A conxura dos imbéciles

A inmunidade coa que o fascismo creba as leis e planea barbaridades é cousa doutro século. Mais estamos neste. O presidente de Israel, que ten unha orde de busca e captura, vai  cear a Washington e propón o Presidente Trump para o Nobel da paz. Para chegar alí, Macron deixouno voar sobre Francia. Un momento… Deixou pasar sobre unha nación europea un criminal que ten unha orde de busca e captura polo Tribunal internacional de Dereitos Humanos! Para máis sorna, cando Trump sabe que o criminal israelí dará o seu nome para o Nobel, dille: «Isto non o esperaba, é moi significativo vindo de ti». Iso é un sarcasmo ou de verdade falaba en serio? Pasan cousas insólitas.

No Noso País (que non é so do voxismo), Rocío de Meer, membro do partido fascista, dixo que queren deportar oito millóns de migrantes. Como pode ter a pouca vergoña de levar un apelido holandés ou xermano, supoño, e falar contra os emigrantes? (E así pasa co outro Premio Nobel, señor Ortega-Smith, que é como chamarse Ortega-López. Pero claro, De Meer ou Smith son apelidos brancos nórdicos non africanos, árabes ou sudamericanos).

No fascismo e na extrema dereita pasan cousas insólitas. Así, a líder do AfD xermano, o novo partido nazi, é abertamente gai e defende con empeño a familia tradicional, dun home e unha muller. Quen entende nada? Non sei se estas persoas espertan un día sen saber quen son ou de onde veñen e deciden que fai falta deportar estranxeiros (dá igual que un dous seus pais e avós sexan extranxeiros) ou condenar as familias rainbow (non importa que elas mesmas teñan unha familia homosexual). O novo fascismo é tan idiota e sen sentido como foi o fascismo do século XX. A imbecilidade non progresa, segue mantendo as mesmas ideas paradoxais e inxustas de hai cen anos. Como pode esperar o voxismo recibir votos do Noso País (que non é só dos fascistas) coa premisa de que van botar fóra oito millóns de persoas migrantes? Pero esta xente non sabe nada da nosa historia? Pero quen cre Abascal que é? Un rei católico?, un Führer?, unha versión latina do Trump? Ou un oportunista cheo de complexos e necesidade de atención mediática?

O problema de ter outra vez un fascista que necesita estar sempre de puntas nas fotos é que a moitos, señores e señoras acomplexados de personalidades diminutas e cheos de medo, os berros deste matón fanos sentir engrandecidos. Hai moitas formas de loitar contra o fascismo, e algunhas non podo escribilas aquí, pero ocórreseme que poderiamos comezar con educar a xente. Para iso non está de máis comezar a facer propaganda e anuncios, o mesmo que fan eles. Sempre que vou ao cine ao aire libre aquí en Berlín pasan anuncios antes da peli. Entre eles, hai un contra o fascismo que é unha marabilla. Narrado coma se fose unha noticia para non contaxiarse dos nazis, a presentadora dá uns cantos exemplos de como os nazis son malos para a saúde e poden facer dano. Todo o anuncio é unha broma: un mozo skinhead levanta o brazo co saúdo fascista xusto cando se pecha a porta do ascensor, e o brazo cáelle cortado no chan. Unha vella ten dous nazis, un a cada lado, mentras colga a roupa a secar, e os brazos estendidos dos mozos aguantan a corda da roupa. Basicamente, chámanos imbéciles e cortos de miras con bromas que fan rir, mentres lle recordan á audiencia que ser nazi non é unha perspectiva de vida, senón unha estupidez que che arruinará o futuro.

Na década de 1950 nos Estados Unidos xa se facía propaganda contra o fascismo. Hai unha curta famosa, chamada Don’t be a sucker (Non sexas gilipollas), na que se mostra dun xeito máis serio o que pode pasar se nos convertemos en borregos. E tamén os negocios privados poden facer propaganda antifascista. Este ano, a cadea de ferreterías Toom fixo un anuncio xenial de coitelas raspadoras no que se ve a man de alguén quitando unha esvástica nazi dunha farola. A cámara vai afastándose e vemos que é unha vella a que arranca coa coitela a pegatina nazi. O eslogan di: «Respecta a quen o fai por si mesmo. Coitelas universais».

As empresas teñen que considerar que poñerse no lado decente da humanidade paga a pena. Agora mesmo xa estamos nun momento que o fascismo está a crecer en todo o mundo. Mentres o voxismo no Noso País (non deles) mete medo, sementa odio e fala das brutalidades que vai facer, é hora de que as institucións e os negocios privados invistan na defensa dunha cultura constitucional e democrática. Porque non fai falta escoitar os verróns de Vox. Xa demostrou Goebbels que a propaganda funciona de marabilla, non si?

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail