Feijóo desenténdese de Alfonso Villares e a Xunta elude apoiar a muller que o denunciou

A Coruña.- A dirección nacional do Partido Popular, que preside Alberto Núñez Feijóo, desentendeuse da imputación do exconselleiro do Mar da Xunta, Alfonso Villares, a quen o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) investiga por un presunto delito de agresión sexual a unha muller.

Transcorridos seis días desde que transcendeu a imputación de Villares, ninguén no PP estatal nin no galego expresou apoio institucional ou amparo moral cara á vítima. Tampouco o presidente do Executivo galego, Alfonso Rueda, nin ningún dos seus conselleiros e conselleiras, nin sequera a de Política Social e Igualdade, Fabiola García, que si defendeu expresamente o exresponsable da política pesqueira da Xunta.

Tras a reunión semanal do Consello de la Xunta este luns, Rueda rexeitou as acusacións da oposición de revitimizar a denunciante e de lanzar desde o seu cargo a mensaxe implícita de que as mulleres que denuncian agresións sexuais se enfrontan a obstáculos e trabas que redundan na súa indefensión mesmo por parte das institucións que deberían protexelas.

«O trámite xudicial correspondente»

A versión do BNG, que pediu a comparecencia urxente do presidente da Xunta no Parlamento de Galicia, é que se, tal e como recoñeceu, Rueda soubo en febreiro que Villares fora denunciado a finais de decembro de 2024 por un delito da gravidade do que se lle imputa, debería apartalo inmediatamente do seu cargo e, en todo caso, deixar «que esa denuncia seguise o trámite xudicial correspondente».

«Rueda ten que explicarlles ás mulleres deste país por que diante unha denuncia de agresión sexual encubriu e mantivo ese conselleiro, no canto de facer o que calquera persoa con sentido común faría nese momento», advertiu a portavoz nacional do Bloque e xefa da oposición, Ana Pontón, nun comunicado da formación nacionalista.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, segunda pola dereita, na reunión do Consello Nacional da formación / Foto: BNG

No mesmo texto, Pontón critica o apoio institucional que o presidente da Xunta brindou a Villares na súa despedida o pasado xoves na sede do Executivo autonómico, na que insinuou que daba por probada a súa inocencia ao afirmar que espera recuperalo pronto para a vida pública.

Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, abundou noutra nota de prensa no argumento de que a ocultación da denuncia contra o conselleiro  «marca unha liña vermella de machismo institucional», subscribindo os argumentos doutro comunicado da dirección estatal do seu partido na que o PSOE se pregunta por que Rueda non informou a Feijóo de que Villares fora denunciado, ben a través «da canle interna de denuncias» do PP ou por calquera outra vía.

«Espectáculo nauseabundo»

«O espectáculo nauseabundo ao que asistimos, de abrazos e aclamacións de despedida ao conselleiro […] é algo vergoñento, pero agora toca dirimir cuestións como as que expomos», sosteñen os socialistas. «Que o presidente da Xunta de Galicia coñecese os feitos desde hai meses e non fixese nada, apesta. Que exista a posibilidade de que a dirección nacional de Partido Popular tamén fose coñecedora do que ocorría, e nada se fixese para protexer a vítima, escoitala ou tomar medidas, é dunha gravidade que aínda está por valorar», engade o PSOE.

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro / Foto: PSdeG

Rueda xustificouse durante a fin de semana polos seus xestos de apoio e complicidade con Villares durante a súa despedida institucional na sede da Xunta, alegando que non o abrazara nin o apoiara «como imputado» nun procedemento xudicial, senón para destacar o seu traballo como conselleiro. Este luns asegurou que informara do caso a Feijóo a semana pasada, xusto antes de que Villares anunciara a súa dimisión, e defendeu que o seu proceder se axusta ao que determinan as normas de réxime interno do seu partido.

«Cumprimos os estatutos», dixo Rueda, afirmando que comunicou a Feijóo a situación do aínda conselleiro «no intervalo de horas» transcorrido entre a notificación da súa situación de investigado o pasado martes 3 de xuño e a súa renuncia ao cargo ao mediodía do mércores día 4.

Ana Pontón: «Rueda ten que explicarlles ás mulleres deste país por que ante unha denuncia de agresión sexual encubriu e mantivo ese conselleiro, no canto de facer o que calquera persoa con sentido común faría nese momento»

Os feitos que o TSXG investiga ocorreron o pasado 27 de decembro. A muller presentou denuncia ás poucas horas na Policía Nacional e o caso recaeu no Xulgado de Instrución Número 2 de Santiago, que, ao coñecer a condición de aforado de Villares como membro do Consello da Xunta, elevouno ao Tribunal Superior de Xustiza. Este pediu á Administración autonómica que confirmase o aforamento o venres 30 de maio, e comunicoulle a el que o estaba investigando o martes 3 de xuño.

Sen abrir expediente porque Villares dimitiu

«Os Estatutos do PP, no seu artigo 22, establecen que o expediente informativo ábrese tan pronto ‘se teña coñecemento de que [un afiliado] foi chamado a declarar como investigado nunha instrución xudicial’», lembran fontes próximas á dirección do PP galego. «Neste caso, a apertura do expediente non se chegou a producir porque Alfonso Villares presentou a súa dimisión ao cargo e a súa baixa temporal no PP o mesmo día en que tivo coñecemento da notificación do TSXG sobre a súa condición de investigado».

A executiva de Alberto Núñez Feijóo desentendeuse do asunto, e a contorna do presidente do PP asegura mesmo descoñecer se Villares foi ou non expedientado. «Sería un asunto que tramitaría o partido en Galicia, pero convén lembrar que non hai apertura de xuízo oral e que dimitiu», engadiron as citadas fontes.

PP de Galicia: «A apertura do expediente non se chegou a producir porque Alfonso Villares presentou a súa dimisión ao cargo e a súa baixa temporal no PP o mesmo día en que tivo coñecemento da notificación do TSXG sobre a súa condición de investigado»

Dado que Villares xa non é aforado ao deixar a Xunta, o TSXG deberá devolver a causa ao xulgado de Ferrol, que será o que a instrúa e o que decida se finalmente abre ou non xuízo oral contra o exconselleiro.

Doutra banda, a Confederación Intersindical Galega (CIG), o maior sindicato de Galicia e con máis delegados de persoal entre o funcionariado da Xunta, informou que puxo en coñecemento do Observatorio Galego contra a Violencia Doméstica e de Xénero –un órgano institucional colexiado do que forman parte a Xunta, os sindicatos, o Poder Xudicial, os concellos e a Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), entre outros– a súa esixencia de «tolerancia cero» coas agresións sexuais, así como un pronunciamento claro en favor de que se proporcione «xustiza e reparación» á vítima que denunciou a Villares.

Insinuación dunha denuncia falsa

«Non se pode tolerar que un representante do Goberno galego utilice o seu cargo e os medios de comunicación pública para negar os feitos, aproveitándose da súa condición de conselleiro para manifestar a súa inocencia facendo entender que foi obxecto dunha denuncia falsa», sostivo Margarida Corral, delegada da CIG no Observatorio.

Corral explica que dos 29 membros do pleno que acudiron á reunión do pasado xoves, só catro –as da Federación de Mulleres Rurais (Fademur), o Colexio de Psicólogos de Galicia, o Consello da Avogacía e a Delegación do Goberno en Galicia–, apoiaron a proposta da CIG e instaron a trasladar sequera un apoio xenérico do organismo ás vítimas de agresións sexuais.

Alfonso Villares, nunha comparecencia no Parlamento de Galicia / Foto: Xunta

Segundo puido saber Luzes-Público, varias organizacións feministas están a preparar un manifesto de repudio contra a actuación da Xunta tras a imputación de Villares. Fontes desas asociacións lembraron que o amparo institucional a unha persoa imputada por unha agresión sexual, máis aló do respecto á súa presunción de inocencia, incrementa o padecemento e provoca indefensión nas vítimas e reforza os responsables da violencia machista.

Á hora en que se terminou de redactar esta peza, estaba previsto a celebración de dúas concentracións de protesta o luns Santiago de Compostela e en Moraña (Pontevedra) en repulsa pola onda de crimes machistas das últimas semanas.

Repunte da violencia machista

Segundo a Plataforma Feminista Galega, en apenas 20 días produciuse «un estremecedor repunte de casos de feminicidio e violencia sexual contra mulleres en todo o estado e en particular» en Galicia. O pasado 20 de maio unha muller precipitouse desde un cuarto piso no Barco de Valdeorras (Ourense) e quedou gravemente ferida. Despois foi detida a súa parella, un home acusado dun delito de homicidio ou asasinato en grao de tentativa.

Un día despois, outro home incendiou presuntamente a vivenda da súa exparella en Tomiño, e catro despois, o domingo 25 de maio, unha muller foi tiroteada pola súa exparella en Verín. O xoves 5 de xuño, unha muller apareceu calcinada nun coche en Campo Lameiro (Pontevedra), xunto ao cadáver da súa exparella e presunto asasino, sobre o que pesaban varias condenas por malos tratos. A pasada fin de semana, tres menores foron detidos acusados de practicar unha violación grupal a unha menor nas festas de Fragoselo, en Coruxo (Vigo).

«Tamén nos concentramos polas vítimas de violencia vicaria asasinadas: unha nena de 13 anos en Bilbao e un mozo de 20 en Sentmenat (Barcelona)», sinala a PFG, que lembra que «as respectivas nais de ambas vítimas foron feridas de gravidade».

«Son demasiados casos, demasiadas familias truncadas (…) Unha situación insoportable que nos debería interpelar tanto á cidadanía como ás institucións e facernos expor que estamos a facer mal para que máis da metade da poboación nos sintamos ameazadas todos os días da nosa vida», conclúe a plataforma.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail