake, un bulo… A máquina do lodo»
En lugar de Rueda interviu o portavoz do Grupo Popular, José Alberto Pazos, quen calificou consecutivamente de «boato», «fake news» e «máquina do lodo» as informacións relativas a esas denuncias.
Pazos asegurou que non existe sobrecusto na construción do hospital de Vigo, cando o certo é que así acaba de sinalalo o Consello de Contas de Galicia. Asemade, tamén defendeu que non houbo irregularidade algunha nas contratacións da Xunta durante a pandemia, cando o mesmo organismo, encargado de fiscalizar as contas da Administración autonómica, demostrou iso con probas contables noutro informe publicado en marzo deste ano.
Trato de favor a Eulen
Para desmentir o trato de favor a Eulen, o portavoz popular esgrimiu unha cartolina con gráficos de barra que supostamente comparaban as cantidades adxudicadas á empresa durante o Goberno de BNG e PSdeG entre 2005 e 2009 coas lexislaturas de Feijóo. «Houbo unha redución do 66% nos contratos con Eulen», afirmou.
En realidade, tal e como publicou Público en febreiro de 2022, Eulen pasou de facturar unha media anual de 793.000 euros co Executivo bipartito a máis de 2,86 millóns por exercicio durante os 13 anos de goberno de Feijóo. Cos de Rueda xa van máis de 17 millóns.
Pazos recorreu á situación en Venezuela e ao procedemento aberto polo xuíz Peinado contra a esposa do presidente do Goberno, Begoña Gómez, para criticar a posición do PSOE, que si apoiou a proposta de Pontón a través da exministra e exconcelleira en Vigo Elena Espinosa.
A deputada socialista animara o PP para votar a favor da apertura da comisión de investigación «se é que non ten nada que ocultar», e o portavoz respondeulle citando a negativa do PSOE para abrir outra no Concello de Vigo pola morte dun home nunha atracción de feira o mes pasado.