A Coruña.- A Xunta gastou 17.545 euros do orzamento público para encargar a unha empresa privada unha sondaxe sobre o uso do galego, poucas semanas despois de que o Instituto Galego de Estatística (IGE) presentara a súa propia enquisa sobre o mesmo tema con datos que cuestionan o sentido das políticas lingüísticas dos gobernos de Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda.
A adxudicación realizouse mediante un contrato menor sen concurso público que recaeu en Sondaxe, unha sociedade filial do grupo editor de La Voz de Galicia, o diario de máis tirada da comunidade e que o pasado venres publicou os datos íntegros do traballo que a Xunta, con todo, presentou só de maneira parcial en rolda de prensa o pasado xoves.
A enquisa do IGE, o organismo encargado de satisfacer as necesidades demoscópicas da Administración autonómica, publicouse o pasado 11 de outubro, e os seus datos alertaron de que por primeira vez na historia desde que existen rexistros ao respecto, a proporción de persoas de persoas que utilizan máis o galego que o castelán mudou: o 45,51%, fronte ao 53% dos que agora empregan máis o español.
Eses datos serviron á oposición, os sindicatos e as plataformas de defensa da lingua para criticar a política lingüística do PP, especialmente na educación pública, onde a Real Academia Galega tamén detectou que os escolares galegofalantes que ingresan no sistema educativo van abandonando o uso desa lingua, mesmo nos seus propios fogares a medida que van pasando de curso en curso e de ciclo en ciclo.
Cando chegou á presidencia da Xunta en 2009, Feijóo prohibiu o galego como lingua vehicular das materias técnicas e reduciu a súa promoción nos centros escolares, o que os críticos do PP consideran a causa do descrédito paulatino que tivo en colexios e institutos, a decadencia do seu uso no sistema educativo e a progresiva perda de falantes.

O pasado 17 de novembro, e esporeados polos datos do IGE que parecen confirmar esas críticas, os defensores do galego convocaron unha multitudinaria manifestación en Santiago, que esperan repetir o próximo 23 de febreiro tamén na capital de Galicia.
Poucas semanas despois de que se publicara a enquisa do instituto estatístico da Xunta, que foi realizada mediante 10.000 entrevistas, é dicir máis de oito veces máis que a mostra de campo de Sondaxe, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude encargou esta última sen concurso mediante un contrato menor de 17.545 euros, incluído o imposto sobre o valor engadido. É dicir, só 455 euros menos que os 18.000 euros do límite establecido pola lei de contratos do sector público para que a Administración pública estea obrigada a solicitar ofertas de varias empresas para adxudicar un servizo.
Sen documentos
A licitación da enquisa de Sondaxe, cuxos documentos a Xunta non ofreceu na súa plataforma de transparencia, como é preceptivo, rexistrouse pouco despois da manifestación de Santiago. O Goberno de Rueda presentouna o xoves pasado, a 18 días da nova convocatoria, nun acto no que estiveron presentes o seu conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o coordinador xeral do Plan de Normalización da Língua, Manuel González.
Aínda que non detallaron a enquisa de Sondaxe de maneira completa nin facilitaron os seus microdatos, senón só os seus resultados xa cociñados, os tres responsables da Xunta aseguraron que confirman o éxito do «bilingüismo cordial» que di promover o Goberno de Rueda, –Feijóo falaba de «bilingüismo harmónico»– nin, en definitiva, que o galego non está discriminado nin perde falantes, como din o IGE e a RAG.
Segundo a RAG, o número de galegofalantes caeu en 4000 persoas nos últimos vinte anos
Así, segundo Sondaxe e a Xunta, o 69% das familias que usan única ou preferentemente o castelán, o 52% das que empregan prioritariamente o galego e o 54% das que se manexan en ambos consideran que non existe discriminación idiomática. Menos aínda nos colexios, dado que máis dun 94% dos pais asegura que os seus fillos falan correctamente o galego, o 67,5% din que se expresan habitualmente nesa lingua e só un 31% se comunica exclusivamente en español.
Fronte a eses argumentos, a Real Academia Galega lembra que o que se deduce da enquisa do IGE é que o galego perdeu a condición de idioma habitual da maioría dos galegos, e que o número de galegofalantes caeu en 400.000 persoas –Galicia ten 2,7 millóns de habitantes– mentres o de castelanfalantes subía en 380.000. Os mozos de cinco a 15 anos que empregan sempre o galego ou o galego máis que o castelán son o 16% da poboación, apenas 34.000 persoas, fronte aos máis de 180.000 que se expresan só ou maioritariamente en español.
«Caída descomunal» en dúas décadas
«A caída nas dúas décadas que van desde 2003 a 2023 é descomunal», di a RAG, que mantén un diagnóstico preocupante sobre a situación do galego en Galicia. «Ten un serio problema porque aínda non contivo a perda de falantes ocasionada por históricas políticas de desprestixio e prexuízos sociais. As iniciativas normalizadoras non lograron erradicar eses prexuízos nin o medo ao emprego público da lingua».
Luzes-Público dirixiuse á Consellería de Cultura e á Secretaría de Política Lingüística para coñecer as razóns que xustifican a contratación dunha enquisa a unha empresa privada e o gasto de 17.545 euros de diñeiro público para contar con documentación estatística sobre un tema que un organismo público da Xunta xa tratou cun traballo de campo moito maior.
Á hora na que se terminou de escribir este artigo, ningún dos dous organismos respondera, pero unha vez publicado, a Xunta respostou que o encargo a Sondaxe foi «para ampliar o coñecemento sobre o uso do galego na sociedade, nomeadamente entre as familias con fillos escolarizados, e favorecer así que as comisións que se van encargar de renovar o plan xeral de normalización da lingua galega conten coa máxima documentación posible e complementaria aos datos que achegan as estatísticas elaboradas polo IGE».

Sondaxe e La Voz de Galicia forman parte de Corporación Voz de Galicia, que tras a morte do empresario Santiago Rey está en mans da Fundación que leva o seu nome e que desde hai cinco meses preside o xornalista Lois Blanco Penas.
La Voz, cuxa liña editorial leva anos solapada coas estratexias e políticas do Partido Popular na comunidade, é o medio de comunicación que máis axudas recibe da Xunta, ao redor de 16 millóns de euros nos últimos anos a través de subvencións directas e convenios bilaterais, sen contar coas cantidades que ingresa por publicidade institucional e outras prestacións ás que ten acceso como sociedade mercantil. La Voz de Galicia tamén é desde hai décadas o principal beneficiario das axudas da Xunta para a promoción do galego, a pesar de que a súa lingua editorial é o castelán, idioma no que están escritos a abafadora maioría dos seus artigos de información e opinión.