«Ser nena é un erro». Cando era cativa había un rapazolo que me dicía cousas así. Ríase de min por ser nena. Dicíame que o peor do mundo era ser muller. Eu mirábao perplexa, sen entender. El poñía exemplos da superioridade masculina: «As nenas non poden xogar ao fútbol. Non poden ser médicos, nin arquitectos, nin avogados, nin presidentas, nin xogadoras de baloncesto, nin militares, nin policías, nin capitás, etc. E ademais, as nenas teñen que limpar, coser, lavar, remendar, varrer, ser nais e cociñar». As súas palabras asustábanme. Pero o neno non o inventaba, falaba do que vía. Eu tamén vía o mesmo que aquel rapaz e ese plan de vida parecíame un inferno.
Durante a miña infancia pensei que era posible que aquel neno estivese no certo. Quizais era peor ser muller que home. Eles podían facelo todo e nós non. Ese era o mundo da miña infancia franquista. Ata moito despois non entendín que o erro non era ser nena, senón ter nacido nun país fascista. O erro actual é que, mentres a extrema dereita patriarcal resucita usando como trampolín a forza do medo a que lle clavemos de novo un espeque no corazón, afixémonos á comodidade de vivir nun mundo pseudo-feliz. O erro é que haxa xente (e mulleres!) que, por ignorancia, relixiosidade, neoliberalismo ou pura imbecilidade, continúen votando e apoiando o fascismo para que covardes, matóns e tipos controladores que se disfrazan de políticos nos constrúan un patíbulo a TODES.
A posible derogación da lei do aborto en moitos estados dos Estados Unidos é unha bandera vermella, unha sirena ruidosa que roxe avisando do comezo do bombardeo. É un ataque ás liberdades civís e aos dereitos humanos de consecuencias inmensurables. Controlar o corpo da muller é controlar a muller, as súas decisións, a súa independencia e a súa capacidade de moverse na vida. É obvio que para o patriarcado da extrema dereita a muller autosuficiente é unha ameaza ao seu statu quo. Para esta chusma, trátase de comulgar co seu credo ou non deixarnos vivir. Os escravistas recluían os escravos en plantacións, quitábanlles o nome e usaban os seus corpos como e cando lles daba a gana. Os escravos eran gando. Os nazis poñían os xudeus en guetos. Alí contábanos, clasificábamos, utilizábanos e dende alí os exterminaban. Os fascistas «españolazos» quitáronlles todos os dereitos ás mulleres e recluíronas na esfera familiar. Cubríronas con arames roximarelos de pugas invisibles. Móvete e sofre. Así, estancadas, pasamos case medio século, mentres o resto do mundo continuaba medrando.
Estados Unidos non foi o primeiro país en legalizar o aborto, senón a Unión Soviética en 1920. Non obstante, a influencia mediática e política de EE.UU. séntese en calquera recuncho do planeta. É case un asunto psicolóxico. Cando Trump saíu elixido, medio mundo caeu nun desánimo que non tocaba fondo. Para ben ou para mal, esa terra é un irmán maior ao que nos gusta imitar, un punto de referencia, un espello colonialista onde insistimos en observarnos, a primeira ficha que pode levar todo o dominó por diante. Controlar a educación e controlar as mulleres semella ser a base da biblia patriarcal dos fascistas republicanos estadounidenses. Hai uns anos a senadora Kamala Harris, hoxe vicepresidenta dos EE.UU., preguntáballe ao candidato republicano a xuíz do Tribunal Supremo, Brett Kavanaugh: «Hai algunha lei que lle dé ao goberno o poder de regular o corpo dun home?». Non, non a hai. Nunca a houbo e oxalá que nunca a haxa. Entón o xuíz Kavanaugh non respondeu á senadora, pero hoxe ten o poder de votar a eliminación dun dereito da muller que debería ser inalienable. O dereito a decidir sobre o seu propio corpo.
Unha mostra do desequilibrio no benestar da sociedade falocéntrica é ter inventado a maxia da Viagra, mentres que o desenvolvemento dunha pílula milagrosa contra as tremendas desfeitas da menopausa permanece atrofiado, ao tempo que agora se pretende ofrecer unha percha oxidada a unha muller que non quere parir. Este tipo de control é un «erro» calculado e premeditado. Dende aquí miramos cara o outro lado do océano cuns anteollos, con curiosidade, sen inmutarnos, coma se a distancia nos protexese. Estamos esquecendo que temos na casa os fascistas de Vox e de veciños os lepenistas. O erro é o mesmo de hai medio século. Se permitimos que os nosos corpos e as nosas vidas as regulen e diten os fachas, imos acabar baixo xugo e adoutrinadas, crendo que o problema somos nós e non estes merdas.