Pedras

Hai xente que recolle flores, a min gústame recoller pedras. No meu pobo había unha señora que as coleccionaba. Todos os días saía a buscalas como outros saen a pillar cogomelos. Cando era unha nena, un día espieina mentres ela agarraba un croio sopesándoo igual que se fose un melón. Con todo, a señora non se consideraba unha experta, tan só lle gustaba a textura e a forma das pedras. Por iso as coleccionaba e as regalaba. Algúns dicían que estaba tola. Ela dicía que todas as pedras son boas, que a diferenza está soamente na man que as sostén. Contaba que hai dous tipos de pedras: as que serven para construír e as que se usan para destruír.

Hai anos, cando me mudei a Berlín, comecei a recoller lastras. Namoreime delas, da súa cor grisalla e a súa cuadratura imperfecta e, por un tempo, crecéronme silenciosamente por toda a casa. Abrías un caixón e atopabas un croio alí sentado. No baño xurdían entre as cremas e xampús, na cociña erguíanse separando a pasta do arroz e nos andeis xacían elegantes, poñendo unha tregua entre a ficción e a realidade. As pedras dábanme seguridade, facíanme camiñar cos pés pegadiños ao chan e axudábanme a organizarme. Cando saía de festa regresaba a casa cos petos cheos de cantos. Cargábame de peso para subirme á bicicleta e pedaleaba lentamente, tan segura da miña sorte coma se transportase un tesouro. Aínda que sabía que nesta cidade, cada primeiro de maio, as lastras úsanse para alimentar os tirapedras dos antisistema, aínda non coñecía a historia do empedrado berlinés.

Manifestación do 1 de maio de 2011 na zona obreira de Neokölln, que a policía interrompeu na metade do traxecto. Monte Cruz Foto
Aspecto dunha rúa do barrio de Kreuzberg despois da manifestación do 1 de maio de 2011. Monte Cruz Foto

A maioría está feito de granito Harzer, que é un tipo especial de roca que se atopa nas montañas Harz, ao norte de Alemaña, onde se rexistra a maior caída de choiva de todo o país. Durante a guerra esas montañas convertéronse nunha fonte de armamento. Alí estaba situada a industria bélica do Terceiro Reich, ademais de varios campos de traballo, entre eles o infame campo de concentración Dora, no que morreron máis de 20.000 persoas. Nesas mesmas montañas, Goethe situou o seu Fausto e é alí onde o demo tenta ao protagonista, na cima do Brocken, o pico máis alto da cordilleira Harz. Segundo conta a lenda, no cume da Brocken xúntanse as bruxas, cada 30 abril, para pasar a Walpurgisnacht, a noite de Walpurgis nun aquelarre e unha esmorga co diaño, e recibir así a primavera.

Wernher von Braun, con Emil Leeb, responsable de desenvolvimiento de Armanento do Reich e Fritz Todt, Ministro de Armamento, entre outros xerarcas nazis

Nesas mesmas montañas, ao final da guerra, o científico Wernher von Braun, escondeu os planos secretos dalgúns dos seus proxectos de foguetes que deseñara para os nazis. Von Braun, como moitos outros científicos e enxeñeiros que colaboraran coa Alemaña fascista, mudouse aos os Estados Unidos e terminou traballando na NASA. A través da Operation Paperclip o goberno dos Estados Unidos empregou secretamente a miles de «xenios» do Reich, que lideraran o desenvolvemento das Wunderwaffen (armas marabillosas). É dicir, crearan foguetes e armas químicas, ademais de realizado experimentos médicos.

Tamén nesas mesmas montañas foron executados varios prisioneiros de guerra alemáns polo soldado estadounidense Frank Sheeran que, saltándose as convencións de Xenebra, obrigounos a cavar as súas propias fosas e logo executounos a sangue frío, co mesmo estilo mafioso que máis tarde usaría mentres traballaba de sicario para o clan da familia Bufalino, ao norte de Pensilvania. Ese mesmo Frank Sheeran, que asasinou nas montañas Harz, mataría tamén o líder sindical Jimmy Hoffa, entre outros, e moito máis tarde sería inmortalizado por Martin Scorsese en The Irishman.

Durante a Guerra Fría, o cume de Brocken converteuse no punto álxido da Cortina de Aceiro. Aínda queda alí a antena que a RDA construíu para espiar ao Oeste e, cando caeu o muro de Berlín, os habitantes da RFA acudiron en masa a «reconquistar» un dos símbolos da literatura xermana. Antes da pandemia, visitar a cima de Fausto converteuse no destino obrigado da peregrinaxe nacional do novo país unificado. Tamén antes da pandemia, a esquerda teutoa nunca se manifestaría xunto coa ultradereita e os slogans antisistema xamais estarían a protestar á beira da bandeira negra, branca e vermella do Imperio Alemán. Con todo, a pasada fin de semana, paseáronse todos unidos para denunciar o que denominan as medidas fascistas contra a epidemia, o goberno opresor, as vacinas obrigadas, os tentáculos de Bill Gates, etc.

Cada vez entendo menos a unanimidade absurda que crea este tipo de razoamento anti- COVID entre os grupos máis variados. Os manifestantes camiñaron apiñados, desenmascarados, queixándose por rúas céntricas, alfombradas polas miñas queridas lastras, que son moi parecidos aos que repousan agora na miña mesa de traballo, xunto a un par de pelouros que recollín nas Harz. Antes da pandemia, hai uns anos, subín ao cimo da Brocken. A rexión está adornada de bosques densos e aldeíñas medievais, onde parecen desenvolverse todos os contos de fadas dos Irmáns Grimm. En moitas ocasións, durante a miña camiñada, estiven segura de que detrás da seguinte árbore ía tropezar cunha bruxa, un trasgo ou un gnomo de orellas picudas. Unha figura mítica do folclore xermano, que me ía pedir axuda e máis tarde recompensaríame pola miña boa acción.

Lembro un bosque espeso, fermoso, e no alto da Brocken unha antena enorme pintada de vermello e branco, que me pareceu un foguete trasnoitado; un antigo observatorio coroado por unha burbulla xigante; e un restaurante austero e feo que, a pesar de estar a rozar o ceo, parecía continuar ancorado nas entrañas da RDA. Durante o descenso non deixou de chover e a montaña cubriuse dunha brétema máxica, que se me pousou no ombreiro e acompañoume todo o camiño. Cando regresei a Berlín traía a mochila cargada como os petos de Hansel, o irmán de Grettel, como os dun antisistema ou como os dun suicida.

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail