Quizais só porque «había unha inmensa primavera no corazón», como escribiu o poeta Claudio Rodríguez Fer, puideron imaxinar os facedores de palabras o vocábulo gerrmānus (irmán), que vén de «xerme». E así foi como, cos ollos aínda prendidos nas filleiras da pereira que medra no pasado do mundo, abrollou das súas bocas esta verba para se referir a dúas pequenas gallas que florecían no medio e medio do cosmos. Dous xermes, dúas irmás empurradas polo zume e o sol a partir dun gromo.
Sempre me preguntei se lles doerá ou se pola contra lles causará pracer a floración ás árbores? Mancaralle á terra a herba que «rebenta», como dixo sempre meu pai para se referir a ese espasmódico xurdimento da beleza no campo, tan humilde, tan silente, tan radicalmente vivo?
Con aquela ollada primeira, absorta e marabillada, do facedor de palabras ante a pereira, contemplo eu os meus irmáns, xermes, canda min, dun inmenso bosque de cromosomas creado con certeira –por azarosa–, arte combinatoria.
O amor que media entre irmáns é amor que non se parece a nada porque a experiencia asombrosa de compartir a canle da vida é absolutamente inefable, coma os soños uterinos de doce olor e pracenteira liquidez onde a sinestesia ensina o goce absoluto que integra e confunde nun só todos os sentidos. O amor que media entre irmáns é amor que non se parece a nada, porque nada se parece a nós coma nós entre nós mesmos.
O amor que media entre irmáns é amor que non se parece a nada, porque nada se parece a nós coma nós entre nós mesmos
A ecóloga canadense Suzanne Simard descubriu recentemente que as árbores das fragas están conectadas no mundo subterráneo, compartindo non só agua, carbono, nitróxeno e fósforo, senón información vital e mesmo protección, coma se se tratase dun enorme cerebro feito de raíces, un solista participante da polifonía. Simard sinala que nese sistema solidario as árbores máis antigas axudan ás plántulas serodias, e no limiar da morte mesmo aceleran a transmisión de carbono e outras substancias ás árbores máis novas da súa especie. Unha biometáfora, unha metáfora de nós, do bosque, dos cromosomas, dun necesario equilibrio poético radicalmente fraterno.
Cando eu viñen ao mundo naquel SIMCA 1200 dos veciños, case ás portas da clínica Virgen de la Luz, quedaban na casa, expectantes e ao coidado da avoa, os meus irmáns maiores: el de once aos, e ela de oito. Dous nenos nacidos no Antigo Réxime que era a Galicia rural dos anos 60. Mentres eles naceran na casa, asistida miña nai por unha veciña parteira, eu nacín á fin da ditadura, canda a compra do tractor, no asento traseiro dun automóbil, preto xa do sanatorio: nacín na ponte entre aquel mundo preindustrial dos meus irmáns maiores, e o capitalismo que sentenciou o noso mundo á ruína e á orfandade, coma un gran cemiterio de símbolos.
Mentres meus irmáns naceran na casa, asistida miña nai por unha veciña parteira, eu nacín á fin da ditadura, canda a compra do tractor, no asento traseiro dun automóbil, preto xa do sanatorio
Cando eu era nena, a reciclaxe natural facía que un animal morto se levase á fraga para servir de alimento a outros seres. Un somier vello servía de cancelo a un eido. Un bombo de sardiñas deviña o bebedeiro das pitas. Todo o que non servía pero ardía, desaparecía na consunción das lapas dunha tola (fogueira, no meu lugar). E o que nin servía nin ardía, ía parar ao burato da canteira: o antigo oxímoro do «punto limpo» nun tempo no que a orde, a limpeza e por suposto a hixiene nada tiñan que ver co concepto burgués de hoxe en día.
Ferraganchos, obxectos inservibles de cada casa e cada xeración mesturábanse entón nun encontro surreal naquel oco liminar, ás aforas da aldea, de onde antigamente se extraera a pedra para construír as casas. A canteira sempre me fascinou na súa dupla condición de abismo e de memoria sedimentaria, alí onde fica para sempre o que se abandona.
Pois ben, acababan de ir meus irmáns á canteira levar un obxecto triste cando cheguei á casa nos brazos da miña nai, e a miña avoa exclamou con lucidez entre o amor e o medo: «esta nena vén para ocupar o meu sitio!». Dispúñase, coma esas denominadas «árbores-nai», a transferirme nitróxeno e fósforo con toda celeridade para dar continuidade ao bosque. Morreu cando eu tiña só un ano e medio. O seu rostro picado polas vexigas da varíola é o primeiro recordo que teño na miña mente meniña. Pero antes, a avoa xa fora depositando os seus saberes centenarios nas súas filleiras diversas e nos meus propios irmáns, os netiños da casa.
Cheguei á casa nos brazos da miña nai, e a miña avoa exclamou con lucidez entre o amor e o medo: «esta nena vén para ocupar o meu sitio!». Dispúñase, coma esas «árbores-nai», a transferirme nitróxeno e fósforo con toda celeridade para dar continuidade ao bosque
O meu irmán naceu un ano despois de casar meus pais e como primeiro fillo varón ocupaba, sen el sabelo, o lugar do pequeno petrucio, destinado segundo as leis (non) escritas da ancestral compañía familiar galega, a dirixir na idade adulta a economía da casa e a representala, portando o alcume da mesma e todo o seu espesor simbólico. Puxéronlle o nome composto Felipe Carlos, harmonizando o gusto libre do pai por un dos nomes (Carlos), e a honra a aquel tío noso que viña de morrer, Felipe, o home da tía Lola, que regresaba así nominalmente á estrutura dos afectos. A miña avoa paterna, a Benigna, matriarca da Casa do Pescado, esixía aquel nome no neno para cumprir co rito da anáfora xeracional, que permitía a continuidade da domos (a casa-familia), naquel tempo do eterno retorno.
Que a chegada do neno foi un acontecemento familiar evidénciao en primeiro lugar un obxecto prezado que fica fóra das necesidades perentorias dunha economía de subsistencia: a fotografía de estudo, tomada no Nuevo, en Monforte. Foi feita polo expreso desexo da filla do tío Felipe, que marchara emigrada a Suíza trala morte do pai e pedía ver o neno portador daquel nome tan amado.
Así que, para lle cumprir o gusto á rapaza, pero cumprindo tamén un rito comunal, marcharon a Monforte en autocar a tía Lola e a miña nai, co meniño, que inda non andaba. Co diñeiro contado para o autobús e para as tres copias que fixeron da foto, os cartos non deron máis que para un exiguo xantar mentres agardaban o autocar de regreso: un acio de uvas compartido ao pé da ponte medieval que cruza o río Cabe. Conta miña nai que para ambas, aquela pequena viaxe a Monforte, que dista de nós 15 quilómetros, supuña unha certa aventura pois apenas sen teren saído da aldea, sentían a inseguridade de se ver na vila, temendo perderse nas rúas e no tecido comercial alleo ás súas vidas de mulleres labregas, cuxo xineceo eran os carreiros, o lavadoiro e a fonte.
Pero a fotografía do herdeiriño era un ben precioso e necesario, pois tiña a función de presentación ante a comunidade familiar espallada polo mundo en diversas fases, que marcan os fitos da emigración galega: unha copia a Venezuela, outra a Suíza, e outra a Bilbao. Porque tantas veces un obxecto humilde pode conter a historia humana.
A correspondencia coas amizades de ultramar amosa igualmente a centralidade que para a matriarca ocupa o nacemento do pequeno vinculeiro, a ledicia, a esperanza, a continuidade do apelido, da casa, da vida á fin:
(…) de momento me encuentro bastante bien ya que estoy viviendo solo con el hijo más joven que es el Jaime y está casado con una chica muy buena, tenemos un niño llamado Felipe Carlos, solo cuenta once meses y es mi divertición.
As pitas e o cabaliño
A segunda fotografía do meu irmán é na aira por volta de 1966. Metendo a man nunha potiña vella, apaña trigo para lle dar ás pitas, pero xírase para posar ante a cámara fotográfica dun noso tío. Porque o tempo do retrato sábese necesaria quietude, suspensión na captación do intre, unha acción estática –case extática– do presente, construída para o futuro con conciencia fósil. Deterse para ficar, mentres o galo canta. Aos seus pés, nun plano oposto ás pitas, «un cabalo de xoguete que perdeu o seu indio ou vaqueiro nalgunha corredoira, nun montón de herba ou entre os toxos estrados no patio da casa».
Hai algúns meses escribín para esta mesma serie un artigo sobre a costureiriña bonita de Saa, a nosa tía Amparo que emigrara a Bilbao nos anos 60. A súa filla de catro anos quedara algún tempo cos meus pais mentres os seus marcharan aló á procura de casa, e ao seu regreso trouxéronlle á nena unha caixiña chea de indios e de vaqueiros cos seus correspondentes cabalos. A meniña, solidaria co pequeno curmán de apenas un ano de idade, compartiu aqueles fermosísimos xoguetes chegados doutro mundo no que existía o plástico.
Ao volver poñer agora os meus ollos nas imaxes infantís do meu irmán, a miña mirada engadiu un novo elemento que nos pasara desapercibido durante todos estes anos: ese signo solidario e afectivo ante os pés do neno, ese cabalo que nos fala da arqueoloxía das emocións cincuenta anos despois, e que incorpora unha traza da infancia nun espazo no que os nenos, e a súa sensibilidade, ocupaban a marxe.
Entre o cabalo chegado da emigración, o galano da nena, o depositado no chan, o fixado na foto, e o re(descuberto) por nós medio século despois, entrecrúzanse as múltiples dimensións dun signo polisémico que conta, tamén de xeitos diversos, a(s) nosa(s) historia(s).
Un neno de aldea, un labreguiño que xoga a ser labrego aprendendo o seu destino, porque aínda non foi aculturado pola Cultura do Estado. E por iso a diversión aínda está en darlle ese gran ás pitas. Non sabe inda que o seu mundo é un pequeno indíxena con plumas a piques de ser abatido polo conquistador
Pero unha desas historias que conta é a do neno do retrato. O cabalo está só. Non hai outros xoguetes arredor, senón unha paisaxe doméstica agraria. É, coma o Balbino de Neira Vilas, un neno de aldea, un labreguiño que xoga a ser labrego aprendendo o seu destino, porque aínda non foi aculturado pola Cultura do Estado. E por iso a diversión aínda está en darlle ese gran ás pitas. O seu espazo lúdico é aberto e total porque é o lugar da vida e toda a aldea é en potencia –e en acto– o territorio da diversión. Porque o goce é expansivo e o capitalismo aínda non impuxo as súas cancelas e a súa ordenación binaria entre o que é lugar de traballo/ de lecer, entre espazos de aprendizaxe/ de xogo. O neno do retrato vive nun territorio non escindido, xogando con carros de nabo ou pau, con frautas de xunco, con barro, pedras e animais.
A chegada do cabaliño de plástico e dalgún camión traído polos tíos emigrantes na urbe, irrompe coma un elemento de prestixio, unha materialidade especial e allea, que brilla precisamente porque vén de fóra. O neno de dous anos fai convivir no mesmo espazo da aira e do xogo o cabalo de plástico coas galiñas. Pero o cabalo estanos falando xa da ferida incurable do complexo do atraso no rural, inducido pola modernidade, e ao mesmo tempo, da imaxe racista do indíxena con plumas abatido polo conquistador. O meniño da foto non sabe inda que o seu mundo é un pequeno indíxena con plumas a piques de ser abatido polo conquistador.
Baixo o signo da nube
É o día de Santiago de 1968, festa da parroquia, e o neno fermoso acabado de mudar, ocupa un espazo central no cosmos e detense a sorrirlle á cámara do tío Antonio. E mentres mira para o obxectivo, está lembrando unha imaxe fascinante que contemplou hai tres días. Estando no monte coas vacas viu, desde o lameiro da Fonte, unha nube que parecía pousada no tellado da nosa casa e quixo ir collela, insistiulle tanto á mai que aquela tenrura infinda, transferida, fixo de min un ser nefelibata, alguén soñador que integra, coma a etimoloxía grega, a nephélē (a nube) e a acción de bátēs (que anda). «Andar nas nubes é pois, para min, unha herdanza marabillosa do irmán maior, e daquel noso mundo extinto no que o real era unha nube de Magritte deitada sobre o tellado».
Esta é a última imaxe do neno en solitario. Porque algúns meses antes, o 27 de decembro do ano 67 nacéralle unha irmanciña. Miña nai quería poñerlle Ana pero naquela tempada naceran algunhas nenas na contorna e a todas as bautizaran co mesmo nome da avoa. Así que a Benigna, a matriarca da casa, impuxo de novo a orde tradicional esixindo a continuidade do seu nome na nena que viña ao mundo. A pequena Benigna foi sempre na casa chamada Nina, un ser luminoso e alegre, tan semellante ao irmán na bondade natural e na intelixencia -que son, no fondo, a mesma cousa-. Chegou sen case mancar á nai, no cuartiño do medio, sen axuda de parteira nin médico, no medio da noite, sen lamento nin mal. E este é o seu sinal de identidade.
Aquel día de Santiago os meniños foron primeiro fotografados por separado e logo xa xuntos, canda os seus pais. E o álbum familiar revela algo dunha densidade simbólica especialísima: a partir de entón todas as fotos dos irmáns son xuntos, coma un espello que reflectise a propia vida, na que foron un sendo dous. Unha unión que é a un tempo marabilla da matemática e enigma da metafísica.
Baixo o signo da neve
Nevara moito aquel inverno e por vez primeira a Nina vira a brancura absoluta que deposita nos sentidos o inefable. Nevara moito e a mai hipersensible abrigou ben os fillos e saíron á aira. E penso… Se unha mente aprende a dar os seus primeiros pasos sobre a neve, con que delicadeza andará despois sobre da terra? Detéñome no rostro entón do neno de tres anos que exerce xa de irmán maior e protexe a nena coma un homiño serio, que olla a cámara pensando quizais no número pi, na beleza absoluta da circunferencia e sobre todo, sobre todo en que non embeleque a nena e se manque. E eu, que non existía no intre desa imaxe, vou a ela desde o futuro cara ao pasado con tanto amor que son quen de nevar, de nevar, e seguir nevando.
Non tardando, en canto valeron para ir ao monte coas vacas, el con seis anos e ela con tres, ían tras de enormes bóvidos aos prados coma quen tangue un rabaño de dinosauros cara ao agro e os ve pacer. En canto valeron para ir á arada, el guiaba as vacas para trazar aquelas liñas rectas que fixeron del un matemático. En canto valeron, ela fregou os cacharros subida a unha cadeira cun estropallo feito de cordóns das pacas e un xabón feito de pingo e sosa cáustica que daba ben pouca escuma. En canto valeron, arrastraron cestos de patacas no leiro de Su a Horta despois mesmo de vir da escola. Porque non tardando, xa tiñan que valer pra todo naquela economía na que cada membro facía o seu labor na medida en que podía. Porque os nenos e nenas do noso rural herdamos o ancestral sistema da compañía familiar ao tempo que se foi introducindo a obrigatoriedade do ensino, de xeito que houbo que compatibilizar o vello mundo e o novo, os saberes naturais e os académicos, as aprendizaxes vitais de cada día e as normas impostas polo poder. E neste camiño non exento de tensións e obrigados choques culturais, produciuse a confluencia de dúas civilizacións e o entrecruzamento de dúas fases da Historia.
Os nenos e nenas do noso rural herdamos o ancestral sistema da compañía familiar ao tempo que se foi introducindo a obrigatoriedade do ensino, de xeito que houbo que compatibilizar o vello mundo e o novo, os saberes naturais e os académicos, as aprendizaxes vitais de cada día e as normas impostas polo poder
Así que, nesa dupla condición de nenos entre o preindustrial e a modernidade, foron meus irmáns primeiro á escola unitaria de Vilarmao, galgando por riba do vargo canda mozas e mozos de toda a parroquia desde catro anos a dezaseis; onde o váter era o carreiro e a aula un cuarto grande da casa do Reguengo cedido para escoliña; naquel lugar onde unha conta de multiplicar tremía nun encerado antigo e o mapa de España falaba de Castilla la Vieja, e de súpeto a miña irmanciña facíase pis enriba da goma dun compañeiro, ou meu irmán se dirixe á profesora e aínda hoxe a acompaña no cosmos aquela fermosa frase: «señorita Purita miña maestra..».
Moi pronto estrearon o novo centro escolar que reuniu a máis de catrocentos nenos e nenas do municipio. Aquel novo sistema uniformizador traía non obstante o vaso de leite para todos a media mañá, e traía unha dieta saudable que introduciu o peixe e a carne fresca nos xantares daqueles nenos afeitos ao caldo, patacas, ovos, chourizo e pan, ás papas de fariña, ás merendas de sopas de burro canso ou ao pan mollado en augardente e azucre. Nenos e nenas afeitas a unha dieta sen chocolate, iogures nin froita, agás cando viñan as cereixas e había que ilas roubar cunha canella á aira de Benitiño, ou aquelas mazás redondas coma Saturno que daban boa compota.
O colexio trouxo saberes nunha lingua que non era a nosa, trouxo normas de educación urbana que non eran as nosas, e ao tempo que nos desclasaba deunos acceso a outros coñecementos facéndonos desexar ser outros, o mesmo coñecemento que nos devolveu logo a conciencia de querer ser nós… Arredor de si, que diría Otero. Unha viaxe de retorno que moitos non fixeron, porque o Capital introduciu a ecuación entre o noso vello mundo e o atraso, introduciu o complexo e a negación, introduciu a dor, e esta o desexo de esquecer e mesmo a escura necesidade do desprezo ao propio.
O Capital introduciu a ecuación entre o noso vello mundo e o atraso, introduciu o complexo e a negación, introduciu a dor, e esta o desexo de esquecer e mesmo a escura necesidade do desprezo ao propio
Ese choque cultural percíbese nalgunhas imaxes que poñen o foco no prestixio do alleo, da mercadoría que representa a modernidade, no éxito que pon de manifesto a máquina. Así, coma tantos outros nenos do rural, a nena Nina e o neno Carlos foron fotografados a comezos dos 70 nun camiño de Vilarmao ante un coche de luxo da época, un Ópel Manta, un deportivo de feitío aerodinámico de produción alemá. Era dun primo noso chegado da emigración a Suíza, un clásico da sobreexposición do éxito: unha fraxilidade tan humana a de tentar evidenciar o triunfo que xustifica o desarraigamento.
Os meniños humildes con pantalón de tergal feito na casa e vestidiño herdado dalgunha curmá, posan coma se pisasen a Lúa á par dun «progreso» que lles é completamente alleo, representado polo automóbil, cando na casa había só aquel carro que canta tirado por dúas vacas. A contraposición estóuralles no corazón seguramente: como non desexar aquela hipermodernidade a 150 quilómetros por hora, chegada dun país afastado onde os nenos deben comer chocolate a encher, no canto dunha onza gardada coma un tesouro no vello baúl da avoa? Non saben que o dono do Ópel Manta tería dado calquera cousa por poder quedar, se non fose que lle morrera o pai cando tiña a idade deles… Non saben que o dono do Ópel Manta soña co caldo de grelos mentres mira cunha nostalxia infinda a beleza do lago Constanza. Porque (case) nada é o que (a)parece.
Do día mesmo daquela foto ante o coche hai outra imaxe da Nina e do Carlos sentados na parede da aira, felices e enlazados na nítida unión fraterna, coma se ese momento cristalizase e multiplicase o efecto en moitos outros que virían. Porque non en van están sentados xusto no lugar en que o noso pai depositou, corenta anos despois, centos de pedras de seixo branco para construír unha parede de símbolos cristaliformes, protectores e apotropaicos, cos que rodeou a casa nova que habitamos hoxe.
Quizais ao erguerse da parede partisen a correr e xogar ao lobo, á pita cega ou a facer un muíño de auga con dous paus. Talvez furgasen nun montón de area ata a súbita aparición dun sapo, quizais apañasen dúas latas vellas e as furasen para colocar o cordón de atar os chourizos e xogar ao teléfono, aquel aparello que aínda non chegara a Vilarmao. Pode ser que xogasen á chapa, pode ser que fosen buscar grilos metendo unha herbiña nun burato, ou que collesen saltóns, que fosen acariñar un año acabado de nacer ou a ver se albiscaban, por acaso, a niñada dun paxaro mítico. Pero o máis seguro é que ao rematar de facer aquela foto na aira, fosen chamar os nenos de Chiqué, pequenos veciños porta con porta, para que visen o coche e logo xogasen xuntos. Tamén aqueles nenos foron fotografados ante un automóbil da súa familia, acompañados pola miña irmá.
A Arita e o Jose, a Nina e o Carlos. Inseparables os catro, dous nenos da mesma idade e dúas nenas dos mesmos anos, facían orquestras con frautas de ferroia ou tambores de lata e espallaban polo ar os éxitos de Nino Bravo, con micrófonos de pau e instrumentiños creados con botes que cobraban unha segunda vida, musical e lúdica. Nada pode ser tan marabilloso como pasar de ser un bote de matamoscas a devir o tambor dun neno. Nada como despois de conter veleno dentro, estourar de ledicia percutido por un pau de amieiro ou buxo nunhas mans de sete anos. A arqueoloxía que defende o status dos obxectos a carón dos seres vivos sabe ben desta simetría poética, desta ciencia da delicadeza sen a cal o mundo non pode, ou non debe seguir vivindo. Era un tempo no que aínda non se producira a mercantilización do desexo e non todo se compraba, senón que se soñaba e se creaba.
Inseparables os catro, todos xuntos xogaban a ovo-pico-araña, ás agachadas, ou a facer o picamontón a rolos por un lameiro abaixo. E dado que sempre o xogo ensaia a propia vida, este tamén reproducía saberes e roles sociais: por veces elas xogaban ás labregas apañando feixiños de herba, fritindo margaridas que eran ovos, mentres eles afiaban frechas para os seus arcos, xogaban ás guerras con bombas de coios, asaltaban «a dilixencia» do carro do señor Alejo, ou apuntaban cos tirapedras ata dar exactamente no centro do infinito. Compartían os poucos xoguetes que tiñan e os moitos que fabricaban coas súas pequenas mans afeitas ao traballo diario, afeitas aos pequenos labores invisibles dos recados, e á axuda nos grandes momentos da seitura, da malla, da festa ou da mata.
Deixaron aboiando na memoria aldeá a épica das súas trasnadas, como quedou no río Rubín o balbordo dos risos e no ar o fume quente dos compadres e das comadres ardidas no Entroido. Quedou o brillo das roupiñas de estrea o día de Santiago. E así, medrando xuntos no xogo, no corpo e na mente, os últimos nenos foron verdadeiros confidentes solidarios, cun lazo que endexamais se desfai por moito que pasen os anos ou a vida os leve por camiños diferentes e afastados.
Hipersemántica do balón e da bicicleta
Estamos en agosto do ano 73. Chegou de Barcelona o tío Antonio cun balón de coiro para o afillado. Hai marabillas sinxelas propias do Paraíso, como dar co pé a unha pelota e vela alzarse do chan, vela rodar polo impulso que lle dámos, entrar no espazo coa forza das alegrías simples e das leis da Física.
Podería aludir aquí á hipersemántica da esfera e dicir que desde os presocráticos simboliza a completude e a perfección; que Platón soñou os seres edénicos como esferas andróxinas sen escisións, e que o Bosco introduciu a felicidade do Xardín das delicias en esferas transparentes protectoras e sutís. Pero en realidade o balón de coiro aos pés do meu irmán contén e non contén todo o antedito, e a súa condición hipersemántica lévanos antes ca nada á memoria antropolóxica da carencia.
Porque este balón da foto non é calquera elemento a carón duns nenos, é un xoguete de calidade fronte aos escasos balóns de plástico mercados nalgunha festa, que pinchaban o primeiro día e logo só se xogaba cun resto pobre, semidesfeito, ata que ficaba enterrado en calquera silveiro do lugar. Ás veces, cando se ara un leiro, inda aparecen anacos de balóns vellos, o piso de goma dalgunha bota e outros restos sedimentados que sempre lin coma fenómenos de irrupción do extraordinario.
É fermoso ler a felicidade duns nenos nun balón de coiro de 1973. É fermoso de verdade ler un balón a punto de ser lanzado ao ar polos pés do irmán maior.
Pouco antes da chegada do balón de coiro, a tía Isolina, que vivía en Ponferrada, trouxera unha bici vella que, xa non lle servindo a un neno da cidade ía facer as delicias dos nenos de Vilarmao, que nunca tiveran unha. Máis que correr, voaba. Viaxaban na bicicleta ata a aldea veciña de Castroncelos, a un quilómetro de distancia, para ir á cantina mercar as cousas, polo camiño Real sen asfaltar, cheo de coios e po. Tanto tiña. A bici, coma o balón, colma un baleiro, unha carencia e o seu balbordo de sentidos.
O caso é que, ao non haber un peso, en canto se foron pinchando as rodas non houbo parches nin posibilidade de cambiar pneumáticos –ah, pneuma é alma en grego–: como manter o Capital pneumático vivindo coa alma e co corpo no Antigo Réxime? Un anacronismo impensable. Así que, os nenos seguiron voando na bicicleta sobre os ferros das rodas e a felicidade. Porque ás veces, a apoteose é simplemente ir dous nunha bicicleta vella, e todo o demais… desaparece.
É probable que antes de xogar ao balón ese día os nenos xa foran ao monte, tiveran que tornar unha vaca ou dúas da estrema dalgún veciño. É probable que ela xa fregara os cacharros e que vira de esguello os debuxos animados do televisor, tantas veces interrompidos polos traballos cotiáns do campo. É seguro que o neno axudara a limpar o estrume da canaleta da corte e collera unha paca de palla para volver estrar. Igual xa foran ao millo e seguro que aquela mañá axudaran a levar as cántaras do leite ao campo onda o negrillo. Que lle abriran ás pitas e lle deran algo de gran. Talvez apañaran codesos para lle dar aos coellos ou axudasen á mai a desplumar unha pita. Quizais foran á cantina por un quilo de azucre, ou polo formento á casa de Maripepa por ver de cocer o pan. Quizais foran pedir un vaso prestado de aceite e o neno fixera rabiar á irmá aquel día por unha trapalladica, porque el era traste e ela berraba por pouca cousa. E seguro que volveran do monte antes de remoscar as vacas, na compaña do can Yoni, e seguro que viñeron todo o camiño comendo moras e soñando con chegar á casa e pedirlle á mai Benigna unha castaña de chocolate, que é como nós lles chamamos ás onzas sempre.
Unha castaña de chocolate
Aquela tarde, en efecto, a avoa abriu a súa pequena arca e sacou de alí unha libra de chocolate, daquel que lle traían coma un presente os fillos da emigración ou que ela mesma mercara nalgunha feira. Moi de cando en vez había aquela especie de gran galano ritual, reservado exclusivamente aos dous netiños da casa. O Carlitos mordía moi amodo un anaco diminuto e deixábao desfacer ben na boca, para prolongar o máximo posible a duración da lambeta. Como se medirá ese tempo íntimo dos praceres, que se recorda toda unha vida coma unha suspensión e queda na mente ese momento coma o mosquito atrapado nunha pedriña de ámbar? Como se medirá o tempo dunha castaña de chocolate na boca dun neno humilde?
A mai Benigna gardaba naquela arca as cartas e fotos dos fillos que marcharan polo mundo adiante, algunha galleta e un chisco de chocolate. Ela foi o gran colo acolledor, lieux de mémoire onde se condensa unha cultura. Un dos primeiros recordos que eu teño é precisamente o adeus a esta metáfora múltiple que foi a mai Benigna. Sentadiña nun banco no corredor da casa, a veciña que quedou comigo mentres todos ían ao enterro, díxome no intre en que sacaban o cadaleito pola portada do patio: «dille adiós á abueliña, quirida, dille adiós». E eu lembro ter acenado coa man, sen saber que lle dicía adeus a un mundo, sen ser consciente, aos meus dous anos de idade, de que reconstruír os mil significados daquela metáfora múltiple podería levarme toda unha vida. Pero ese intento é o que fai de min precisamente o que son.
Nesta resilencia, que é resistencia poética contra un abandono catastrófico, cómpre desenterrar unha narrativa material chea de obxectos humildísimos coma a arca da Benigna, que nos contan unha historia, unha Historia
E nesta resilencia, que é resistencia poética contra un abandono catastrófico, cómpre desenterrar unha narrativa material chea de obxectos humildísimos coma a arca da Benigna, que nos contan unha historia, unha Historia. E cómpre desenterrar a poética inmaterial da anciá que endexamais viu outro horizonte có dun val, que era parteira e sabia e curaba os males da carne e do espírito co corno dun alicornio, cun responso, cunha castaña de Indias, cun anaco de touciño cravado nunha silva macha e non mires atrás, non mires porque senón o seu poder desaparece. Aqueloutro poder que era pura maxia simpática e temía a pega que peta na ventá e a cor marabillosa do corvo amado por Rimbaud pero por ela non, por ela non, que rezaba cada noite o rosario no perfecto sincretismo relixioso que a facía crer en Deus pero tamén na segura potencia da herba ceruda e nun recitado de palabras contra o Fogo salvo. E a salvo no seu colo, a meniña Nina durmía cada noite canda a avoa, escoitando aqueles contos verdadeiros sobre unhas luciñas do cemiterio que tanto medo lle daban.
A salvo no seu colo, sorría o Carlitos o domingo de ramos despois de ir bendicir o loureiro á misa e de ilo espetar canda ela a un leiro para termos boa colleita de pan aló, aló por volta de 1969, cando alguén seica chegou á Lúa.
Aquel universo antergo comezaba a convivir con elementos do «progreso» como o televisor, que a mai Benigna nunca entendeu: inquietábaa ver a violencia dun western e berraba para avisar ao pobre do indio a piques de ser asasinado nun monte de Arizona, poño por caso. Nunca chegou a entender que aquilo que vía no aparello era froito dunha ficción, afeita como estaba ao reino da realidade.
Pero era precisamente o seu universo real e antergo o que por veces impresionaba os netos, cheos de medos nocturnos no medio do rezo, ou nos avisos da morte ou no perigo dun «aire» que che dá e morres, no temor cerval ao mar, o gran descoñecido. Cando o meu irmán contaba seis anos, os nenos da escoliña unitaria de Vilarmao foron coñecer o mar, levados pola mestra e o cura. Pero o Carlitos fora advertido pola avoa do enorme perigo que entrañaba o mar, e el, tremendo coma unha cana ante a potencia do océano, non quixo achegarse moito e non soltou nin un intre a man da Mari de Casumira, unha nena maior veciña, que o mantiña así na seguranza co lazo da aldea, da casa, da avoa.
Co pasamento da mai Benigna, de súpeto os nenos deixaron a infancia e a Nina pasou a ser unha «naiciña nena» de nove anos que atendía da irmá pequena. Aínda co impacto emocional do velorio na casa, ficaba soa ás tardes co medo á avoa morta, mentres o irmán e os pais ían ao monte, aos nabos, á monda. Sempre sen leña para prender a cociña de ferro, saía verán e inverno apañar algún garabullo no horto e facerme a merenda de tortilla francesa que eu non lembro máis que nunha parte do hipocampo onde se gardan os grandes tesouros da vida primeira.
Eu agardaba a chegada da escola dos meus irmáns agarrada ás varandas do corredor, coma quen vai ver pasar un astro unha vez na vida entrando pola portada. A naiciña nena apañaba por veces unha peseta perdida nalgún recuncho cando varría, e aforrábaa para mercar para min na cantina do cole un Sugus, unha gominola humilde en forma de verme, un regaliz vermello da lonxitude do infinito. Ela, unha nena de nove anos a quen lle caían os ollos por unha lambetadiña, gardábaa no peto para min. O mundo no que vivimos explícase deste modo: por que pasou á Historia Napoleón, e non o acto de xenerosidade da miña irmá? Por que nas escolas se ensina a batalla de Borodinó e non o valor dun caramelo Sugus no peto dunha neniña pobre?
A avioneta e o papaventos
Dá conta Neira Vilas en Aqueles anos do Moncho (1977) do estupor entre nenos e vellos causado pola irrupción dun dirixible alemán no ceo de Gres nos escuros tempos da guerra. Tamén a señora María de Fontes alertara os veciños cruzando o ceo, despois de morta, nunha banqueta, segundo conta Cunqueiro. O que vén polo ar sempre nos fascinou, no dobre senso do étimo: o que atrae, pero tamén o que pode ser perigoso precisamente polo feitizo que emana do que fascina.
De cando en vez, a solitaria e rutineira vida cotiá da aldea víase sacudida por un acontecemento inesperado: a visita dalgún parente, o altofalante da furgoneta do colchoneiro, os vendedores de mantas maragatas, a camioneta dos peixeiros, alguén que viña pedindo, os xitanos á procura de ferraganchos… A chegada das diferenzas era sempre a irrupción da marabilla porque abría unha fenda cara a outredade. Pero entre todas elas, había unha que deixaba os nenos de Vilarmao coa boca aberta: o voo baixo da avioneta dun veciño de Lamaigrexa.
Aquel aviador misterioso que non vivía entre nós, aparecía no ceo de cando en vez, regresando ao seu lugar natal que era a aldea enfronte xusto da nosa. A chegada da avioneta era un acontecemento que transformaba aquel día nun tempo do extraordinario. Pasaba varias veces, parecía marchar e volvía de revolta, descendía perigosamente ata case levantar o suspiro dalgún tellado, e os nenos choutaban de excitación e axitaban os brazos para saudar o piloto, pedindo a berros: «Apóusate, apóusate!!!».
Pilotábao Antonio Rodríguez Casar, un militar retirado do corpo de aviación da ditadura, algo parente do meu avó. Aos seus voos a xente buscoulle unha razón romántica. Dicíase que estaba tolamente namorado dunha súa veciña: a fermosa Felisa da casa de Don Juan
Ouvíase o rumor xordo do motor ao lonxe vindo da parte de Lugo, e pouco a pouco íase achegando aquel aparello fabuloso que sucaba os aires do municipio coma un gran paxaro de ferro, sacado dunha mitoloxía estraña ou dalgún filme de guerra e de amor. E algo de ambas cousas traía aquel voo insólito, aínda que os nenos non o souberan. Pilotábao Antonio Rodríguez Casar, un militar retirado do corpo de aviación da ditadura, algo parente do meu avó. Aos seus voos rasantes no seu lugar natal de Lamaigrexa e no veciño de Vilar de peras, a xente buscoulle unha razón romántica. Dicíase que estaba tolamente namorado dunha súa veciña: a fermosa Felisa da casa de Don Juan, que daquela inda estaba solteira, e aquel voo baixo que pasaba case rozando os teitos cando sobrevoaba Vilar de peras era o seu especialísimo cortexo, a expresión marabillosa do seu amour fou. Que inda por riba ela fose descendente da casa de Don Juan engade un estrato maior á lenda.
Sexa como for, habitando el en Compostela, parece que os seus voos de recreo tamén asombraron a poboación de Cambados, segundo dá conta o xornal El Pueblo gallego, o día de Santos de 1964:
No seu lugar natal, nun outeiro preto da igrexa e a carón hoxe dunhas placas solares, encóntrase un cruceiro en cuxa base pode lerse: Antonio Rodríguez Casar (Aviador), e non lonxe, inscrita sobre o cemento da base, a data «76». A feitura recente do cruceiro –seguramente 1976–, fainos pensar que probablemente fose el mesmo quen o sufragou. O aviador pediu ser incinerado á súa morte e que as súas cinzas fosen esparexidas arredor do cruceiro de Lamaigrexa, quizais –penso eu–, para que ao bicaren a terra daquel amado lugar, alzasen o voo, que é o que fan as avionetas e as cinzas dos namorados.
O recordo daquel voo talvez ficase na confección dos papaventos que cando eu era nena facían os meus irmáns e os rapaces veciños da casa de Chiqué. Unían dous paus labrados cunha navalla, en forma de cruz, e a ese esqueleto simple amarrábanlle o corpo trapezoidal dun anaco dun saco de penso, unha pequena corda das pacas ou cordón de atar chourizos, e a correr, e a voar, que é o que fan as avionetas e as cinzas dos namorados.
O rito e o mito
O día antes da primeira comuñón, o pequeno petrucio caera da bicicleta dun rapazolo e foi á misa cheo de rabuñadelas. Non había moito tamén se mancara ben xogando a facer de morto riba dunha escada portada por catro rapaces maiores que xogaban aos enterros. Porque o rito formaba parte da vida e polo tanto tamén do xogo e deste xeito tamén do humor, da lectura que rebaixa a seriedade do rito, en certo modo desmitificándoo. Eu veño a este recordo comunal remitificar a experiencia humana, a invisibilizada memoria infantil, tan poderosa, porén, que fica en nós para sempre. Porque o fráxil e o aparentemente intranscendente son sen dúbida as nosas fortalezas.
Ao día seguinte, vestidiño con hábito branco coma nunca se vira, camiñou cara ao altar coa solemnidade do rito, co inmenso temor a morder a oblea. Era xa un neno ateo e racionalista que nunca quixo volver á misa. A súa intelixencia natural de rapaz criado na natureza asumía a vida terrea percibida polos sentidos, e por iso el só podía crer na materia que fala da finitude, anque Mircea Eliade vise naquela vidiña labrega de oito anos algo tan sagrado, que integra no fondo o mito e o rito.
Tres anos despois, polo día de Santiago, agardaba o mesmo rito á nena, que acudiu á igrexa coma unha princesa pero con vestido prestado, xa usado polas curmás. As nenas pobres foron sempre princesas de prestado. A foto de comuñón da miña irmá, no medio do campo, revela precisamente ese entrecruzamento entre o rito e o real, amosando a excepcionalidade do rito que conta outra historia e despraza a narrativa do cotián por un día.
Porque ao día seguinte a princesiña regresa ao seu rol de naiciña nena, como a antropoloxía galega, desde Vicente Risco a Xavier Castro denominaron ás raparigas que cumprían funcións de coidados domésticos en apoio ou substitución das nais.
Unha vez devolta a roupa do rito, a naiciña nena vén darme a papa, cambiarme o cueiro ou acalentarme se choro. Igual lle dá o biberón a un añiño, frega as cuncas da cea ou baixa á adega por un pouco viño do cubete. E non tardando arrancará abono cun picaño igual cós homes, turrará de becerros que nacen e estudará con bóldregos nas mans e frieiras nos pés, idéntica en todo ao seu irmán maior, igualados polo labor do campo e o esforzo no estudo.
A pedagoga e o matemático
E un bo día de 1978 apareceu no aparador do comedor un papel verde enmarcado co nome do meu irmán inscrito no centro: o diploma de Graduado escolar. Aquel obxecto de prestixio colocado nun lugar central da casa amosaba con orgullo o primeiro título acadado naquela familia, que habitaba entre aquelas paredes polo menos desde o século XVII. Trinta xeracións de meu analfabetas…
Tras daquel título chegaron outros ata facer da miña irmá unha mestra e pedagoga e de meu irmán un matemático. Meu pai sempre falou cun profundo orgullo do éxito académico dos seus fillos, logrado polo inmenso esforzo económico dos meus pais e pola capacidade e constancia dos meus irmáns. Era sen dúbida un triunfo sobre o mundo e o cumprimento do soño do pai, un home imparable, todo enerxía, todo vitalismo: que os seus fillos un día puidesen traballar ao enxoito.
A medida que aquel soño foi avanzando, os meus irmáns alternaron a axuda nos labores do campo coas integrais e a alta álxebra, a seitura con Piaget, os primeiros amores co estudo de Platón, munguir as vacas repasando a revolución francesa… Estudaron no inverno cos pés metidos no forno da cociña de leña. Con guantes nas mans metidos na cama. Paseando con paixón peripatética nos prados, memorizando fórmulas mentres as vacas pacían alleas aos polinomios. Os apuntamentos en Compostela arrecendían ao campo e algún xersei de la, feito por miña mai, gardaba entre as súas febras a memoria do silo. O leite e os ovos da casa, os chourizos e o pan, viaxaban en autobús a Santiago. Mentres na casa quedaban apenas 1000 pesetas para pasar o mes.
Ao tempo que eu crecía fascinada polo ritmo das palabras, aquela épica íntima dos irmáns no instituto e logo na Universidade foi o brillo na miña vida pequena, a aventura do coñecemento e a meta autoafirmadora da independencia persoal conseguida polos propios medios desde o lugar máis humilde.
Ao tempo que eu crecía fascinada polo ritmo das palabras, os meus irmáns alternaban tamén a arranca das patacas co silencioso labor de excitar a curiosidade intelectual na irmanciña pequena. Poño os pés nos prados en que lin aos oito anos coa miña irmá, de dezaseis, o Lazarillo, o Quixote e a Celestina, e a marabilla de Kafka cuxo escaravello me fixo chorar de pena no lameiro da Laga. Eu escoitaba con atención o repaso das leccións de filosofía da miña irmá, e desde aquela sei que Sócrates naceu no 470 aC. No comedor da casa meu irmán lía comigo a revista Muy interesante e facíame xogos de lóxica, matemática e cuestionarios de cultura xeral dos que el non se lembra pero que eu nunca esquecín. Nos seus libros de texto atopei a auga que precisei para saciar a miña sede, e por eles cheguei a Espronceda e a Rosalía e por eles cheguei a min, porque sen dúbida eu son, antes ca nada, discípula da xenerosa entrega dos meus irmáns.
Hermenéutica dun Corrobelás
Eu tiña tres anos e el catorce. Víao marchar para a vila estudar coma quen vai a un mundo misterioso, e el ás veces prometía: «O venres, cando volva, heiche traer un Corrobelás que salta paredes e tira mazás». Eu imaxinaba aquel ser coma un xigante multicor de enormes pernas, que galgaba por riba da parede da aira feita con especies xeolóxicas milenarias. Soñaba con ir nos seus brazos coller as mazás máis altas, as da mellor compota.
Ramón Anxo Martíns Seixo, recolleu a referencia ao Corrobelás coma unha fórmula da fraseoloxía galega que se lle di xeralmente aos nenos, como resposta á pregunta: «que me tras?». E engade que as fórmulas, á contra dos refráns, son enunciados fraseolóxicos con significado pragmático e situacional, pero carentes dun significado descritivo con valor de verdade xeral e, en boa parte dos casos, carentes de calquera significado descritivo.
E por iso precisamente, pola súa enorme apertura semántica, o Corrobelás, coma os biosbardos e outra fauna imaxinaria, ten a potencia do fantástico, do surreal, do que nos fai soñar desde a liberdade radical. Agora sei que meu irmán, a carón da lóxica, me traía realmente o Corrobelás cada semana, xerando en min a poética ilusión do Marabilloso.
Agora sei que o pequeno petrucio e a naiciña nena levaron –sen o saber– á práctica aquel proxecto filosófico de Heiddeger, cuxo só nome merece a existencia, na dimensión do amor, do noso Corrobelás: a hermenéutica especial da empatía, que salta paredes e tira mazás.
*Este artigo debe a súa poética do abandono e o amoroso rescate dos obxectos simbólicos ao pensamento do etnoarqueólogo Alfredo González-Ruibal. A el está dedicado este cromosoma.