A CRTVG, o ABC falado

Son as 10. Comeza na radio pública o ABC falado da noite. Se en Galicia houbese un espazo de sátira política como Polònia ou Vaya Semanita así podería arrancar un sketch sobre a situación da CRTVG, co humor hiperbólico e cruel deses programas. Para facelo cumpriría unha enorme capacidade de autocrítica, que está por ver que puidese existir nas tamén gobernamentais canles autonómicas catalá e vasca e que resulta impensable arestora na galega.

O escenario natural para este gag dunha Polònia enxebre, decididamente irreverente, serían os estudos da radio pública, pois o concepto do ABC falado conecta co «Diario hablado de Radio Nacional de España», a fórmula para denominar os seus informativos usada nesa emisora ata ben entrada a democracia. Viría mellor, por tanto, gravar a escena na Radio Galega, aínda que tamén se podería facer na TVG, xa que agora máis que nunca hai toda unha unidade de destino no universal entre as dúas pólas da corporación audiovisual.

Alberto Núñez Feijóo, da man da súa xefa de prensa, Mar Sánchez Sierra, converteu ese xornal moi minoritario en Galicia no seu máximo órgano oficial de expresión

As 10 da noite dun día de entre semana é unha hora moi acaída para facer o stketch. É cando se pon diante dos micrófonos un dos máximos expoñentes do fenómeno que se pode definir como a subcontratación de facto da información política dos medios públicos galegos ao devandito xornal conservador madrileño. Trátase de Luis Ojea, controlador dos contidos desta caste na Radio Galega desde o cargo de xefe de redacción, ao que accedeu o pasado verán. Foi entón cando cristalizou definitivamente o ABC falado, como o fin dun longo proceso iniciado cando, en 2006, Alberto Núñez Feijóo asumiu o liderado do PPdeG e, da man da súa xefa de prensa, Mar Sánchez Sierra, converteu ese xornal moi minoritario en Galicia no seu máximo órgano oficial de expresión.

Luis Ojea, traballador desde hai lustros da Radio Galega, é o autor de «Carroñeros de la desolación», o artigo contra as mobilizacións durante a vaga de lumes. Publicouno no ABC de Galicia, onde asina unha columna as fins de semana. Ojea foi o encargado de anunciar á audiencia, o 15 de outubro de 2017, que «o terrorismo incendiario golpea Galicia», titular que ten unha soa fonte, a opinión persoal de Núñez Feijóo.

Despois debería aparecer en pantalla o xornalista galego con maior proxección no Madrid oficial, o director do ABC, o cedeirés Bieito Rubido, que dirixiu La Voz de Galicia no tempo do Prestige. Rubido fai un comentario diario desde Madrid que serve de pórtico da tertulia política. Funciona así como a editorial da emisora pública, na liña ideolóxica do máis clásico xornal conservador madrileño. Logo viría o faladoiro, no que ten que estar José Luis Jiménez, delegado do ABC en Galicia. Non é desde logo o único comentarista dos medios públicos, entre os que segue a haber algúns que non ven en Feijóo a reencarnación de Kennedy nos Peares, de igual xeito que hai moitos traballadores da CRTVG fieis ao espírito teórico dos medios públicos. Pero Jiménez, que foi o redactor de ABC que deu as exclusivas do luxo do bipartito e fixo despois de xefe de prensa do agora conselleiro Rey Varela na Fegamp, xoga o papel estelar de trasladar a mensaxe presidencial.

Da man de Jiménez, tertuliano tamén da TVG, a Polònia galega podería enfilar os longos corredores que unen a radio coa tele, para acabar o travelling diante do boneco do Xabarín. Alí atoparíase co ata non hai moito compañeiro Marcos Sueiro, que entrou pola porta do diario madrileño na TVG, na que agora é un dos seus dous redactores xefe e na que fai as entrevistas da mañá, sempre como gardián da liña ideolóxica do ABC falado. Na cafetería tamén saudaría a Luis de la Matta, membro do Consello de administración da CRTVG polo PP, xefe de prensa deste partido e antigo redactor do ABC Galicia, exemplo das portas xiratorias entre o PP, os medios públicos e o devandito xornal. O gran reto para os creativos desta Polònia enxebre estaría en acabar o gag amosando dalgún xeito que toda esta influencia do ABC na CRTVG tena un xornal cuxos lectores adoitan representar ao redor do 1 % do total galego.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail