He’s coming home

Que se está a xogar o Mundial de Fútbol masculino é unha noticia da que, por moito que o desexemos, non podemos fuxir. Ás campañas de márketing de establecementos, produtos de alimentación e promocións de toda índole, súmaselles a cobertura ata a náusea que fan tanto as canles de comunicación públicas coma as privadas. Todo orbita arredor do esférico este verán, por moito que a teimosía da actualidade se empeñe en irromper nas nosas pantallas con terremotos, incendios e vagas de calor.

Malia que o Mundial de 2026, que se xoga en EEUU, México e Canadá, ten un custo estimado de 14.000 millóns de dólares, non chega á obscena cifra dos 220.000 millóns do infame Mundial de Qatar. Aínda así, e para facernos unha idea máis de andar por casa, o custo deste encontro meramente deportivo equipara o PIB de todo o sector industrial galego (si, o noso motor económico, tendo en conta a automoción, téxtil, naval e metal). Iso por situalo no mapa ou por se á lectora lle sucede coma min e non é capaz de pór no seu lugar este tipo de cifras astronómicas. De pasalo a pesetas para ter en conta a magnitude real, como facemos moitas vellas do lugar, mellor nin falar.

Pero eu hoxe, como non podía ser doutro xeito, veño falar das outras cifras, as que non saen nos medios e que, se ben resultan familiares na meirande parte dos países, non quedan tan bonitas. As cifras da violencia machista. «Que pesada, sempre co mesmo», dirán. E si, claro que sempre co mesmo, porque a conclusión (se non queren ler o resto da columna e prefiren pasar a contidos estivais menos espesos) é que pase o que pase, a peor parte de calquera evento, de calquera situación, da vida en xeral, adoitamos levala nós, as mulleres.

A asociación contra a violencia machista Women’s Aid do Reino Unido lanzou para este Mundial unha campaña chamada «The other kick off » (o outro saque inicial), que recupera o espírito da creada hai catro anos: «He’s coming home» (-el- está volvendo á casa), que evoca ao mítico himno da selección inglesa «It’s coming home» (-o fútbol- está volvendo á casa). Ao entrar na súa web, sorpréndenos unha conta atrás que sitúa o momento máis perigoso para a vida de todas as mulleres inglesas nas 23:37 da noite, hora promedio de regreso ao fogar dos seareiros británicos trala celebración dos encontros. A cifra arrepía: se Inglaterra perde, as denuncias por violencia machista aumentan un 38%. Se empata ou mesmo gaña, aumentan un 26%. Ao día seguinte, o incremento é do 11% con respecto a calquera outra xornada.

«Que salvaxe a pérfida Albión», pensarán vostedes. Pero o caso, como ben poden imaxinar, é que no resto de países que recollen datos semellantes a realidade é a mesma. En Bélxica The Brussels Times publica que, tralos partidos da súa selección, as cifras de violencia machista e os intentos de feminicidio soben considerablemente, ata chamar a atención das autoridades e organizacións feministas e, coma no caso inglés, «el resultado nos da igual»: o incremento dáse gañen, empaten ou perdan.

O mesmo sucede en países coma Colombia, que rexistra ata un 43% de aumento xa non das chamadas a servizos de emerxencia, senón de informes médicos por violencia machista. No caso de Brasil, o aumento das situacións de risco dáse, principalmente, no caso de que se produza unha derrota inesperada. Destaca tamén Arxentina, na que as casas e espazos de acollida a mulleres maltratadas experimentan un aumento da demanda cando se celebra o Superclásico.

Alemaña, Exipto e Sudáfrica teñen informes semellantes nos que o patrón é o mesmo. Malia que nin Galicia nin España publican, polo de agora, informes oficiais con datos segregados segundo este tipo de eventos, non é arriscado aventurar que a resposta é a mesma, porque si existen datos sobre o incremento da violencia machista trala celebración de eventos deportivos masivos, coma o Clásico ou os derbis locais.

Por suposto, a violencia non nace soa e está, na meirande parte dos casos, vencellada ao excesivo consumo de alcol. Mais a culpa, por moito que queiramos torcer o xesto, non é do fútbol, que serve neste caso como catalizador e amplificador dun problema xa preexistente. Tampouco é dos Hijos de Rivera ou do licor do negro café. A culpa nin sequera é de quen consome alcol sen moderación nin mesura. A culpa é exclusiva e directamente unha: a do home acomplexado, minúsculo, ignorante e desprezable que chega á casa e descarga as súas frustracións, envexas e mal facer nas persoas que o rodean, na compañeira, na excompañeira, na muller que tivo a mala sorte de cruzarse no seu camiño e, por desgraza cada vez máis, tamén nos seus cativos. Non culpo o fútbol. Non culpo o alcol. Cúlpote a ti. Só a ti. Ponte fronte ao espello e asume as consecuencias dos teus actos.

*o 016 é o teléfono de atención a vítimas de violencia machista e a súa contorna.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail