A remontadiña

Francia acaba de pasar polo seu 23J particular. Ao igual que hai un ano, cando Sánchez sorprendeu coa convocatoria anticipada de eleccións, Macron emulou o xesto e logo das europeas decidiu convocar eleccións. Quedou a medio camiño. Vale que evitou unha cohabitación con Le Pen, mais ao prezo de situar ao país nunha situación difícilmente gobernábel. A sorpresa da noite do domingo, porén, deuna a Nova Fronte Popular. Unha forza unitaria improvisada como a convocatoria que, grazas ao sistema de dupla volta e á cultura democrática da cidadanía, conseguiu quedar en primeira posición e inaugurou un horizonte de esperanza para millóns.

O pasado día 4 foi o Reino Unido o que veu rematar a prolongada agonía demoscópica na que vivían os británicos. O triunfo do laborismo, porén, tivo pouco de ilusión, pero moito de alivio. O de Keir Starmer foi máis ben un triunfo por defecto. Logo de facerse co control do partido e botar fóra a Jeremy Corbyn, que mesmo así gañou ao Labor na súa circunscrición, repetiu uns resultados semellantes: apenas un 1,62 máis que Corbyn en 2019 e 6,3 menos que en 2017. De non ser pola quebra dos tories, que perderon case un vinte por cento, e a tradución que sempre fan as leis electorais do que sae nas urnas, non se podería explicar un resultado que ten que ir ao século XIX para atopar cifras semellantes.

No entanto, os Estados Unidos celebrou un debate electoral entre Biden e Trump, que fixo saltar todas as alarmas. A día de hoxe a cidadanía estadounidense ten que elixir entre un presidente golpista e condenado en firme por múltiples delitos e un home de 81 anos do que se dubida moito que poida ser capaz de gobernar dado o estado de saúde no que se atopa. Por se fose pouco, renunciar a carreira é cousa súa e polo de agora non semella estar disposto a ceder o posto; feito que tampouco é tan doado, nin en termos institucionais pola lóxica complexa do sistema de selección de candidatos nos EEUU, nin menos aínda en termos de dar co liderado de alguén capaz de tirar para adiante cunha campaña que cada día pinta peor.

O fondo común a todo isto, do que se fala menos do que se debería, é o afundimento e fráxil recuperación das forzas progresistas. A vella socialdemocracia que medrara nos Trinta Gloriosos, que sacara vantaxe da derrota do fracaso dos movementos nos setenta ao saber traducir institucionalmente as reivindicacións progresistas, non superou a crise de 2008. O desastre afectou as forzas que encarnaran a pata esquerda da implementación das políticas neoliberais dos oitenta, noventa e primeiros dous mil: o SPD alemán, o PS francés, o PD italiano, o PASOK grego e ata o PSOE, entre outros. Na lóxica de alternancias os partidos de centrodereita sacaron vantaxe da febleza dos progresistas sen modificar embora as súas políticas neoliberais nuns tempos de recesión.

Nestas andabamos cando deu comezo a multicrise e o neoliberalismo non compareceu e cando o fixo foi como unha versión mutante do neoliberalismo: o necroliberalismo; un neoliberalismo, que xa non se sente na obriga de respectar a vida. En América, os Trump, Bolsonaro, Milei…; en Europa, os Kaczyński, Orban, Meloni… desprazaron as dereitas á extrema dereita na mutación necroliberal do conservadurismo nunha sorte de «fascismo de mercado». Perante estes procesos acordes ás traxectorias orixinarias dos Estados máis partícipes dunha dinámica global xeralizada, houbo algunhas traducións políticas das mobilizacións populares emerxentes ao abeiro da primaveira árabe. Syriza e Podemos serían acó os mellores exemplos, mais tamén a Francia Insubmisa.

O certo é que estas forzas, por uns motivos ou outros non acabaron de callar e iso permitiu unha certa mellora das antigas socialdemocracias convertidas ao neoliberalismo progresista. Poderiamos falar, neste senso, dunha «remontadiña». As mellorías destes anos, estimuladas pola presión popular e os xiros relativos á esquerda, poden ter dúas lecturas da remontadiña: a primeira é o retorno dos vellos tempos e a reconfiguración das alternancias; a segunda, a fraxilidade dunhas estratexias que non atopan as bases sociais que permitían o péndulo das alternancias neoliberais. Ao cabo, a realización do neoliberalismo mermou o mito das clases medias ata o punto de levalas a unha situación crítica.

Os resultados español do 23J e o francés e británico da semana pasada resultan dunha fraxilidade das clases medias agora á defensiva. Son votos en negativo que, máis que avanzar, reparan perdas e restitúen certa apariencia. O que poida pasar en adiante vai depender moito do que sexan capaces de mellorar de xeito efectivo a vida da xente. E o certo é que non semella que a cousa vaia polo bon camiño.

Imaxe de cabeceira con autoría de Jeanne Menjoulet.
cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail