Baltar complica a sucesión de Feijóo en Galicia esixindo unha vicepresidencia no PPdeG

O presidente da Deputación de Ourense e do PP da provincia pon condicións para apoiar a candidatura de Alfonso Rueda

A Coruña.- O presidente da Deputación de Ourense e presidente do PP nesa provincia, Manuel Baltar, empezou a complicar a sucesión de Alberto Núñez Feijóo en Galicia, reclamando unha vicepresidencia na executiva do partido na comunidade.

Segundo puido saber Luzes-Público, Baltar poñería esa condición para aceptar que o previsible sucesor de Feijóo á fronte da Xunta, o seu vicepresidente primeiro no Executivo autonómico, Alfonso Rueda, o sexa tamén ao mando do partido en Galicia. Pola contra, Baltar esixirá que o novo líder dos populares, e por tanto candidato ás eleccións do 2024, se elixa nun congreso ao que el non descartaría entón presentarse como alternativa.

De momento, Baltar foi o primeiro no PP en recoñecer publicamente que Rueda será o próximo xefe do Executivo galego. «Feijóo dixo que faría o previsible, e o previsible é que lle corresponda [presidir a Xunta] ao vicepresidente primeiro». Pero acto seguido advertiu de que a sucesión á fronte do partido debe consolidarse nun congreso extraordinario.

Rueda respondeu ao día seguinte que agradecía «a confianza» de Baltar, pero fontes da súa contorna e tamén próximas ao de Feijóo admiten que a entrada en liza do presidente ourensán non lles sentou ben. «Unha imaxe de desunión e conflito pode danar ao partido para as municipais», alertan.

Feijóo pretendía que nada se movera no partido ata que el o dixera. De feito, anunciou que presentará a súa renuncia á Presidencia da Xunta «nas próximas semanas», pero que non entregará a súa acta de deputado ata que poida votar ao seu herdeiro.

O certo é que a Baltar non lle convén esa sucesión exprés para situar a Rueda na Xunta ao mesmo tempo que á fronte do PPdeG, polo menos sen garantirse certa forza na nova dirección da formación. Porque no partido son conscientes de que o vicepresidente non goza do carisma nin da atracción electoral de Feijóo.

Feijóo con Baltar, unha imaxe de arquivo / Foto: Xunta

Unha recente enquisa de Sondaxe dáballe a Rueda un nivel de coñecemento de apenas o 45,9% despois de trece anos de presenza continuada nos seus gobernos, o últimos nove como vicepresidente. A enorme distancia da portavoz nacional do BNG e líder da oposición, Ana Pontón, a quen, segundo esa sondaxe, si coñecen máis do 80% dos galegos. Pontón estaría ademais case ao mesmo nivel que Rueda en valoración cidadá: un 5,29 fronte a un 5,38.

Feijóo atópase diante varias disxuntivas. Primeiro, a necesidade de entregar canto antes a Rueda as rendas tanto do partido como da Xunta para asegurarlle capacidade suficiente para construír a súa propia imaxe e proxecto non só para as autonómicas, senón tamén ás municipais. Un mal resultado en Galicia deixaría tocada a súa propia imaxe como líder estatal, e o certo é que nin sequera con el o PP logrou conter a sangría de poder urbano.

Non ten ningunha das grandes alcaldías -a vila máis grande onde hai alcalde do PP é Arteixo, con 30.000 habitantes-, e das catro deputacións provinciais, só a de Baltar é do PP.

Doutra banda, Feijóo é consciente do poder de Baltar e de que é fundamental mantelo contento para conservar a unidade do partido. O presidente provincial ten fortalecido a rede clientelar que herdou do seu pai grazas á capacidade investidora e de contratación da Deputación, e xa advertiu en máis dunha ocasión que o PP de Ourense non é «unha sucursal» de ninguén.

No congreso no que accedeu ao cargo no 201o, Baltar levou por diante ao candidato de Feijóo e Mariano Rajoy -no último gañou sen rival con máis do 99% dos votos-. Desde aquel conclave, Feijóo sempre se encartou ás súas esixencias, e mesmo aceptou que o PP goberne na capital co histriónico Gonzalo Pérez Jácome para garantir o apoio deste na Deputación, mesmo co custo electoral que iso pode supoñer.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail