O mudo coro das malas mulleres

Unha revisión dos coros poéticos en As malas mulleres de Marilar Aleixandre en diálogo coas carapuchiñas reinterpretadas por Angela Carter.

«Hai lobos antr´os pinos, Carapuchiña?». «Hai», dirían tanto Angela Carter como Marilar Aleixandre, e non por un casual de lugar propiciatorio, de costa verdecente anglogalega e de prácido luar. Diríano porque hai mozas educadas e empuxadas polo social a levar unha dobre carga de sangue: o sacrificial, ese que vai ser derramado polo depredador (lobo ou señorito) e o virxinal, que as nomea como presas nas ulideiras da alimaria. Añas pobriñas, aí veñen os bardos ou os lobisalgo, ao cheiro das vosas hormonas. Devoraranvos. A historia sempre foi así, desde Perrault aos Grimm. Non sabían estes que virían estoutras para facer envío de faca no fardeliño da avoa.

Ilustración do libro Little Red Riding Hood (1875), de Walter Crane.

É ben salientable este coro de mulleres mal chamadas «malas» que Aleixandre incrusta en lugares estratéxicos da súa última novela, As malas mulleres (Galaxia, 2021. Premio Blanco Amor). Se ben é certo que desta obra darán conta recensións ao uso que falarán de Sisca, Concepción Arenal, Juana de Vega e demais mulleres da pirámide coruñenta con base no cárcere da Galera, eu quixen tomar un microtopos que ocupa apenas cinco espazos que funcionan na obra como cuñas informativas, con ton de subliminalidade e tamén enorme intención poética, argumentativa e máis que reforzadora do discurso feminista.

Teñen estes cinco espazos algo semellante a eses calveiros suxos do cordón periurbano, soares pouco transitados e con todos os perigos, desde o de axexo ao de oportunidade, e é ata en cinco puntos da novela que atopamos estas «incrustacións» que constitúen das máis interesantes achegas á narrativa dos últimos tempos polo que teñen de sutura entre os douscentos anos pasados entre os poemas que axudan a artellar a estrutura coral da novela, e o emprego actual de composicións musicais semellantes da actualidade cara á que nos guían. Estas pausas de coro decidín chamalas incrustacións, pero que ben serían entreactos de ópera rock baseados nas letras de certos poemas ben coñecidos, e que usa Aleixandre para crear unha paisaxe de depredadores e vítimas, así como de denuncia da violencia estrutural sostida como normal xa desde o noso propio Rexurdimento. Ei, señor Pondal, Míster Humbert Humbert, you werewolf, estades no momento e no lugar ideais para facer de todo e saír sen mácula; o patriarcado, coma nos contos fundacionais que nos ensinaron a ser nenas, é todo voso.

Antre os pinos soa. Pilloute soa.

Máis  ruíns que os lobos son algúns homes. (pax.35).

É a Galera coruñesa un cárcere de mulleres con crimes de sangue, as menos, e con dupla vitimización, as máis. Mulleres violentadas antr´os pinos tremendo máis por mor dos homes que dos lobos e rapazas que ante o «riso triunfante do señorito» teñen que admitir que están en prisión por seren deshonradas, prostituírse ou por abortar. Dous séculos desde o poema do bardo, douscentos anos desde estes «crimes» que dan coas mozas na cadea pero, quen non leu nos xornais dos últimos meses sobre mandas depredatorias semellantes e mozas igualmente maleficadas? E se imos desde os queixumes dos pinos ao trap, que atoparemos de diferente?

Unha nena boa fai o que lle di a súa mai: case dez quilómetros a camiñar pesada polo monte: non te desvíes do camiño que hai osos, xabarís, lobos famentos. Toma, velaquí o coitelo de caza do teu pai, sabes como usalo, faille dicir Carter á nai da nena que vai por un deses camiños. Mais aqués que teñen fama de honrados  na vila toman o que pensan que é de seu, toxos e silvas por leito.

Carqueixa brotada, loba preñada (Aleixandre, pax.76)

É doado perderse a unha mesma nestes bosques (Carter, 160)

Carqueixa florida, loba parida (Aleixandre, 77)

O lobo é carnívoro encarnado, tan arteiro coma feroz; unha vez que probou a carne humana nada máis lle ha valer (Carter, 207).

E neste xogo de correspondencias entre o que nos dixeron que tiñamos que ser –a nosoutras– empregando o medo a perder a lexitimidade do noso sangue fóra dun leito acordado, e o que está permitido para eles –que vén sendo todo-, eis que carnada e presa son a mesma carne, que hai mesmo unha autofagocitación: se vas por onde non debes pecarás e tamén se non fas o que se che manda, igualmente se te negas ao que se che pide ou non consentes á obriga. Todo vai contra a mesma e única pel e será mancada.

Aleixandre revela a crónica do despois sen carácter ficcional; as mozas deshonradas só poden habitar un mundo de castigos e, con boísima sorte e ben comportadas, haberán ser redimidas aínda marcadas pola letra escarlata. Ou poden vingarse. En Carter, como en Rosalía de Castro, existe a xustiza pola man «cal loba doente ou ferida/ dun salto con rabia pillei a fouciña» (Aleixandre,77). «Foille á gorxa, como fan os lobos, mais ela botouse a el co coitelo do seu pai e rebandoulle a pata dereita» (Carter, 204).

A cámara do sangue, de Angela Carter. Trad. María Reimóndez. Urco, 2018.

Era consciente Rosalía de Castro na súa poética e brava transcrición da vinganza que estaba dando azos ás novas carapuchiñas para non ter medo e, ao mesmo tempo, que a defensa propia se convertese nun crime? Unha voltiña de porca a isto dáa, por certo, Pardo Bazán cando cuña a palabra «mujericidio» criticando que a violencia contra as mulleres sexa «achaque nacional, signo de raza».

Un coro regueifeiro bota a historia de Pepa a Loba (Aleixandre, 115) situándoa na cadea da Galera pero tamén na heroicidade da xustiza que é inclemente coas mulleres e volve a Rosalía tecendo «soia a miña tea» (íd.151), creando unha serie de xustificacións de crime e castigo entre as reclusas que lembra o musical Chicago mais con sapos, mantelo e refaixos. E a foderse.

Beard, W. H. (William Holbrook), 1824-1900. Biblioteca do Congreso do EUA.

Entón, dun salto, pillei a fouxiña. A lúa escondíase e a fera durmía. Botei man do seu pistolo e dun golpe, dun soio, chapodeino (íd.201).

A nena limpou o coitelo no mandil, envolveu a gadoupa do lobo no pano co que a súa mai tapara as filloas e marchou cara á casa da avoa. (Carter, 204).

Antes de poder ser lobo, o licántropo íspese ata o coiro. Se albiscas un home espido antr´os pinos, bótate a correr coma se te levase o demo ( íd, 211)

O consello e a pena serven para 1865, data na que se basea a novela de Aleixandre, para 1971, ano da de Carter, ou hoxe mesmo.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail