As «hockeywomen» dos anos 30

Durante a Segunda República Española, o hóckey feminino en Galicia adiantou o masculino. Os equipos de «hóckeywomen» eran moi populares, contaban cunha apreciable afección e directivas conformadas por mulleres.

Na década dos trinta do século XX, o hóckey sobre herba era o deporte de moda entre as rapazas de clase acomodada en Galicia. Os xornais da época axiña se familiarizaron co vocabulario estranxeiro utilizando o apelativo de «hockeywomen» para referirse ás xogadoras. A primeira cidade galega na que se conforman equipos de hóckey é Vigo. En novembro de 1932, créanse dúas agrupacións na cidade olívica: o Vigo Hóckey Club e o Atlántida Hóckey Club, que debutan un mes despois no campo de Balaídos. Estes equipos, constituídos antes que os masculinos, contarán con xuntas directivas compostas por interesantes mulleres que tomaron a iniciativa de pór en marcha un novo deporte no territorio galego.

O equipo de hóckey herba feminino do Atántida de Matamá en xaneiro de 1934.

Unha delas é a señorita Anita Bakker, filla do director do Cable Alemán e presidenta do Vigo H.C. Nada en Alemaña, aséntase en Vigo xunto á súa familia con tan só cinco meses. Anita fala catro linguas, estudou Alto Comercio, Economía Social e Política, e declárase partidaria do nazismo. O seu club é unha entidade mixta, pero a directiva está conformada unicamente por mulleres. Segundo comenta nunha entrevista, a idea de crear este equipo xorde tras a celebración do Día do Deporte, cando deciden organizar unha sociedade para poder actuar con maior liberdade. Outra curiosa afección de Anita eran as xincanas automobilísticas, nas que acostumaba participar como copilota.

María Antonia Sanjurjo (1910-1939), co uniforme do Atlántida hóckey Club.

Por outro lado, a presidenta do Atlántida H.C., María Antonia Sanjurjo era neta do empresario e inventor do submarino galego, Antonio Sanjurjo Badía. María Antonia estudou Peritaxe Mercantil, e posteriormente dereito en Madrid. Na capital española alóxase na Residencia de Señoritas, unha institución que tiña entre os seus obxectivos promocionar a práctica do deporte entre as mulleres. Neste contexto, entra en contacto co hóckey sobre herba en 1932, cando se organiza o primeiro equipo na residencia. De volta en Galicia, no verán dese mesmo ano, crea xunto a dúas irmás e outras rapazas da cidade o Atlántida H.C. Cabe destacar, como singularidade, o seu compromiso político con Galicia, que a leva en 1933 a afiliarse ao Partido Galeguista. Nese ano, tamén lle propoñen ser presidenta da Federación de Hóckey de Galicia, sendo finalmente nomeada tesoureira.

Mentres as viguesas botan andar os seus equipos de Hóckey, o xornal coruñés El Ideal Gallego intenta animar as rapazas da cidade herculina a que realicen máis deporte, suxerindo que comecen polo hóckey, unha actividade deportiva ideal para ser practicada no inverno. Porén, detrás desta suxestión, estaba o interese de celebrar competicións entre equipos galegos ou cos doutras cidades españolas, como Barcelona, Madrid ou Bilbao.

A miss España e xogadora do Vértice Hóckey Club, Emilia Docet, na capa da revista Estampa.

Dous anos despois, en 1934, o número de equipos de hóckey en Galicia aumentara notablemente. Contamos xa co Vértice H.C. –no que xogaba Emilia Docet, Miss España e simpatizante do Partido Galeguista–, o Ártabro H.C. da Coruña –capitaneado por Maruca Allones, a primeira muller árbitro de hóckey feminino en España–, o Pontevedra H.C., o Ícaro H.C. de Ferrol e o Villagarcía H.C. Este último, protagonizará un curioso partido contra un equipo de oficiais do acoirazado Barham, un buque de guerra inglés que fixera unha parada na vila.

En 1934, o Atlántida H.C. capitaneado por Gloria Tapias, faise co título de campión de Galicia. De modo que viaxa a Madrid para participar no Campionato Español de Hóckey Feminino. Con todo, nesta ocasión, xogando contra o Club de Campo de Madrid, non terán a mesma sorte.

Gloria Tapias, capitana do Atántida H.C., e Pepa Chávarri, autora do primeiro gol dunha selección española de hóckey.

En ocasións, cando os equipos xogaban fóra das súas cidades, a afección organizaba excursións en autobús para ir animar a súa agrupación predilecta. De feito, no Festival do Deporte celebrado en Vigo en 1934, concorren seareiros chegados dende Pontevedra, Vilagarcía de Arousa e A  Coruña. Tamén era habitual que os equipos forasteiros foran recibidos con grandes honores e ramos de flores. Porén, as xogadoras do Atlético de Madrid tiveron unha maior sorte, ao ser recibidas polas súas contrincantes do Atlántida de Vigo cunha gran festa no parque de Castrelos. As galegas vestidas co traxe rexional amosáronlles ás madrileñas as danzas e cantos tradicionais de Galicia, para posteriormente gozar do bufete e a música moderna da orquestra contratada. Segundo os xornais, a asistencia a este evento, que durou ata as dez da noite, chegou ao medio milleiro de persoas.

Ademais destas festas de recibimento, os equipos organizaban os seus propios bailes e festivais, moitas veces tras a celebración dos partidos. No caso do Vigo H.C., tiñan por costume organizar festas en datas sinaladas como o Nadal ou o entroido, o que nos permite observar como se disfrazaba a rapazada dos anos 30. Por outro lado, as xogadoras tamén exercían de embaixadoras do deporte facendo exhibicións en cidades galegas como Lugo ou Ourense, co fin de animar a outras mulleres a formar os seus propios equipos.

Equipo feminino de hóckey herba do Atlético de Madrid.

En 1935, o Ártabro da Coruña convértese en Campión do Norte contra o Club de Campo madrileño, o Campión do Sur. Así, o equipo coruñés entra a participar no Campionato de España. Por outro lado, neste mesmo ano o presidente da Federación Española de Hóckey selecciona á galega Gloria Tapias, capitana do Atlántida H.C., para ir xogar a Madrid coa selección española no primeiro partido de hóckey internacional celebrado no país contra as representantes de Bélxica.

En 1936, as xogadoras viguesas do Club de Campo e do Atlántida H.C. fusiónanse no Argos de Vigo co fin de representar a súa cidade no Campionato galego. Nese mesmo momento, a cidade olívica acolle por fin o Campionato de España de Hóckey Feminino no que se baten diferentes equipos españois, resultando o Argos o campión de Galicia. A cidade olívica xa fora proposta en 1933 por María Antonia Sanjurjo como escenario para a celebración deste evento, mais os desexos non se cumpriran até entón.

As xogadoras do Atlántida Hóckey Club, fundado en 1932 en Vigo por María Antonia Sanjurjo. Consello da Cultura Galega. Arquivo: Santiago Glez. Sanjurjo.

As últimas noticias que temos das xogadoras galegas datan de 1936, cando doce rapazas do Ártabro e do Argos de Vigo son elixidas para formar parte do equipo da selección española que irá competir nos Xogos Olímpicos de Berlín, celebrados na Alemaña nazi. A partir da Guerra Civil española, os equipos galegos da época republicana desaparecen, e non é ata 1938 cando se crean dous novos equipos de hóckey feminino vinculados ao Sindicato Español Universitario. Posteriormente, crearase algún máis vinculado a esta entidade ou á Sección Feminina noutras cidades galegas. Mais nesta nova etapa do hóckey feminino en Galicia, as novas xogadoras e os seus eventos van ir perdendo protagonismo nos xornais da época.

O nacemento destes equipos de hóckey feminino nos anos 30, foi visto con moita simpatía por parte dos xornais. Iso si, daquela os xornalistas poñían máis empeño en resaltar a beleza física das xogadoras ca en narrar as súas fazañas, algo que segue a repetirse cunha frecuencia que ruboriza… Á poboación acostumada ao fútbol costoulle un pouco máis comprender este novo deporte. Non así as xeracións máis novas, que o recibiron con grande entusiasmo. En 1934, un xornalista dicía «Vigo me recuerda actualmente a las calles y plazas de Ámsterdam, pues por todas partes se ven sticks. Como en Holanda. Hasta los ‘peques’ improvisan sus ‘matchs’ en solares y playas».

Estas mulleres ben formadas e con opinión propia, conseguiron na década dos trinta, pór en marcha un deporte novidoso e diferente que causou grande interese entre o público. Seguindo a senda da modernidade, elas mesmas teceron todo un armazón organizativo vinculado ao deporte, que as levou tamén a organizar eventos festivos e sociais. Deste modo, as xogadoras galegas de hóckey sobre herba tomaron parte no escenario público, conectando Galicia con outras partes da Península e do estranxeiro, ao mesmo tempo que abrían espazos novos de encontro para as mulleres.

*Na foto da apertura, o equipo do Ártabro Hóckey Club da Coruña.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail