O Goberno de Mariano Rajoy usou máis de medio millón de euros destinados pola UE para rexenerar o pantano das Conchas a un complexo acuático recreativo.
A Coruña.- As administracións do PP gastaron en construír piscinas e reconstruír termas a maioría dos fondos da Unión Europea destinados a un programa para recuperar a calidade das augas do encoro das Conchas, nos municipios de Bande e Muíños (Ourense).
O plan, dotado con 1.015.631 euros, estaba financiado ao 80% con diñeiro do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) da Comisión Europea.
O pasado xullo, o Consello de Contas de Galicia alertou de que esas mesmas administracións deixaran sen executar máis do 40% do orzamento doutro programa europeo, o Life Rexenera Limia, que pretendía poñer en marcha proxectos piloto de recuperación dos acuíferos que desaugan no río Limia, que á súa vez verte no encoro.
O pantano leva décadas acumulando a contaminación por fósforo e nitratos dos xurros, fertilizantes e residuos das explotacións gandeiras industriais que promove a empresa Coren na comarca, a de maior densidade de granxas de porcos de Galicia. Eses residuos alimentan as cianobacterias causantes da sopa verde, o mesmo fenómeno que intoxicou a Manga do Mar Menor en Murcia. Nas Conchas, o proceso subiu a un nivel aínda máis grave.
Segundo veciños e expertos, a falta de osíxeno e auga fresca nas augas do pantano pola calor e a seca deste verán, unida á acumulación esaxerada de microalgas, provocou o envelenamento das augas co ácido sulfhídrico que se produce pola descomposición das cianobacterias que se atopan no fondo e apenas reciben luz pola sopa verde.
O sulfhídrico é moi tóxico e o seu contacto pode pode provocar lesións graves na pel e as mucosas, así como problemas respiratorios serios e mesmo a morte por asfixia se se inhala a través da humidade do aire.
En 2013, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), dependente do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente do goberno de Mariano Rajoy, puxo en marcha o proxecto de mellora da calidade das augas e recuperación ambiental da contorna do encoro das Conchas.
Os obxectivos eran, por esta orde, «mellorar a calidade das augas do encoro, compensar a falta de baño con outras zonas adaptadas ao devandito uso, promover actividades lúdicas, culturais e de saúde na contorna fluvial (…) e a seguridade e a accesibilidade da ribeira».
Na práctica, o primeiro obxectivo apenas recibiu diñeiro. A maioría do orzamento –921.183 euros máis 193.449 euros de IVE– destinouse a construír unha instalación de dúas piscinas e o seu reacondicionamiento nas termas romanas de Porto Quintela, ambas en Bande.
Nas primeiras investíronse case 530.000 euros, e nas segundas, máis de 120.000. Ademais, empregáronse outros 15.168 euros para despedregar unha praia do encoro. Para a recuperación ambiental das augas do pantano, só se investiron 30.200 euros.
A actuación consistiu en instalar unha «illa flotante» vexetal duns poucos metros cadrados que se supoñía ía filtrar tóxicos dun lago de 645 hectáreas de superficie e de case trinta millóns de metros cúbicos de auga embalsada.
«Non serviu para nada, e o pouco diñeiro que gastaron en rexenerar as augas fixérono a propósito de que non funcionaría», afirma Pablo Álvarez Veloso, portavoz da Asociación de Veciños das Conchas.
Ademais do programa da CHMS, Álvarez lembra tamén o desperdicio que supuxo o programa Life Rexenera Limia, que pretendía poñer en marcha proxectos piloto para a recuperación da contorna do encoro e dos acuíferos contaminados. Aprobouse en 2014 e empezou a executarse un ano despois, pouco antes das eleccións municipais de 2015, que en Bande volveu gañar o PP.
Nesoutro programa, dotado cun orzamento de 2,05 millóns de euros, participaban tamén a CRMH e o Ministerio de Medio Ambiente que dirixía a ministra de Rajoy Isabel García Tejerina, a Xunta de Galicia, presidida entón por Alberto Núñez Feijóo, e a Deputación de Ourense, baixo mando do actual presidente do PP provincial, Manuel Baltar.
Segundo o Consello de Contas de Galicia, ao que o Parlamento Galego enconmendou fiscalizar o proxecto a iniciativa do BNG, máis do 40% do orzamento daquel proxecto quedou sen executar, de forma que houbo que devolver á UE parte do diñeiro que esta adiantou.
Tras o fracaso da «illa flotante», o programa incluía outra idea: crear lagoas artificiais que filtrasen e depurasen naturalmente os tóxicos. Segundo o presidente da XHMS, José Antonio Quiroga Díaz, esa iniciativa tivo «efectos positivos», aínda que os veciños non opinan o mesmo.
«Xa advertimos no seu día que as lagoas artificiais non ían contribuír á mellora ambiental no río, que o problema era e é a non depuración dos xurros, e que co que había que experimentar eran métodos de reciclaxe das explotacións da galiñaza e o xurro dos porcos».
«A Confederación Hidrográfica, a Xunta, a Deputación de Ourense e os concello da Baixa Limia enganáronnos durante once anos», sostén o portavoz dos veciños. «E, sobre todo, non fixeron nada por solucionar a contaminación do río Limia, que agora xa se converteu nun problema de saúde pública», conclúe.
Hai agora un ano, o Goberno informou da súa intención de declarar A Limia e a Baixa Limia zonas vulnerables por nitratos, en cumprimento da Directiva de Nitratos da Unión Europea que obriga aos estados membros a delimitar as áreas máis sensibles e contaminadas.
En España esa competencia recae nas comunidades autónomas, pero aínda que o 40% do territorio da UE xa conta coa declaración desa figura protectora, a Xunta aínda non catalogou zona vulnerable ningunha en Galicia a pesar da carga gandeira que soporta o seu territorio. Iso custoulle a España a apertura dun expediente de infracción da Comisión Europea.