No ano 2018, Jordi Costa publicou un libro que levaba por título Cómo acabar con la Contracultura (Taurus). O eco no xenial recopilatorio de Woody Allen, Cómo acabar de una vez por todas con la cultura (Tusquets, 1974), era evidente, mesmo se o mérito relativo debe ir para o editor en castelán (o orixinal inglés, de 1966 a 1972 nos anos dourados da contracultura, era Getting Even). Mérito relativo, dicimos, porque cada artigo/capítulo desta hilarante obriña viña antecedido dun «para acabar con» e seguido do asunto que tratase o artigo.
O caso é que a achega de Costa non deixaba de ser paradoxal, pois se ben o título prometía acabar coa contracultura, na introdución xa a daba por morta: «Pero ¿quien mató a la Contracultura (si es que la mató alguien)?». A dúbida do xefe de exposicións do CCCB (Centre de Cultura Contemporània de Barcelona) consistía en identificar unha axencia para unha desaparición certa: ou ben morrera de morte natural, ou ben vítima de alguén. Porén, o que viña a ser seguro é que xa non existía a contracultura. Poden quedar obras, artistas, arquivos e mesmo unha cartografía cambiante, mais a contracultura como tal finara.
En contraste con esta proposta discursiva que dá por clausurada a contracultura, hai anos que asistimos a un verdadeiro asalto á contracultura ligado ao ascenso da corrente de extrema dereita, a Alt-Right. Só polo nome xa se pode ver que esta dereita que se di «alternativa» rompe co que entende que é un mainstream cultural ao que identifica como «woke». De feito, o distintivo desta ultradereita emerxente é a súa autopercepción como unha «contracultura», isto é, como algo oposto á hexemonía cultural das «elites». Vai de seu que non é máis que unha pura impostación e que non se trata máis que do reverso reaccionario que mira de clausurar os logros no cambio do sistema de valores, estética, etc., alcanzados pola contracultura.
Aquí é precisamente onde chegamos ao cerne do asunto: é posíbel aínda xerar unha contracultura? Nas condicións contextuais actuais esta cuestión implica outra: pode unha contracultura manter a súa autonomía respecto aos dispositivos de captura e bloqueo reaccionarios que alimentan a ultradereita?, ou teremos, pola contra, que partir do «realismo capitalista» (Mark Fisher) e asumir que «non hai alternativa»? De non ser así, e de ser aínda posíbel unha contracultura, onde se situarían os irreductíbeis que a farían posíbel?
Cando en 1968 Theodor Roszak fixo a primeira achega ao tema no seu ensaio, El nacimiento de una contracultura (Kairós, 1970), o seu libro levaba por subtítulo: «Reflexiones sobre la sociedad tecnocrática y su oposición juvenil». Na súa análise do tránsito a unha sociedade que se liberaba progresivamente das rutinas propias do fordismo grazas á innovación técnica, o relevo xeracional deviña un momento de contenda política, cambio de valores e ruptura estética. Mesmo se no seo da contracultura as respostas eran dunha gran diversidade, todas elas compartían o rexeitamento do modelo social imposto polo ordoliberalismo de posguerra: unha sociedade cun forte peso do intervencionismo estatal, un sistema de valores autoritario, unha política das grandes burocracias, etc.
Porén, o fondo material do cambio cultural da época era a desputa pola apropiación do excedente de riqueza producida pola anovación tecnolóxica. Namentres na lóxica de acumulación capitalista se aspiraba a manter a súa orde (tamén moral, estética, sexual, etc.), unha multitude de suxeitos desbordou as institucións nas que se atopaban fechados (obreiros nas fábricas, estudantes nas institucións educativas, mulleres na familia heteropatriarcal, etc.) na procura dunha cultura disidente. A contracultura atopou aquí sustento no pulo emancipador que impulsaba o seu desexo de liberdade.
A partir de 1980, con Thatcher e Reagan no poder, vaise dar o asalto á contracultura da man do neoliberalismo. A sociedade do espectáculo (Guy Debord) procedía daquela á captura das subxectividades baixo novos parámetros, non sen antes facer concesións, claro está, a unha liberalidade moral, estética, sexual, etc. O resultado foi a hexemonía neoliberal. Sen o seu éxito hoxe non sería posíbel o reverso reaccionario que despraza a apropiación contracultural cara ao ecofascismo lonxe xa da súa matriz liberal.
A lóxica que inspira a alianza da tecnocracia propietaria dos Elon Musk coa «antipolítica» dos Donald Trump pretende o protagonismo dunha rebeldía falaz como xeito de clausurar para sempre a posibilidade aberta pola contracultura cando cuestionou o reparto da riqueza impulsado pola innovación tecnolóxica. Por isto mesmo, unha contracultura que despute hoxe esta lóxica falaz non só é posíbel de ser quen de desbordar a heteronomía dos automatismos cibernéticos. Tamén é urxente e imprescindíbel para a propia supervivencia da humanidade.