A Coruña.- A forma e o alcance das alianzas do Partido Popular co alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, que sostén cos seus votos na Deputación o sucesor de Manuel Baltar, Luis Menor, están a dividir o partido e debilitando a posición deste último, que está a ver como a contestación interna á súa xestión á fronte da institución e do partido se acrecentan semana a semana.
Jácome e Menor gobernan en minoría no Concello e a Deputación –o primeiro con 10 de 27 concelleiros e o segundo, con 11 de 25 deputados provinciais–, grazas ao seu apoio recíproco, aínda que escenificaron numerosos enfrontamentos torpedeándose mutuamente varias iniciativas. Jácome e a súa Democracia Ourensana (DO) xogan coa vantaxe de que o o PP non ten aliados cos que armar no Concello unha moción censura contra el, que, en cambio, si pode ameazar, e xa o ten feito, con asociarse con PSOE e BNG para tombar a Menor no organismo provincial.
Diante desa situación, varios edís populares expuxeron a necesidade de pactar co alcalde a súa entrada no Goberno local, para evitar que Jácome siga rendibilizando logros e investimentos que se sustentan nos votos do PP, pero que reforzan a posición política de DO ante a cidadanía.
Maioría absoluta
De feito, fontes da contorna crítica con Menor aseguran que algunhas sondaxes internas apuntan a que Jácome estaría a se aproximar á maioría absoluta, e eles, a un colosal trompazo. Por iso propoñen ofrecer ao alcalde estabilidade e o apoio investidor da Xunta de Alfonso Rueda, a cambio dalgunhas concellerías desde as que ofrecer ao electorado do PP xestión e resultados, no canto da inconsistente non-oposición na que se moven agora. Pero Menor oponse, e Rueda garda silencio.
O enfrontamento entre partidarios e detractores dese posible acordo, de cuxo contido Jácome xa ten coñecemento, fíxoxe patente hai tres semanas, cando un deputado autonómico afín ao presidente provincial chamou «ladróns» na súa conta de Facebook a varios dos concelleiros díscolos, que se reuniron a comer nun restaurante da cidade con outros altos e exaltos cargos e militantes e simpatizantes críticos con Menor. A súa resposta ao polémico post tras constatar que este non desautorizaba o deputado foi retar a dirección provincial convocando unha nova comida, o xoves da semana pasada, esta vez con máis comensais.

Segundo puido saber Luzes-Público, varios dos convocados recibiron chamadas e recados ameazantes da dirección do partido, que, con todo, non conseguiu desmontar o conclave. O equipo de Menor non desmentiu esas supostas presións, pero si lles quitou importancia: «No PP de Ourense non facemos valoracións de conversacións privadas entre compañeiros de partido», sinalaron a este diario fontes próximas ao presidente provincial.
Renuncia de Baltar
Luis Menor accedeu á Deputación no verán de 2023 e á presidencia do PP de Ourense no outono dese ano, co aval de Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda tras a renuncia de Manuel Baltar, inmerso en varios escándalos de corrupción derivados da súa imputación e posterior condena por un delito contra a seguridade viaria.
Contando tamén co apoio de Feijóo, Baltar, á súa vez, fixera alcalde a Jácome, terceira forza política da cidade, en 2019, para gobernar con el en coalición, primeiro, romper o acordo cando se desvelaron os indicios de prácticas corruptas do rexedor que provocaron a saída dos seus propios concelleiros en 2020, e volver ao pacto poucos meses despois, en 2021.
Desde entón, Jácome non deixou de medtar. DO foi a lista máis votada nas municipais de 2023, e nas autonómicas de 2024 obtivo un escano no Parlamento de Galicia. Case un terzo dos seus votos neses comicios gañounos fóra da capital, en municipios onde DO empeza a contar coa organización, cadros e infraestrutura necesarios para empezar a facer sombra á rede clientelar do PP na provincia, e onde tamén está a crecer o malestar dalgúns alcaldes, concelleiros e portavoces populares coa xestión de Luis Menor.