Un millón de vacas (votantes)

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

A máis dun candidato electoral viríalle caralludo que no seu concello as vacas fosen votar: seguro que algúns resultados daban un bo xiro, sobre todo nesas alcaldías que se decidiron por unha presa de papeletas. En Lalín, onde o número de rubias e frisoas censadas é maior que o de cidadáns, veriamos os partidos facer campaña polos pastos e prometer ecografía de tetos universal.

Os galegos somos moi de bautizar as vacas; en xeral, con nomes cariñosos: Linda, Gordi, Filla, FermosaSergio Pazos convidounos ao bautismo bovino máis famoso da televisión no programa Velaí (1989). Cunha cámara oculta, o actor tentaba convencer a unha señoriña de que as vacas tiñan que levar, por lei, unha placa co nome e o número de matrícula.

‒A vaca como se chama?

‒Vaca! Eu dígolle «Vaca vai» e «Vaca vén».

E Vaca vai-vaca vén converteuse no nome máis popular daquela. 

Miguel-Anxo Murado avoga pola creación dun santoral de vacas e eu únome á causa; sobre todo, por sumar días de celebración no almanaque galego, que andamos algo escasos de festas.

Fotograma de As vacas de Wisconsin, de Sara Traba (2016).

O que non faltan son alucinantes estudos de prestixiosas universidades estranxeiras sobre o noso animal totémico. Na Gran Bretaña, por exemplo, aseguran que as vacas con nome dan máis leite. E en Wisconsin, que o que as motiva para a muxidura é á música sinfónica, idea que levou á pantalla a viguesa Sara Traba na curtametraxe As vacas de Wisconsin (2016). A peripecia do personaxe interpretado por una estupenda Pilar Pereira –os traballos que pasa para poñerlle Beethoven á súa vaca vella, xa seca, a ver se volve dar leite– é unha delicia.

María Bouzas, a veterinaria de Terra de Miranda (Voz Audiovisual para TVG, 2001-2007).

A actriz María Bouzas deulle vida na televisión á veterinaria Carmela de Terra de Miranda (2001-2007). Preparou o papel con veterinarios e aportoulle verosimilitude ao personaxe nas secuencias co gando, o mesmo nun parto, que nas revisións, que na aplicación de tratamentos. A serie reflectiu a realidade de moitas aldeas do interior de Galicia, e a presenza das vacas, coma membros máis da familia, aportou tenrura e beleza.

Sergio Zearreta, a vaca Mucha e Miguel de Lira en Os Crebinsky, de Enrique Otero (2011).

Nunha das películas máis atrevidas que coñezo, Os Crebinsky (2011), Mushka brilla nun papel protagonista. No elenco tamén están Luís Tosar e Miguel de Lira, pero é máis doado seguir as súas carreiras cinematográficas que a da vaca, rebautizada cun nome máis noso: Mucha. Nesta disparatada viaxe, asinada por Enrique Otero, Mucha condúcenos ao interior dos irmáns Crebinsky. Non sei doutra historia na que unha vaca cosa tanto a trama, puntada a puntada. «Que foi da vaca Mucha?», preguntaría Miguel De Lira se agora proxectasen a película. Iso mesmo preguntámonos todos.

A familia Crebinsky, ao completo.

Para amor incondicional, o de Fatah pola vaca Jacqueline na entrañable comedia costumista La vaca (2016). A aventura que viven o granxeiro alxerino e mais a res, atravesando Francia para acudir á Feira da Agricultura de París, é emocionante e divertida: un relato amable que afonda nas relacións entre alxerinos e franceses.

O granxeiro Fatah coa súa vaca Jackeline en La vache (2016), dirixida polo francés Mohamed Hamidi.

O Luar (desde 1998) emitíase desde a discoteca Dona Dana de Touro, «a catedral mundial do folclore do pobo», como Xosé Ramón Gayoso lle chamaba á sala cada venres. Nunha ocasión, Gayoso mais eu vimos desde o coche como, nunha granxa á beira da estrada, unha vaca lle daba unha couce na cara a unha muller. Foi un impacto. Paramos para prestar axuda á gandeira, quen, con media fazula colorada, dixo: «Non é a primeira vez, ‘Ghayoso’, Pimpinela é moi rabuda». E, mentres ela quedaba berrándolle ao animal, nós montamos no coche seguros de que aquela vaca chamábase así polas populares discusións que cantaban os irmáns arxentinos. Anos despois, tamén no Luar, creouse a sección Miss Vaca, na que as reses guapas de Galicia compiten pola banda.

O día que as vacas voten reivindicarán non querer ser raíñas de beleza, nin saír espidas na tele anunciando leite, pero, co que nos vai custando abrirlles paso ás mulleres, a revolución dun millón de vacas nós xa non a veremos. Será outra quen a conte.

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail