Retóricas ao redor da xestación subrogada

O debate sobre a regulación da xestación subrogada non é novo. Tampouco é novo que persoas famosas alardeen de ter «conseguido» un bebé coa súa carga xenética por esta vía. Asistimos de novo a exposición de retóricas diversas ao redor do tema que pretenden consolidar socialmente unha definición social (e ética) da xestación por substitución/ventres de alugueiro, sobre a que eu teño máis preguntas que certezas.

Compre resaltar que a opinión pública é favorable a regulación. Xa en xullo de 2016, unha enquisa do Observatorio de My Word para a Cadea SER, mostraba que máis do 70% das persoas participantes querían que se aprobara unha lei que a regule. Outra de febreiro deste 2023, destaca que o 58,3% das enquisadas queren regular e o 28,4% non. Neste caso, regular é legalizar algo que hoxe é ilegal; supoñería abrir a posibilidade a que se celebren contratos que muden o automatismo da filiación materna en determinadas circunstancias e condicións.

Existe un dereito a procrear? A pregunta é crucial porque se estamos a falar dun dereito, o Estado debe protexelo e procurar que se faga efectivo

O debate actual cambia o foco a respecto de ocasións anteriores. Aparece agora máis centrado nos dereitos da criatura nacida por esta vía. Que sexa froito dun contrato que sería ilegal en España vaille restar dereitos? Porén, se contratar este «servizo» no estranxeiro non ten consecuencias para quen o fai, non estamos promovendo que se faga alegalmente por quen ten recursos para facelo? Mais o conflito para acadar unha definición socialmente compartida non está nos dereitos da criatura senón no uso do corpo da muller (xestante, neste caso) e repítense as retóricas tradicionais sen avanzar demasiado na resolución.

Empezando pola retórica do dereito a procrear. Existe un dereito a procrear? A pregunta é crucial porque se estamos a falar dun dereito, o Estado debe protexelo e procurar que se faga efectivo. É dende a defensa do dereito a procrear que se está a reclamar a legalización da xestación subrogada como unha «técnica necesaria» para a súa realización, un «último recurso», cando se quere procrear, pero non se pode xestar nin adoptar. A falta de regulación en España empuxaría en base a ese dereito a procrear, a acudir a outros países con lexislacións non garantistas. Regular sería un xeito de evitar ao contratante acudir a outro país no que, quizais, o proceso non sexa ético.

A cuestión é que non existe o dereito a procrear. O desexo de ser nai ou pai é lexítimo e comprensible, pero é un desexo. O que non quere dicir que non acabemos regulando ese desexo como dereito. Para a posición contraria a regulación, esta non é posible porque entra en colisión con outros dereitos. Non se pode mercar un embarazo como non se poden mercar mercan órganos ou sangue, non é dereito de ninguén facelo, nin da propia xestante. Se recoñecemos o dereito das ricas a comprar, as pobres veranse na obriga de vender. Se falamos dun desexo, farase ou non realidade por unha combinación de sorte, oportunidade e capacidade de cada persoa; en ocasións a través do mercado, coas limitacións propias de cada sociedade, incluída a prohibición. Pero si aceptamos que se trata dun dereito, o Estado debe proporcionar recursos para exercelo. Non estamos tan lonxe como pode parecer: que se asuman, por exemplo, os custos dos programas de fecundación asistida desde a sanidade pública, abre a porta á reclamación do dereito a procrear.

As adopcións non son comparables coa xestación subrogada porque protexen os dereitos de criaturas xa existentes a ter unha infancia e unha crianza o mellor posibles

O dereito que si existe é o das criaturas vivas, esas máis de 2.500 menores que en Galicia están baixo a tutela da Xunta, a ter un fogar e unha infancia merecente de tal nome. Mentres estean aí, non se pode abocar ás persoas con desexo de criar a outras alternativas por temas burocráticos. Hai que revisar xa os procedementos de acollemento e adopción. As adopcións (incluso as internacionais), con todas as críticas que poidamos facer ao seu funcionamento, non son comparables coa xestación subrogada porque protexen os dereitos de criaturas xa existentes a ter unha infancia e unha crianza o mellor posibles.

Outra retórica presente no debate é a do dereito a decidir sobre o propio corpo das mulleres xestantes e os seus límites. Pode unha muller elixir, e facelo libremente, xestar unha criatura para outros? As partidarias de manter a prohibición actual sitúan a muller xestante como o obxecto co que se comercia, coas regras do mercado capitalista, nin sequera como unha parte contratante e, xa que logo, sen capacidade de decisión. Non entran na previa -decidir ser xestante- porque non se considera posible que alguén con liberdade de decidir poida decidir realizar este «traballo». Se o fai será forzada pola pobreza. De abrirmos o mercado de xestantes, as mulleres pobres veranse obrigadas a vender. O único xeito de evitalo é non regular este mercado, mantelo na ilegalidade.

Sabemos que nalgúns países hai mulleres vítimas de trata, explotadas e escravizadas como reprodutoras, que pasan o embarazo como animais nunha granxa e son desbotadas logo do parto. Mais debemos recoñecer tamén que unha muller pode decidir, e facelo libremente, xestar unha criatura para outros. E pode facelo por motivos diversos e todos eles respectables: solidariedade, necesidade económica, vivir a experiencia do embarazo sen a responsabilidade da maternidade… A capacidade de evitar o primeiro e protexer o segundo, na miña humilde opinión, depende de que nos dotemos de regras e institucións que protexan por igual os dereitos humanos da muller xestante e da criatura nacida, por riba da protección administrativa das persoas asinantes do contrato e dos beneficios das intermediarias. Claro que a liberdade para decidir dunha muller está limitada, ademais de pola lei, polas súas circunstancias e opcións, como todas as decisións que tomamos na vida. Mais manter a actual situación de ilegalización, que deslocaliza a demanda cara outros países ten os días contados. A mellor maneira de evitar que unha muller se vexa forzada a un embarazo non desexado por motivos económicos é que existan alternativas de supervivencia digna e vías de denuncia e protección ante calquera intento de forzar a súa vontade.

No Reino Unido está regulada como altruísta, incluíndo os intermediarios, so para británicas e con vínculos familiares entre doante e xestante

A última retórica a que me vou referir é a do altruísmo, ligada a esta analoxía que se fai da xestación subrogada coa doazón de órganos, sangue… que por lei deben ser non remunerados. Como exemplo, Grecia, que ten regulada a xestación subrogada altruísta dende hai 20 anos, aberta a foráneos con residencia temporal e a axencias intermediarias. Podemos buscar en internet as ofertas: o que en California ronda os 200.000€ en Grecia pódese conseguir por 80.000€. Altruísta para as mulleres pero non para os intermediarios. Un gran negocio. Tamén no Reino Unido está regulada como altruísta, porén alí incluíndo os intermediarios, so para británicas e con vínculos familiares entre doante e xestante. Non hai negocio, así que a demanda británica vai cara outros países, igual que en Portugal.

Se altruísta significa que non hai que compensar polos gastos, o tempo ou os esforzos, que non hai intercambio de diñeiro, o mellor xeito de probar o altruísmo é limitar esta forma de doazón a familiares de primeiro e segundo grao, de maneira que se aseguraría, ademais, que a xestante non desapareza da vida da criatura. Xestar para unha irmá sobrevivente dun cancro non produce rexeitamento senón solidariedade. Se altruísta significa que non hai motivos económicos no acordo xa é outra historia, aberta a interpretacións, e a un negocio no que as xestantes non van poder decidir demasiado.

Non importa que se lucren clínicas ou intermediarios, pero que non se lucren as mulleres. Paréceme cínico

Non entendo ben esta continua apelación ao altruísmo das mulleres que fan o traballo da xestación. Non importa que se lucren clínicas ou intermediarios, pero que non se lucren as mulleres. Paréceme cínico, unha vez que se está a definir a normativa dun mercado, que se exclúa ás mulleres de realizar unha actividade remunerada para dar a sensación de que non o é, e manter unha porta aberta ás trampas. Se este mercado se regula, e levamos camiño de facelo, as institucións públicas terán que garantir con recursos, non só con palabras, que non supoña unha nova fonte de explotación e de precarización da vida das mulleres. Non vai ser doado.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail