O BNG perante a proposta Rufián

As recentes declaracións de Gabriel Rufián (ERC), reactivadas politicamente co gallo do encontro con Emilio Delgado (Más Madrid), interpelan o votante nacionalista, tamén na Galiza. Nestes anos, as esquerdas nacionalistas constataron o medre do seu voto e as súas militancias confían optimistas. Porén, Gabriel Rufián, que fala desde Catalunya, onde o independentismo lanzou na década dos anos dez a ofensiva máis importante contra o Estado, advirte que non se pode confiar nun futuro goberno do PP nos termos en que se enfrontou a Aznar, en 1996, ou a Rajoy, en 2011. Agora van en serio.

A tribuna de Rufián atópase en Madrid, epicentro da nova ultradereita (Ayuso incluída). Coñece ben o que se move por alí e como nesta lexislatura está imposíbel facer política. Sen ir máis lonxe, a insolvencia dos antigos convergents adopta hoxe a forma dunha tensión crecente da pugna entre Junts e Aliança Catalana. O que despexa o centro político do réxime do 78 onde CiU era garante da moderación de Aznar. É, porén, unha competencia pola impotencia que fai perder a Junts a centralidade na política catalana. Ai é onde Rufián ten medo (con razón) do que poida ser un goberno de coalición coa ultradereita (que lembremos en España non ten a tradición antifascista de Alemaña).

Esta emerxencia de ultradereitas homologábeis ás europeas está favorecida polos EEUU. Certo que levan anos de vantaxe, mais non é menos verdade que hoxe en día unha aceleración non é o problema. E menos coa desmemoria favorecida no seu día pola Transición española e articulada hoxe desde as redes sociais. Pénsese nos datos de Vox. Nas últimas xerais estaba de capa caída e practicamente empatou coa coalición das esquerdas estatais (cun 12,38% caía 19 escanos no Congreso; mentres que Sumar, que tamén perdeu votos, caeu ata un 12,33% e 31 escanos). Isto é, un empate técnico e en negativo, unha leve recuperación do bipartidismo. Mais agora, entre o triunfo de Trump e a estratexia de oposición do PP, Vox goza dun novo alento. Nas últimas enquisas roza o 20%, isto é, un de cada cinco votos (fronte a un Sumar que, logo de perder a Podemos, non pasa do 5%, ata 8,3% no caso de sumar os morados).

Con estes resultados na man, coa capacidade de negociación a nivel autonómico, permítelles albiscar o obxectivo dunha maioría absoluta xunto ao PP e situar a Abascal de vicepresidente. Desde o punto de vista da reforma do Estado a reacción centralista constitúe, xa que logo, un dos maiores perigos. Junts está en caída libre e carece de opcións para forzar o pacto ou negociacións co PP. Este, pola contra, ten un proxecto inequivocamente resimetrizador e centralista. Ante este contexto, as cousas están moi claras: non hai opción de defensa dos nacionalismos de centrodereita coas vellas fórmulas. E os nacionalismos de esquerda carecen do mínimo apoio institucional: o control dos seus gobernos autonómicos (e nisto Esquerra aínda se atopa algo mellor que Bildu e BNG).

De feito, a estratexia do BNG que ben serviu para reconfigurar o proxecto nacionalista reincorporando a figura de Beiras e de Anova, non abonda para derrotar o PP que prosegue nas enquisas un liderado electoral inequívoco da sociedade galega. Esta fase de reconstrución do nacionalismo xa rematou. Resulta como pouco inxenuo pensar que nestas circunstancias vaia haber unha oposición que non sexa marxinal (comodamente marxinal ao principio, pero marxinal, ao cabo).

Daquela, responder a Rufián tan expeditivamente como o fixo o BNG é non entender o que se está a xogar nestas eleccións. Outro tanto lle acontece, por certo, a Bildu, que non ao PNV, mesmo se no seu caso é certo que debe ter tacto de non quedar descuberto cos jeltzales. En definitiva, a día de hoxe estamos nunha situación excepcional que pide medidas excepcionais.

E o BNG está en inmellorábeis condicións logo destes anos para recuperar a hexemonía na esquerda e lanzarse polo poder autonómico. Sumar, sen Díaz, Lois e outros rostros visíbeis, non ten xa unha candidatura capaz de subtraer voto e repetir escano, pero isto non significa que vaia ir automaticamente para o BNG. De facer entender ao seu electorado que o risco de fascistización política é inevitábel, o BNG ben podería gañar votos e espazo nas próximas xerais.

En suma, o que vén non é unha dereita que teña que reconquistar o centrodereita. O que vén pode socavar as bases mesmas do nacionalismo. Recuperar un marco institucional, con todo, favorábel, non é pouco incentivo.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail