Ourense.- «Baltar, o fillo, no es Baltar», entoaba o vocalista dos Sonoro Maxín aló polo 2013 no marco do retranqueiro Festival Intercultural do Barbanha, tristemente desaparecido.
Veñen de pasar catro anos desde que Baltar, o fillo, deixou escapar a maioría absoluta na Deputación de Ourense por vez primeira. Foi tan só 7 anos despois de que seu pai lle entregara a presidencia da institución provincial, coma quen lle fai ao herdeiro un pacto de mellora que lle permita facerse coas leiras da familia, evitando así ter pagar o imposto de sucesións cando morrer o patrón. Xosé Manuel Baltar (Ourense, 1967) non foi quen de conservar nin sequera dous mandatos esa maioría que semellaba inexpugnable logo de permanecer inalterable durante dúas décadas grazas a seu pai.
Pero pouco importaba. Na casa dos Baltar sempre hai plan B, e C. E os que sexan precisos. Observando como se frustraban as negociacións entre Jácome e o PSdeG de Villarino, actuou como actuaría un bo negociador: ofreceulle ao seu inimigo aquilo que máis desexaba. A Alcaldía. E xa nada do que ata entón ocorrera ou se dixera importou. Consciente de que a memoria en política non adoita ter unha grande esperanza de vida e armado cunha notable ausencia de escrúpulos, rematou asegurando o que previamente case deixara escapar. Os grandes expertos en nepotismo sempre buscan as debilidades dos demais para manter os seus privilexios. O seu poder.
Baltar, o fillo, «no es Baltar»; pero o patrón segue vivo. E aos vellos patróns neste país só adoitan xubilalos a morte ou a demencia. Pai e fillo son conscientes do seu poder. Un poder nacido da alianza entre Baltar pai e Fraga e que se completara coa integración, no 1991, dos Centristas de Galicia no recén nacido PPdeG. Mais tamén un poder mantido logo de tres décadas repartindo agasallos pola provincia adiante, mercando vontades, cantando trombón ao lombo, «si no eres del PP, jódete».
Logo de que o pasado domingo 23 de abril un radar fotografase ao Presidente de Ourense, como a el lle gusta definirse, conducindo a 215 quilómetros por hora o coche oficial pola A-52, todos os focos volveron alumar cara o Pazo Provincial. Manuel nunca valorou dimitir, malia abrírense dilixencias por un posible delito contra a seguridade viaria. E a ninguén sorprendeu. Pois Manuel non herdara leiras. Tampouco un partido. Manuel herdara un poder que ningún político neste país ten: a inmunidade fronte ás direccións galega e estatal do Partido Popular e case 100 millóns de orzamento anual cos que afrontar un intenso mercado de fichaxes entre alcaldes e concelleiros de PSdeG e BNG; mais tamén cos que lle pagar a hipoteca a unha non pequena parte dos traballadores culturais e da intelectualidade patrias. Culturgalbaiting. Dese poder depende que Rueda poida revalidar o goberno da Xunta en 2024. E ninguén morde a man de quen lle dá de comer.
Tras lograr converter, estratexias procesuais e plantóns mediante, o que debía ser un xuízo rápido nun ordinario a iniciar tralo 28M, resta coñecer se unha sentenza condenatoria será quen de volver provocar unha nova fenda na súa blindada impunidade. Certo que a cobiza e o narcisismo de que dispón o fillo en cantidades maiores ás do pai, provocan que sexan máis visibles as súas debilidades. Mais Rueda non vai arriscar as súas dúas presidencias enfrontándose a quen ten a chave das mesmas. Feijóo intentouno e foi humillado.
Pero é aí, na interna do PP, onde unha oposición intelixente debera atacar. Polo político e polo xudicial. Pois se Baltar cae, cae o PP. E é aí, no clímax dramático desta traxicomedia que xa dura décadas, onde se abre a xanela de oportunidade que permita gobernar a Xunta a BNG e PSdeG mentres os populares galegos asumen a catástrofe e enfrontan unha recomposición que lles podería levar anos. Cambio de época. O PPdeG naceu en Ourense e o goberno do PP na Xunta ten o corazón que bombea os votos latexando no centro da cidade das Burgas. Un bo cazador, coma Fraga, sabería ben onde disparar.