A Terceira República

Apenas dúas semanas marcan os fitos do comezo e o remate da Segunda República. O 1 de abril, cando «o exército vermello» fora cautivo e desarmado, e o 14, cando se proclamou a nova forma de Estado que quitaba a España, de facto, do Ancièn Regime. As guerras de independencia das colonias do imperio hispánico procuraran o mesmo: deixar atrás a monarquía absolutista e conseguir a súa propia autonomía, pero foi máis difícil que o espírito liberal da Constitución de 1812 callase en territorio peninsular que en ultramar, e que o federalismo da Primeira República se consolidase logo da restauración borbónica de 1874.

Xa ninguén celebra o primeiro de abril… ou case ninguén. Pero o 14 segue a ter un efecto placebo para boa parte da esquerda que mantén a bandeira tricolor como símbolo que volvería levarnos a un novo tempo que, en realidade, sería retrotraernos a un tempo xa pasado. Cada etapa histórica precisa das súas propias fórmulas e unha futura Terceira República Española non precisa volver a vista atrás para vindicarse.

O 14 de abril segue a ter un efecto placebo para boa parte da esquerda que mantén a bandeira tricolor coma símbolo que volvería levarnos a un novo tempo

O proçés catalán veu esborranchar a idea dunha posible república confederal como a que estaba a configurarse logo das aprobacións dos estatutos catalán, vasco e galego. Devolveunos ao tempo das guerras das colonias para se liberaren dunha metrópole opresora que xa non era a do século XIX. O acontecido no tramo final do século XX foi un bo exemplo de avance e consolidación democráticos malia restaurar a monarquía, contrarrestada pola condición fundamental do parlamentarismo baseado na vontade do pobo soberano. Tamén é certo que a maioría das forzas políticas do posfranquismo optaron polo que consideraban un mal menor para dar paso a unha transición tipo «aquí pasou o que pasou», coma se un golpe militar, unha guerra civil e unha ditadura posterior fosen só capítulos para un libro de Historia.

Quen pode saber como serían as cousas se a proposta do partido socialista de 1978 fose aprobada polo resto dos constituíntes e fósemos desde aquela unha democracia republicana, ou en mellor expresión, unha república democrática e federal. O 11 de maio daquel ano, o deputado Gómez Llorente defendeu un voto particular contrario á monarquía porque «ningunha xeración pode comprometer a vontade das xeracións sucesivas e mesmo debe facilitar a súa libre determinación», emendando o parágrafo terceiro do artigo 1º do anteproxecto constitucional para promulgar «a República como forma de goberno». Foi unha posición lexítima e pertinente en consonancia coa lóxica histórica. Pero lexítima foi tamén a votación maioritaria que o rexeitou daquela.

Porén, o tempo non pasa en van e non é tolerable que hoxe en día a mera enunciación da palabra república provoque iracundos ataques de quen se consideran os únicos lexitimados para defender as esencias da convivencia pacífica e democrática.

Polo si ou polo non, e porque creo que este ano imos ver moitas bandeiras con franxas vermellas, amarelas e moradas en balcóns e lapelas, deberíamos ir normalizando e traer ao debate político a lexítima aspiración de camiñarmos cara a unha confederación republicana sen sermos acusados de atentar contra a paz e a orde.

Eu, pola miña parte, así o fago.

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail