Arrimadas, porque eu o vallo  

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

Hora e media de sentada para impedir o paso duns caras no desfile do Orgullo de Madrid xerou un momento insólito: a expulsión de Ciudadanos do lugar que non tiña que ocupar dentro da expresión política suprema do movemento LGTBIQ+, a auténtica Semana Santa do mariconeo hispano, que saca os seus suorentos e apalpados corpos tal Macarenas por Prado e Recoletos, entre animadas saetas a ritmo clubbing.

Algúns progres nostálxicos de certa esquerda algo casposa quéixanse de que a marcha do Orgullo carece de simbolismo político. Que foi entregada aos bares, a festa e as marcas, que a peña vai de esmorga esquecendo a reivindicación. Pois xa ven que non. A marcha ten máis poder que os aburridos manifestos, pois foi quen de crear un dos episodios máis espléndidos para desenmascarar á nova dereita: «Fóra de aquí, hipócritas, non se vos quere!». E hora e media máis tarde alá ían, protexidos pola policía e co seu pinkwashing ás catacumbas a chorar polos platós. Madrid é voso, fachas e arrimados, pero hoxe podémosvos expulsar co noso xenuíno «No pasarán», como vós botastes a bandeira do arco da vella do seu lugar de honra no palacio de Cibeles, substituíndoa pola rojigualda, profundando aínda máis na súa identidade franquista e o seu simbolismo opresor… despois queixádesvos.

A marcha de Madrid cada primeiro sábado tras o 28X ía caendo en certo letargo tras a normalización legal de boa parte das reivindicacións do movemento LGTBIQ+. Aínda quedan cuestións relacionadas co xénero, e aí estamos todas e todos, tralas pancartas trans, reclamando a liberdade para que cada quen viva a súa vida como o desexe e non como marque ningún canon sagrado ou cultural. E loitando contra as fobias que aínda habitan as cacholas dalgún pobre ser.

Por fortuna, quen non se identifica co principal evento de Madrid Orgullo participa no Orgullo Crítico, no Orgullo Vallekano, ou acoden a Madrid tras movérense nas súas cidades o finde anterior en manifestacións e actos máis tradicionalmente reivindicativos.

A actitude macarra dos laranxas —provocar a toda costa e exercer de vítimas, como fixeron en Alsasua e en non poucos lugares de Cataluña— nace dunha idea desfasada do liberalismo, máis propia do XIX: eu fago o que me peta, sen que ninguén poda pararme.

Pois non. A túa liberdade, churri, non é só túa. A túa liberdade non é o teu coche ou o teu piso. A cousa é algo máis complexa. Ti só es unha pequena parte da liberdade de quen compartimos sociedade e vivimos en colectividade e interdependencia, aspiramos á harmonía e loitamos por mellorar o mundo. Tes a opción de seguir vendo só españois que fan o que lles sae do cu. Nós vemos o arco da vella. É outro nivel. Quizabes non o entendas, pero é o que hai.

Esta xente non diferencia entre maricas alteradas e multinacionais sedentas de beneficios. O caso é facer valer o dereito ao éxito persoal, á iniciativa individual, a que un mesmo sexa o único importante, non a sociedade á que pertence. O privado contra o público. Por iso propoñen contratos únicos e sen cargas empresariais e tratan de eliminar os convenios colectivos, e opinan que os impostos son mala cousa. Por iso lles estorban as garantías laborais dos que curran, por iso, en nome da liberdade individual, potencian o ensino relixioso e entregan a sanidade ao mercado. Por iso queren legalizar os ventres de aluguer para converter as mulleres en mercadoría. O do Orgullo non colou, porque algunhas veces, a xente protagoniza episodios marabillosos que enchen a rúa de poesía.

O «porque yo lo valgo» sirve para a intimidade do champú, pero non para as relacións sociais, máis complexas, cari. Se non entendes iso, nunca entenderás por que te fixeron saír por patas. Quen se sentou no Prado para impedirche o paso perdéronse por Madrid máis tarde gozando dos seus corpos en escuros clubs cheos de sexo e morbo, de festas hedonistas, nudistas ou exhibicionistas, de exuberantes espectáculos cheos de cor e brillo, de xogos sadomasoquistas, de saunas cheas de suxestivos instantes de pracer, de románticas veladas coas súas parellas felices ou gozando da súa solteiría desexada, porque viven no arco da vella, non na histérica elocuencia, coma ti. Pero antes diso fixeron o que tiñan que facer: mandarte a paseo coa lingua entre as pernas.

*Foto Adolfo Luján

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail