Crónica (doutra) morte anunciada

As eleccións adiantadas en Aragón veñen cun aquel de primarias. Ante a falta de capacidade para facer oposición en base á defensa dun modelo propio, o PP optou por unha lexislatura de acoso e derribo contra Sánchez. Unha estratexia moito máis cómoda e con maiores beneficios. Ao cabo, de explicar o que pensan facer, nunca chegarían ao poder. Explotando o cabreo xeral a cousa vai mellor… Ata certo punto.

Ademais, é unha estratexia con certo fundamento politolóxico, habida conta de que o ciclo electoral actual nos descubriu un novo límite que xa adiantaramos: o da propia reconstrución do bipartidismo. Se Sánchez fiou a recuperación do PSOE como partido do réxime a pechar a crise co independentismo e cos herdeiros do 15M —e foille ben durante un tempo (2018-2023)—, ignorou porén que na actualidade o contexto vén marcado por Vox e a contrarrevolución elitista global da que fai parte.

Xa o temos dito noutros artigos e confírmano os resultados do domingo: a segunda chegada de Trump ao poder é un punto de inflexión na historia de Vox que foi acompañado por unha decisión intelixente: a «estratexia Bartleby» que a esquerda non quixo aplicar no seu día, isto é, saír dos gobernos autonómicos e liderar a oposición cun lema simple pero eficaz: «Preferiría non ter que…». Quen coñeza o libriño de Melville sabe ben do poder desta frase como resposta ás situacións de poder. Vox reina, pero non goberna porque xa o PP o fai por el… Polo de agora.

A estratexia de Abascal é non queimarse nunha segunda posición na dereita antes de tempo. Construír un partido non é doado e, no caso de Vox, á vista está que non tiñan un persoal cualificado para a complexidade da gobernanza actual. Pola contra, aprenderon ben as teses do núcleo irradiador de Errejón e velaí están os resultados para amosar que lles vai moi ben así. Hoxe celebran que duplicaron o voto e mañá comezarán a pensar nas eleccións de Castela e León, onde a cousa se antolla un pouco máis complicada, pois xa gobernaron, aínda que agora chegan sen ataduras porque xa o deixaron.

O caso contrario é o que amosan os resultados da esquerda. Tocar poder sen atender o contexto é o mellor xeito de perdelo definitivamente. É algo propio da cultura do PCE, que aínda a día de hoxe segue sen admitir que perdeu a Transición ante o PSOE e pensa que o post-15M lle deu a razón. Nas eleccións de onte, por sorte, había unha opción plurinacional de esquerda, o CHA, que puido rendabilizar o voto; non sen un desgaste importante infrinxido polas escisións de IU/Sumar e, sobre todo, Podemos.

Á marxe da euforia algo esaxerada da noite electoral, os resultados do CHA foron ben diagnosticados: bos resultados para o CHA, pésimos para Aragón. Co que hai non chega. Nestas eleccións o panorama político simplifícase: de 8 a 6 partidos e con maior concentración nos catro grandes (de 81,39% a un 86,16%). A derrota do bipartidismo do 78 afronta o crecemento dun novo bipartidismo de dereitas se non hai cambio de políticas na esquerda.

Non abonda xa con ser o partido alternante e esperar a túa quenda: o PSOE faría ben en tomar nota de que o vello bipartidismo morreu. Na actualidade, cómpre construír o espazo político antes de ocupalo. O exemplo alemán pesa aquí como unha lousa: de gobernar a ser unha terceira forza subalterna da democristiana. Non abonda con ir pescar no caladoiro minguante de Sumar cando tes unha ultradereita necroliberal en alza.

O mellor exemplo do PSOE é que no canto de facer caso das propostas de Sumar perfectamente asumíbeis (vivenda, renda por fillo, etc.), tómalle o pelo. E, por riba, Sumar dedícase a protestar sen entender que xa tería que estar fóra do goberno Sánchez hai tempo e así poder presentarse hoxe coas mans limpas no principal tema político do país: a vivenda. O feito de seguir no goberno, por moito que sen dúbida estean a facer, non vale nada cando as políticas do PSOE son suicidarias para si…, e para Sumar.

Os resultados de onte son sintomáticos: a participación medrou, polo que xa non vale pensar que hai marxe de tempo para pensar como sacar a esquerda de casa. Así aconteceu en Estremadura, pero xa non é o caso en Aragón e está por ver agora en Castela e León. Logo das eleccións de onte, imponse un xiro político (por certo, que Aragón adoita ser considerado o «Ohio» español, isto é, o voto máis similar ao das xerais). Queda por ver que Sánchez o entenda…, ou que Rufián atine coa súa rolda de conversas.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail