S02E23 – Hixiene ??

O mundo está cada día máis porco e por ese motivo as Womansplainers decidimos que tiñamos que discutir sobre HIXIENE. Na compaña de Laura Veiga, creadora do proxecto multiplataforma Pingando, e co patrocinio de PuntoGal, traémosvos un novo episodio que cheira que arrecende.
Este é un episodio para racharmos tabús, como o imperativo da ducha cotiá, que pouca xente confesa omitir. É duchármonos decote o que nos distingue dos nosos veciños europeos con sona de menos limpos? Precisamos as adultas, nestes tempos de recibos estratosféricos de auga e de luz, unha ducha diaria? Son bos tanto xabrón e tanta auga para a nosa pel?
A era da pandemia trouxo consigo novos hábitos de hixiene e de hixienización, coas súas inevitábeis fobias e neuroses. Cando e canto sentido ten a desinfección constante de superficies e de mans nos espazos públicos?
Como cada semana, achegámonos ao tema do episodio desde unha perspectiva de xénero: É sabido que as mulleres estamos suxeitas a unhas expectativas de hixiene maiores que as dos homes e que, no noso caso, se fan pasar por hábitos hixiénicos costumes que apenas teñen valor estético. Asimesmo, véndennos como produtos de «hixiene feminina» artículos de drograría pensados para a regra e deseñados desde a óptica de que a menstruación é algo suxo, que debe ser ocultado e disimulado con eufemismos e perfumes.
O pracer de se perfumar é outro dos paos que tocamos, porque a colonia pode intentar compensar unha hixiene deficiente ou atacar as pituitarias das veciñas cando a usamos a eito.
Por último, non podedes deixar de acompañarnos na nosa oda e elexía ao bidé, símbolo dunha fenda xeracional e imaxe de postal da hixiene «por parroquias», a hixiene que mellor define o noso territorio!

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail