Rueda anuncia continuidade na Xunta e apoio estratéxico a Feijóo en Galicia para asaltar a Moncloa

A oposición cualifica de «autocompracente» e sen visión de futuro o discurso de investidura do novo presidente

A Coruña.- Alfonso Rueda non quere ser Alberto Núñez Feijóo, pero a súa aspiración para liderar a Xunta é dar continuidade ás políticas que este executou para, como el, tentar que os galegos lle dean o seu apoio por maioría absoluta en 2024.

O vicepresidente primeiro do goberno autonómico e herdeiro do presidente do PP, a quen este nomeou sucesor a dedo, compareceu este martes pola mañá no Parlamento de Galicia nunha atípica sesión de investidura que se interromperá ata o xoves para dar quenda ás réplicas da oposición.

Nun discurso de apenas unha hora de duración, Rueda veu dicir que nos próximos dous anos os galegos non notarán diferenzas entre o seu mandato e o de Feijóo, que o seu será un Goberno de «normalidade» e que a súa estratexia en Galicia acompañará o discurso co que o seu antecesor pretende chegar á Moncloa en Madrid.

«Non son nin vou tentar ser Feijóo», dixo o aspirante nunha intervención na que, con todo, deu a impresión de que polo menos si quere parecerse a el, e na que anunciou como grandes novidades medidas de impacto real máis ben limitado: unha rebaixa fiscal de 0,4 puntos no tramo autonómico do IRPF, tratamento fiscal das familias con dous fillos equiparable ao das numerosas, vacinas infantís gratis para a gripe e o papiloma, e 106 prazas de especialistas máis na sanidade pública -apenas un 2,3% das que hai agora-.

Rueda leva sendo conselleiro no goberno autonómico desde o 2009 e vicepresidente desde o 2013, pero segundo unha enquisa realizada pouco antes do anuncio da marcha de Feijóo só o coñecen o 48% dos galegos. Onte invocou o apoio do Parlamento de Galicia, onde reside «a vontade popular dos galegos» que, a pesar de todo, non tiveron a oportunidade de votalo como presidente. Nas últimas eleccións, presentouse como número 3 por Pontevedra.

A líder da oposición, Ana Pontón, portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG), criticou o candidato por facer «un discurso autocompracente, desapegado dos problemas e sen idea de futuro». «Representa o pasado e ata isto se notaba nas bancadas do PP, nas que había de todo menos entusiasmo», indicou.

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, utilizou os mesmos argumentos e mesmo palabras para definir a intervención de Rueda como «autocompracente», «falto de ilusión» e sen «mensaxes de futuro para Galicia».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail